CENTENARIO DO NACEMENTO

DO POETA PONTEVEDRÉS MANUEL CUÑA NOVÁS

Este ano celebramos o centenario do nacemento de Manuel Cuña Novás que naceu en Pontevedra en 1924, sendo un dos poetas máis destacados das xeracións de posguerra, xurdindo con el a escola poética coñecida como ESCOLA DA TEBRA.

Necesaria e lexítima é a súa lembranza, aínda que os organismos oficiais da cultura pontevedresa, exceptuando -por suposto- a Fundación Cuña-Casasbellas, dirixida polo seu fillo Miguel Ángel Cuña, padezan unha amnesia inexplicable, un esquecemento incomprensible.

Manuel Cuña Novás, agás o curto período de tempo no que vivirá en Cidade Real cando os seus pais foron destinados alí como mestres durante a República e que se prolongou ata o remate da Guerra Civil, residirá en Pontevedra ata a súa morte en 1992.

De Cidade Real regresa con 15 anos acompañado da súa nai e dos seus irmáns. O pai saíra para o exilio, onde morre en 1974.

É en Pontevedra onde realiza os seus estudos de bacharelato, no instituto da vila, aínda que debido seguramente ás circunstancias adversas que vivía a súa familia ao ser apartada a súa nai da escola polas autoridades franquistas, deixa o instituto sen rematar o bacharelato superior para traballar na Estación de Ferrocarril e contribuír á magoada economía familiar. Ademais de cumprir o servizo militar no cuartel de Figueirido.

É tamén en Pontevedra onde desenvolve o seu labor literario como poeta, desde que publica os seus primeiros poemas en periódicos e revistas locais con tan só 19 anos. Labor que manterá ao longo da súa vida.

E en Pontevedra afíliase ao PSOE, recuperada a democracia, exercendo como senador por este partido político ata a súa morte.

A partir de 1947 intensifica a súa produción poética e a súa participación na actividade cultural da Boa Vila, sendo este o ano no que comeza, así mesmo, a súa produción en galego que dá como froito o que será o seu primeiro poemario Fabulario Novo, composto por poemas escritos entre 1948 e 1951, dos cales publicará algúns en revistas e pregos soltos que regala aos amigos, todo isto antes de ser editado na súa totalidade na colección de poesía Benito Soto, en Pontevedra.

Son estes anos de gran recoñecemento e prestixio, mesmo lle foi concedida unha beca pola Deputación Provincial de Pontevedra para ir a París en 1952, onde entra en contacto con destacadas figuras do existencialismo e surrealismo. Recibiu, ademais, importantes galardóns en moi pouco tempo. Quizais o máis importante foi o concedido en 1951: o 1º premio de poesía do Centro Gallego de Buenos Aires a Fabulario Novo; outros, obtidos por poemas que presentou a distintos certames, foron os de os Xogos Florais de Ferrol, X Festa das Letras de Barcelona,e os Xogos Florais de Vigo.

En palabras do seu fillo Miguel A. Cuña, seguramente decidira presentarse co fin de gañar premios, motivado polo inferno no que converteran a súa vida e os precarios traballos cos que subsistía, quizais o fixexe pola súa muller e os seus fillos. O caso é que neste tempo mesmo se lle renderon distintas homenaxes e banquetes nos que participaron algúns dos máis importantes escritores da literatura galega da época, tales como Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María etc., etc.

Malia todo a partir de 1953 o poeta decide apartarse dese ambiente que non concordaba coa súa concepción da poesía e a sociedade e non volverá presentarse a ningún premio. Seguirá escribindo poesía:“aquela que en realidade importa”. Por iso vai gañarse a vida como escritor e periodista na prensa local pontevedresa e traballando no Concello, no Negociado de Cultura, ata 1982; pero non como poeta.

Este seu poemario, Fabulario Novo, para moitos poetas pertencentes tamén ás xeracións de posguerra, como Méndez Ferrín, Manuel María ou Bernardino Graña, é un dos libros de poesía máis importantes da historia da literatura galega do século XX, que ve a luz na época máis dura do franquismo.

Bernardino Graña refírese a el nos seguintes termos:

Fabulario Novo é punto de arranque de novos camiños para a poesía galega da segunta metade do século XX (…) A morte, o non saber, a noite dos sentidos e da alma, os defuntos, entraron de repente con verso serio, solemne, surrealista, patético, na obra de Cuña e, como diciamos, influíu poderosamente nos poetas novos dos anos cincuenta”

A poesía de Manuel Cuña é, como non podía ser doutro xeito, froito do tempo que lle tocou vivir, ese tempo que lle roubou a infancia e o pai, que transformou a súa vida amosándolle un mundo hostil, represivo, carente de liberdade: ese é o mundo das sombras, das tebras que enchen a súa poesía, pero que son soportadas ancorando a súa fe na esperanza da luz:

“Ponnos de luz, Señor, érguenos da terra,

feridos de piedade, arríncanos o espanto

da tebra apaixoada que roe a luz senlleira”

(Noite maior)

Di Xosé Luís Axeitos Agrelo en “A poética de Cuña Novás”:

 “O carácter humanístico deste poemario está fundamentado nas raíces da condición humana. Arranca do sufrimento dun ser que se sinte perdido, desorientado nun mundo que lle toca vivir e que a palabra escrita axúdalle a sobrevivir, sofre unha especie de purificación a través da única arma da que dispón, a palabra” 

Esa poesía existencialista, surrealista, poboada, como diciamos antes, de tebras e sombra xorde do pesimismo, por outra parte propio dese tempo de ditadura represiva, da súa personalidade proclive ao desacougo, da angustia existencial complexa dun eu lírico que manifesta o exilio interior; si, porque a carón do exilio exterior, o exilio xeográfico que padeceron tantos coetáneos de Manuel Cuña, ou da morte, castigo cruel sufrido por tantos outros, está o exilio interior que o afasta dunha realidade da que renega, que é tamén un tipo de morte. pero que malia todo non renuncia á procura da luz, que permanece en pé ante a derrota. Como indica Rei Núñez: “é a voz que se alza da derrota. Soa, pero moi alta”

 “Sobor de todo, ser, fronte a todo

e contra todo: xurdir do corazón feito semente

para o suco que as poutas do vértigo

abriron nas escumas do naufraxio.”

