Censura de cancións na radio durante o franquismo.

Xosé Álvarez Castro

¿Que te pica, Martinica?. Censura de cancións na radio durante o franquismo.

O franquismo, xa desde os inicios, tivo moi en conta o potencial propagandístico e de control social da radio. Podería pensarse que o control se limitaba a programas de tipo informativo, pero o certo é que nada do que se emitía escapaba á vixilancia gobernamental. A tal efecto, o Ministerio de Información e Turismo contaba, nas distintas localidades, co Gabinete de Consulta y Comprobación, integrado por funcionarios adscritos ao chamado Servicio de Escuchas. Cada un deles recibía un caderno con notas que indicaban a atención preferente que debían prestar a determinados programas. Cos resultados das escoitas debían elaborar partes axustados a un modelo predeterminado. Aparte o cometido principal, debían “ser estimulados a que reflejen en dichos informes sus observaciones acerca de otros extremos, como la entonación y dicción de los locutores, nivel musical de las emisoras y porcentaje de música española y netamente extranjera, sonidos que acompañan a la acción en ciertos programas y, en muchos casos, a los programas publicitarios”. (Circular de 10-3-60). Ás veces, os medios técnicos cos que contaban eran moi precarios, como demostra que, en outubro de 1959, desde Vigo comunican que non puideran montar o Servicio de Escuchas por “carencia absoluta de receptores”.

As emisoras privadas, sometidas ás xefaturas locais ou provinciais de propaganda, estaban obrigadas a remitir o caderno de emisións diarias; estas emisións remataban co himno nacional e o grito de: “Saludo a Franco. Arriba España” entoado con “voz viril”. Debían, ademais, remitir unha estatística mensual das emisións.

Non só as emisoras estaban suxeitas a este estrito control, tamén o estaba o feito de utilizar altofalantes. Por exemplo, cando unha asociación de Mos fixo unha excursión ao Carballiño e quería utilizar dous altofalantes, solicitou un permiso e adxuntou a relación de cancións a reproducir. O mesmo fixo a de Santa Cristina dos Cobres que na lista incluía a Foliada da Peroxa e a Pandeirada de Tella, ás que cualificaba de “gallegadas”.

logo

Neste artigo centrarémonos na censura de cancións no primeiro franquismo. Xa desde a época da guerra había uns criterios xerais en canto a que tipo de música se debía potenciar ou restrinxir. No ano 1937, Manuel Arias Paz, xefe nacional da Delegación de Prensa e Propaganda, apoia a difusión de música española (popular, clásica e militar) e prohibe ou restrinxe o jazz e outros ritmos estranxeiros, con especial rabia contra o tango.

Na circular nº 52 (8-8-37) podemos ler: “En cuanto a la música de baile, es necesario utilizarla como un instrumento indirecto de propaganda sobre las costumbres”. Critica a aparición dun tipo de música que tiña como única novidade “un relajamiento de las normas estéticas musicales” e manda que a música de jazz e semellantes sexa radiada en moi escasa proporción. Sobre os tangos arxentinos “aparte de su ritmo decadente, la letra es una desdichada propaganda de resignación viril”. Recoméndanse marchas militares e pasodobres.

En etapas posteriores, aínda podemos atopar curiosas opinións contrarias a estes ritmos. Sobre o twist afírmase que existen “opiniones médicas condenatorias por considerarlo también peligroso para la salud física”. Ademais implicaba “concesiones perniciosas para la juventud y para el español sentido del decoro”.

As casas discográficas tiñan que remitir á censura os textos das cancións que desexaban gravar, así como as portadas das fundas. O ditame podía ser de varios tipos: a) Só para audicións privadas; b) Utilizable a partir das 11 da noite en lugares públicos e emisoras de radio; c) Apto para emisións infantís e d) Apto para emisións non infantís. Algunhas eran prohibidas para calquera uso.

listaxe de cancións prohibidas
Lista de cancións censuradas

Esta clasificación non significaba que puidesen emitirse polas emisoras; neste caso, confeccionábanse listas de cancións prohibidas, non radiables ou radiables con determinadas condicións. Estas cualificacións debían estamparse nos discos e, nalgunhas emisoras, o celo censor chegaba a inutilizar o disco cun punzón.

No caso das cancións prohibidas, en ocasións negociábase coa censura un texto alternativo. Foi o caso de “Eres diferente” (1960) composta por Guijarro e Augusto Algueró, na que cambiaron a frase prohibida de “tus labios besan de un modo distinto” por “tus labios ríen de un modo distinto” e conseguiu a aprobación.

Entre os anos 1960 e 1977 prohibiuse a emisión radiofónica de 4343 cancións.

En ocasións, era o cantante, independentemente das cancións, a quen se prohibía; así sucedeu con Yves Montand, militante do partido comunista francés. Organizacións como a Confederación Nacional de Padres de Familia tamén tiña moito que dicir e denunciaron a canción “Ojos verdes” interpretada por Concha Piquer e que poñía voz a unha prostituta: “Apoyá en el quicio de la mancebía…”. A petición da xefatura do falanxista Servicio Español del Magisterio (SEM), prohibiuse a emisión radiofónica do disco “La escuela de don Gaspar” por consideralo “depresivo para el prestigio de la Escuela y el Maestro”.

