Eugenio naceu en Santa María de Xeve o 2 de decembro de 1948. Consta bautizado en xaneiro de 1949. Lembra que sempre lle chamaron Chicho e, curiosamente, á súa muller tamén lle chaman Chicha aínda que o seu nome é Asunción.
Eran tres irmáns, os nenos ían á escola con D. Abel e a nena con Da. Enriqueta na antiga sé do concello. Despois tamén tivo de profesor a Manolo Rivas. Non sempre podía ir á escola xa que tiña que atender os animais e axudar na casa. Súa nai morreu aos 40 anos, el apenas tiña tres. Seu pai tivo que marchar para gañar cartos aos altos do Sil e viña á casa unha vez por mes.
Os rapaces criáronse coa avoa que era unha muller maior que recolleu da inclusa a súa nai. Debía de ser solteira porque aínda que aparece o nome dun suposto pai seguramente era un irmán porque comparten o mesmo apelido.
Na casa plantaban centeo, millo, patacas etc. e cando era día de feira baixaban a Barcelos, en Pontevedra. Lembra como seu irmán nunha ocasión baixou a vender un porco e levouno andando a Pontevedra 6 km por camiños ata a feira do gando.
“O seu irmán nunha ocasión baixou a vender un porco e levouno andando a Pontevedra 6 km por camiños ata a feira do gando.”
Empezou a traballar de pintor con 16 anos. Aos 18 coñeceu nunha festa a súa muller, Asunción, tamén veciña da parroquia e coñecida xa da escola e a igrexa. Estiveron de mozos 6 anos. Entre tanto foi á mili. Tocoulle facer a a instrución en Cáceres e o cuartel en Madrid.
Casaron en 1972 e el seguiu traballando de pintor e acudindo aos cursos de cociña con Elena Argüello, cociñeira do restaurante Rúa, que aínda vive, di.
No ano 1974 decidiron ir a Suíza cun contrato de traballo para unha parella sen fillos, así poñía na oferta. Recorda facer a viaxe en tren de Pontevedra a Irún e logo a Xenebra. Non falaban con ninguén porque non entendían nada. Fóronos buscar a estación pero antes de pasar a fronteira tiñan que pasar un recoñecemento médico. Chamáronos varias veces, pero como non entendían o idioma non se decataron ata que os foron buscar.

Tiñan vivenda pagada e traballaban nunha empresa de reloxos en Le Locle, unha cidade na comuna Suíza do cantón de Neuchâtel que é dende o ano 2019 patrimonio da UNESCO. Alí traballou na fábrica de reloxos Asortement, logo chamada Nivaros. Despois de 8 anos cambiou a outra que se chamaba Metalem onde estivo 11 anos. Era o encargado de pintar as esferas dos reloxos. Tiveron que aprender francés para adaptarse á vida daquela cidade. Cando naceu o fillo aos tres meses xa o meteron nunha gardería. Traballaba de 6:30 da mañá a 7 da tarde.

Cada ano viñan dúas veces a Xeve onde xa mercaran un terreo ademais dun piso en Pontevedra. Cando o fillo cumpriu 10 anos decidiron volver definitivamente a Galicia. Chicho comezou a traballar de cociñeiro en A Gruta e a muller de pantaloneira para un xastre. Durante 19 anos fixo comidas para comunións, vodas, banquetes etc. sen ter descanso nin domingos nin festivos. Chegou a facer máis de 60 tortillas diarias. Xubilouse aos 63 anos porque xa estaba canso de cociñar e non ter tempo para a familia.
Agora cociña de vez en cando para festas de máis de 100 persoas. É famoso polos callos e as paellas que fai para tanta xente.


Non ten tempo para ver a tele xa que ten unha horta e animais que hai que atender. En inverno ve o parte e algunha película de noite, no verán xa non ve nada. Recoñece comer mellor agora que antes xa que cando estaba de cociñeiro papou moita tortilla e agora cóidase máis con verdura da horta e peixe fresco.
Desfruta moito facendo de avó porque non puido facer de pai xa que estaba traballando arreo.
Gústalle viaxar e antes da pandemia foi coas viaxes do IMSERSO a Valencia, Barcelona e Mallorca. tamén excursións de fin de semana.
Gustaríalle moito ir a Brasil onde teñen familiares que veñen visitalos pero eles nunca van alá.
Facemos esta charla mentres fai os callos. Ten todo calculado para que lle dea tempo para ir buscar o neto ao colexio. A muller está coa neta e calquera día veño para facer unha empanada de millo que sei que a fai moi ben e cóntame a súa historia de vida.
Gracias Chicho por compartir a túa cociña comigo e contarme un pouquiño da túa vida.
máis artigos
Actividades do 25 de setembro ao 1 de outubro 2023
by Ana | Setembro 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 18 ao 24 de setembro 2023
by Ana | Setembro 17, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 11 ao 17 de setembro 2023
by Ana | Setembro 10, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 4 ao 10 de setembro 2023 #devellabella#
by Ana | Setembro 2, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de Xuño 2023 por José A. Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Xullo 13, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de maio 2023 por José A. Pérez
by Xose Antonio Pérez Graña | Xuño 4, 2023 | Actividades | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Guillermo Campos Piñón por Ana Santos -devellabella-
by Ana | Xuño 29, 2023 | Historias de vida | 1 Comment
Marisol Mato Taboada por Ana Santos
by Ana | Xuño 11, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Intolerancia por Jesús Gayoso Álvarez
by Colaborador | Setembro 24, 2023 | Articulos | 0 Comments
Ateneo de Pontevedra por Xaime Toxo
by Colaborador | Setembro 17, 2023 | Literarias | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
A educación por Jose María Solla Casqueiro
by Colaborador | Setembro 16, 2023 | Fotográficas | 0 Comments
Trackbacks/Pingbacks