“Fundit ab extremo flavos aquilones suevos”.

                       “Do extremo norte espalla aos 

                   loiros suevos”.

                     Marco Anneo Lucano, 39-65 d.C.

     No ano 218 a. C., en plena Segunda Guerra Púnica,  a República de Roma enviou aos irmáns Publio e Cneo Escipión á cidade de Emporión, hoxe Empuries, no Alto Ampurdán, co propósito de se apoderar tanto  da Península Ibérica coma dos asentamentos fenicios e carthaxineses na mesma xa existentes.

     Máis tarde, no 138 a. C., o xeneral romano Décimo Iunio Bruto atacou a Lusitanos e Galaicos, acabando con mais de cincuenta mil deles, o que lle permitíu chegar ás beiras do  Miño, onde admirou a posta do Sol no Océano, e ser distinguido tanto co alcuño de O Galaico coma coa denominación de Proconsul.

         Arredor do 60 a. C., o Propretor Caio Julio Cesar, que  combatía contra os lusitanos, utilizou as naves de Gades, a Cádiz de hoxe, para explorar a Gallaecia, creando unha situación de pánico entre os  seus moradores, especialmente os da cidade de Brigantia ([1]), no Porto dos Ártabros, comerciantes  de metais en ambarcacións de bimbios. Como consecuencia, os brigantinos rendéronse, facilitándolle a César un inmenso botín e o título de Cónsul.

O conflito do 218 a. C. polos irmáns Publio e Cneo Escipión iniciado, rematou aínda douscentos anos despois, o 19 a. C., durante as chamadas “Guerras Cántabras  ”, nas que participaron tanto Octavio César Augusto, dende o 27 a. C. primeiro emperador de Roma, e cantos combatentes atacaron  entón á Península.

     Xa no 298, nesta ocasión despois de Cristo, en tempo do  Emperador Caio Aurelio Diocleciano, (284-305), a Gallaecia pasou a ser Provincia, espallándose dende o extremo noroccidental da mesma ata as Fontes do Ebro[2].

     Anos máis tarde, no 406 d. C., Hermerico, importante caudillo suevo, cuado de nación, á fronte tanto do seu pobo coma de vándalos, alamáns, burgundios e xermanos,  cruzaba o Rhin coa intención de se adentrar no Imperio Romano.

     Tres anos máis tarde, no outono de 409, foron suevos, vándalos e alanos, os que sobrepasaron os Pirineos para acceder á Península Ibérica, entón coñecida coma Diocese das Hispanias, dependente do Prefecto das Galias.

      Segundo o que se afirmou, tales pobos saquearon e mataron a pracer. Se ben que no ano 411, “cando as provincias estaban arrasadas, e, convertidos á idea de procurar a paz para habitalas, dividiron por sorteo os distritos das mesmas. Os vándalos ocuparon entón a Gallaecia, e os suevos a parte do extremo occidental do mar Océano, -incluída a metrópole Braga-, mentres que os alanos se repartían a Lusitania e a Cartaginiense, e os vándalos alcumados silingos a Bética”.

[1]  Brigantia, Brigantium en latín, e “lugar elevado”, debeu de estar relacionada con Bergantiños, -Malpica de Bergantiños-, A Coruña,  Betanzos, na baía de Sada,  e os ríos Mandeo e Mendo, ou tal vez tamén con Ferrol e Ares. 

[2]Abranguendo  tan  enorme extensión.

           Con base  nos datos cos que se conta, parece, non obstante, que o asento dos suevos foi bastante pacífico, segundo  a metáfora  bíblica de Paulo Orosio de Braga: “converteron as súas espadas en arados”, ademais de  que os primeiros desacordos que tiveron cos “Gallaeci” producíronse vinte anos máis tarde.

      A través do político e historiador Caio Cornelio Tácito, (55-120), sábese tamén que os suevos eran excelentes agricultores nas súas terras de orixe, o que nos permite pensar a clase de actividades que deberon de practicar unha vez que se instalaron entre nós.     

A monarquía por Hermerico entón establecida debeu ser, coma as dos demais xermanos, electiva, correndo a cargo da Asemblea Nacional e da Asemblea de Xefes tanto o  referendo das mesmas como o seu  control. Os soberanos suevos tiñan, si, a obriga de respectar un ordeamento xurídico de fondo consuetudinario, que regulaba o funcionamento do seu embrionario estado, mais, como tamén asegura o mesmo Tácito, “non tiñan un poder ilimitado, nin arbitrario”.                                                     

     En canto ao seu exército, consistía en homes libres, infantes e xinetes, con lanzas, arcos, cotas de malla e espadas. Hermerico cuñou axiña moedas semellantes ás de Roma, e aínda que pagán  non se inmisciu nas crenzas relixiosas dos seus súbditos. Unha das cuestións que se tiran dos documentos de entón é a de que na Gallaecia continuaron a exercer tanto católicos coma priscilianistas, as dúas confesións relixiosas do Reino, e que  este foi visitado por bispos tanto de Arabia coma de Grecia.

     Tamén se advirte que, nas partes que os galaicos conservaron, Hermerico limitouse a superpoñer a súa estrutura política. E non abandonou  as cidades, nin permitíu ningunha alteración drástica nelas,  como as que, nalgúns intres,  se pretendeu facernos  crer. E tanto o comercio como as industrias tardorromanas se mantiveron ata o século VII, en tempos xa do dominio visigodo.