Entre as cancións prohibidas temos: “María Magdalena”, “Esmeralda ráscame la espalda”, “Fumando espero”, “Bésame morenita”, “Cosas del sultán”, La manguerita”, “Don Cornelio”, “Cómprame un negro”, entre moitas outras. Na maioría, os títulos son significativos do dobre sentido das letras, con alusións de tipo picaresco.

Entre as “non radiables” atopamos temas de cantantes moi coñecidos: Amémonos así” de Luis Aguilé, “La Paloma” de Jacques Brel, “Tú y Yo” de Augusto Algueró ou “Calma ese fuego” do propio Manolo Escobar. No caso de “Me casó mi madre” de Concha Piquer ou “Si vas a París papá” de Marujita Díaz, estaba autorizada a súa emisión só a partir das 23 horas.

A emisora “La Voz de Vigo” emitiu, en novembro de 1960, os discos “non radiables” “Ay cosita linda” e “Chiquillo” e, como era reincidente, instrúeselle expediente de sanción.

Para proporcionar unha idea dos textos que se prohibían, copiamos algunhas estrofas de cancións censuradas na década dos cincuenta e sesenta. Neste período, a censura céntrase maioritariamente en aspectos relativos á moralidade das letras máis que en cuestións estritamente de carácter político, que estaban practicamente ausentes nos textos e que serían frecuentes en épocas posteriores. As letras, de nulo valor literario, xogaban co dobre sentido das palabras e caían nos tópicos habituais deste tipo de cancións. Predominaban nelas o machismo máis descarado e unha concepción do papel da muller como un mero instrumento de pracer sexual ao servizo do home. A muller reprimida, insatisfeita sexualmente, á espera dun home, moitas veces encarnado nun bombeiro que “apague su fuego”, é a protagonista de moitas das cancións. Tampouco falta a muller ambiciosa que casa cun vello rico; xúntase así a desconsideración cara a muller co idadismo máis casposo.

Podemos concluír que, aínda que non fose esta a intención dos censores, o patrimonio literario non se viu moi afectado pola súa actuación.

El telegrama:

Tengo un marido ideal / muy constante y muy formal

que si un telegrama ha de echarme / nunca se fija en la hora ni lugar

y me lo echa en cualquier parte.

Si no fuera indiscreción / una pregunta le haría

Si mi esposo fuera usted / ¿Dónde y cuántos me echaría?.

El doctor Perico Aldana:

El Doctor Perico Aldana / consultando es un portento

sobre todo si es una dama / le hace un reconocimiento.

Las que tengan convulsiones / o padezcan mal de amor

como nuevas en dos sesiones / me las deja el tal doctor.

¡Ay doctor!, ¡Ay doctor! / Cúreme usted por favor

ande y reconózcame / deme usted sus medicinas

deme usted penicilina / que se lo agradeceré

míreme usted por delante / reconózcame por detrás

deme usted algún calmante / porque ya no puedo más.

La tortuga:

La tortuga es un bicho / que anda siempre despacito

en cuantito veo una / ya me marcho corriendito.

Y es que no puedo señores / que me mire con fijeza

sobre todo cuando saca / saca y mete la cabeza,

no sé lo que tiene ese saca y mete

que solo al mirarla ya me dá el tembleque.

Bombero fuego:

Tengo ardiente mi cocina / y también el comedor

y yo estoy sofocada / por exceso de calor.

He llamado a los bomberos / y no sé si llegarán

a librarme de este trance / de morir carbonizá.

Bombero, bombero, venga usted / y el fuego apágueme

Bombero corra por favor / Bombero, bombero de mi amor.

No me importa la cocina / ni los daños buen señor

si consigo yo salvarme / de este fuego abrasador.

El bombero de Sevilla:

Ay bombero, ay bombero / que talento tiene usted

con que gracia y que salero / la manga maneja usted

y le contesté al momento / cumplo con mi obligación

por algo yo soy bombero / para apagarle el fogón.

Mi radio:

Yo preciso de noche ilustrarme / a los sones de alguna emisión

más no sé que aparato quedarme / que me haga soñar con dulce ilusión

que tenga gran potencia necesito / y mucha resistencia al funcionar

que el enchufe sea fuerte y muy bonito / estando siempre dispuesto a conectar.

Mi dulce muñequita:

Yo, por miedo a quedarme soltera / me he casado con un buen viudito

que posee muy buena cartera / y además que aún está muy fresquito

Tan fresquito que me tiene en vela / muchas noches en friega que friega

porque el pobre, que es viejo, se hiela / si le dejo solito y me ruega:

Mi dulce muñequita / consuelo de mi amor

acércate vidita / y dame tu calor.

Que ya soy viejecito / y tengo, con razón

de frío encogidito / el dedo corazón.

Yo me acerco y, mimosa, le friego / con cariño el dedito encogido

hasta ver que recobra su juego / y se queda en su justo sentido

Pero luego, cansada, le dejo / y se queda heladito otra vez

y me dice afligido, soy viejo / y suplica poquito después.

¿Que te pica Martinica?:

Hay un bichito en Cubita / que pica una enormidad

sobre todo a las mulatas / cuando van al platanar

De noche no vayas / no vayas al platanar

que si te pica el bichito / te puedes quedar hinchá.

NOTA: Os documentos reproducidos proceden do Arquivo Dixital de Galicia. (Fondo da Delegación local do Ministerio de Información e Turismo de Vigo. AHPPO.) https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.es

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

Historia de vida de Xosé

Condena arcebispal a xornais impíos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