(De “Degaro”)

Tras a edición de Fabulario Novo, a partir do 52 deixará de escribir por un tempo en galego para volver á expresión poética en castelán, froito desta nova etapa é o considerado o seu mellor poema longo nesta lingua: Mar de otra luz, que nace da súa experiencia como mariñeiro cando, tras o retorno de Francia, se enrola nunha parella de barcos de Marín que ían realizar a súa tradicional campaña pesqueira ao Gran Sol.

Manuel Cuña Novás
Retrato de Manuel Cuña por R. Alonso 1950

Segundo Miguel A. Cuña, o patrón dirixindo o barco contra a tormenta ensínalle ao poeta o valor da existencia e o lugar, nesa existencia, da morte. Prodúcese neste poema o cambio da tebra, da noite, das sombras… a favor da musicalidade e da contundencia afirmativa da vida.

 “Hacia el mar encamino mi violenta amargura

como barco perdido sin timón ni consuelo,

entre rojas tormentas y azuladas quietudes

hacia una madrugada de alas y aguas libres.”

En 1976, de novo en galego, edita nun solto o longo poema: Canto e fuga sobor da terra e da morte, dedicado a Uxío Novoneyra. O seu argumento céntrase na irmandade entre os que están na emigración, o exilio ou a morte e os que se manteñen na Terra. En palabras do propio Manuel Cuña: “pretende el poema llegar a una unidad de ambas situaciones a que es sometido nuestro pueblo y no sé si lo consigue”. Reproducimos un breve fragmento:

 “Atende o pobo os sinos da nova servidume

coa loaira das fouces e coa eixada perdidas

cando o estar é unha ausencia doendo na nembranza

deica os tempos vindeiros

só a irmandade perdura.”

Manuel Cuña por Albatros
Retrato de Manuel Cuña por Albatros 1976
Manuel e Novoneyra
Manuel Cuña con Uxío Novoneyra en 1976

Escribe, tamén, en 1979 Réquiem con motivo da morte de Celso Emilio Ferreiro:

 “Irmán Ferreiro: Non. Ninguén o sabe.

E a ninguén digas

por quen nin para quen

forxaron o seu laio as túas verbas”

(1ª estrofa)

 

Castelao, e Lázaro. Segunda morte:

 “Na praia de Rianxo, irmán Daniel

inda caen como bágoas as estrelas.”

(últimos versos do poema Castelao)

 

“Pel e mortaxa

non distinguía a miña ollada enxoita

cando fun arroxado ao sofrimento

dista segunda morte”

(últimos versos do poema Lázaro. Segunda morte)

Desde os anos 50 decide vestir de negro, segundo conta o seu fillo, Miguel A. Cuña, reflexo dun loito interior que el mesmo explicaba contando unhas veces que remitía á súa reflexión filosófica de raíz existencialista e outras que era un loito pola xustiza e por todas as palabras que animaran a súa adolescencia republicana, agora baleiras do seu significado a causa da ditadura e da traición internacional (que non a condena e dálle o seu beneplácito). Por iso moitos pontevedreses e pontevedresas o lembran así, vestido de negro, pero tamén dunha afabilidade da que nunca se desprendía.

Foto homenaxe
Foto da homenaxe que lle fixeron en Pontevedra en 1991 os seus amigos poetas e artistas, un ano antes da súa morte. Nela pódese ver a Manuel María, Uxío Novoneyra. Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Herminio Barreiro, Sabino Torres, José Ruibal, Rafael Alonso e Luís Rey.

Quixemos con este breve apunte á súa figura renderlle unha humilde, pero sentida homenaxe na celebración do centenario do seu nacemento. Oxalá teñamos contribuído a coñecelo un pouco mellor e comprender a súa relevancia na sociedade pontevedresa en particular e na cultura galega en xeral.

 Temos, así mesmo, que agradecer ao seu fillo, Miguel Ángel Cuña Casasbellas, toda a información que nos proporcionou sobre a súa vida e obra e que compartiu con nós na recente celebración do XX Brumario poético, especialmente na xornada do día 18 de novembro dedicada a seu pai.

Por último, non estaría completo este artigo se non rompemos unha lanza en favor da Fundación Cuña-Casasbellas  @fundacioncuna-casasbellas9368 creada por Miguel Cuña e a súa nai no ano 2005 e que realiza desde entón un encomiable labor de divulgación cultural. Entre moitas outras iniciativas, que se poden consultar na súa páxina de Facebook e na súa canle de Youtube, leva organizando incansablemente todos estes anos os brumarios poéticos que acaban de rematar a súa XX edición, e todo isto sen contar con ningún tipo de subvención e sufrindo o inexplicable vacío dos medios de comunicación.

Bibliografía:

Miguel A. Cuña, Guión do XX Brumario Poético (novembro 2024)

X. Luís Axeitos Agrelo, A poética de Cuña Novás (Introdución a Fabulario Novo, Pontevedra 2008)

Luís Rei Núñez, A xeito de epílogo (na 2ª edición de Fabulario Novo, Vía Láctea 1991)

Ler tamén Recuerdo de mi padre de Miguel Cuña- Casasbellas

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A muller xabaril de Fina Casalderrey

Golpes de luz

70º Norte

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