No aspecto político Hermerico decantouse polos pactos e  as negociacións, artellando acordos cos galaicos, cos que, cara ao ano 433, e baixo intervención episcopal, fixo a paz logo de recibir reféns. Paz que confirmou no ano 438 cando, oprimido por unha grave doenza, asociou no reino ao seu fillo Rechila, vencedor do romano  Andevoto no río Singuilion, hoxe Genil, na actual Andalucía. A grande expansión sueva que, arredor do ano 451 controlou unha boa parte da Península, foi xa posterior.

     Considérase tamén que Hermerico renunciou a imporlle a súa fala aos novos súbditos, mais numerosos que os  suevos, e que fora el, coma rei, “dux”, ou Caudillo, quen liderara a espectacular marcha do seu pobo, dende as actuais Chequia, Eslovaquia e Austria, ata as “extremas sedes da Gallaecia”.

     Estímase, así mesmo, que foi un gobernante avanzado para o seu tempo, aínda que tivo que se enfrontar co vándalo Gunderico, (407-428), que o asediou nos montes Nerbasios ([3]).    

[3]  Segundo a “Crónica Gálica” do ano 453, Gunderico pretendía apoderarse das terras suevas próximas a Braga. Mais, unha vez vencidos, a Gallaecia pasou toda ela ás mans de Hermerico, índose os Vándalos, primeiro para a Bética, e despois á Mauretania e  África.

Falecido Hermerico no ano 441, cando contaba cuns 60 ou 65 anos, ata o 585 foi sucedido por máis de quince monarcas suevos, non chegando a coñecer, polo tanto, que, o día 4 de setembro do 476, desapareceu para sempre o ata entón invencible Imperio Romano, e o seu derradeiro emperador Rómulo Augústulo.

Hermerico

Finalmente, Andeca, rei da Gallaecia no período 584 a 585, foi vencido polos visigodos que, despois de tonsuralo nun mosteiro, desbastaron o país,  mentres que o último monarca do suevo, Malarico, (585), pasaba  desapercibido. Pouco despois, arredor do ano 694, o visigodo Egica, (687-702),  asociaba no trono ao seu fillo Witiza, converténdoo en Rei da Gallaecia ata o ano 702, data do falecemento de Egica.

Witiza situou a súa corte en Tui, ao pé do río Miño, e, segundo documentos coma o “Cronicón Albedense”, o “Emilianense”, o “Tudense”, e outros árabes, contou no seu séquito co posible rei de Asturias, Pelayo ou Pelagio.

           Musulmáns maioritariamente procedentes do norte de África, accederon a partir do ano 711 á Península Ibérica, apoderáronse  tanto de partes da mesma coma das Galias, denominando ao mesmo tempo “Djalikyah” á antiga Gallaecia. O periodo de recuperación destes territorios e dos reinos cristiáns entón en expansión, foi duns 780 anos, e finalizou o 2 de xaneiro de 1492.

     Facendo agora un necesario chimpo histórico, pasamos a referir que, en novembro de 1807, o militar francés, Jean-Andoche Junot , Duque de Abrantes, entrou en España á fronte das tropas napoleónicas, e que, unhas semanas máis tarde, o 2 de febreiro de 1808, se produciu en Madrid un  erguemento popular contra as mesmas, co efecto de que os monarcas Carlos IV, e o seu fillo, Fernando VII, abdicaron a favor de Napoleón, en tanto que era introducído no país o seu irmán maior, José Bonaparte, Rei de España de 1808 a 1813.

A entón denominada “Junta Suprema del reino de Galicia”, creada o 30 de maio de 1808, única parte de España libre de franceses, loitou entón contra eles. Mentres que, o 19 de marzo de 1812, creábase unha necesaria “Constitución Española”, tamén coñecida coma de Cádiz, ou “La Pepa”.

     A Conflagración que afectaba ao país durou aínda os anos 1808 a 1814, con Fernando VI en Francia. Tan só o 13 de marzo se atreveu a retornar, cousa que fixo cruzando por Xirona para, uns días despois, o catro de maio, abolir en Valencia a “Constitución de Cádiz”, chegando a Madrid o 13 de maio.  

     Isabel II, unha filla súa, nada o 10 de outubro de 1833, data tamén do  pasamento do mesmo, foi entón xurada coma Princesa Herdeira, sendo a súa nai, cuarta esposa do defunto, María  Cristina de Borbón dos Sicilias, a rexente.

    Dos feitos dende entón acontecidos temos que salientar ao  político, xornalista e dramaturgo, Francisco Javier de Burgos y del Olmo, -Motril, 22 de outubro de 1778-, partidario de “afrancesados”, e artífice da división provincial de España.       

De Burgos, que estudara en París, onde se interesou polos clásicos, especialmente por Horacio,  retornara en 1819, ofrecéndonos, pouco despois, o seguinte aviso: “Exposición dirigida a S.M. D. Fernando  VII desde París, el 24 de enero de 1826 por el excelentísimo señor don Burgos, . . . , sobre los males que aquejaban a España en aquella época y medidas que debía adoptar el gobierno para  remediarlas”.

     O 21 de outubro de 1838, comenzo teórico do reinado de Isabel II, Francisco Javier de Burgos foi nomeado “Secretario de Estado do Reino”, unha data máis tarde, “Ministro de Fomento”, mentres que, dous días despois, o 23-10-1833, un real decreto beneficiábao co “Diario da Administración Interior”.

Hermerico1

     Seguindo as reformas introducidas por  Napoleón, Javier de Burgos levou entón a termo a división territorial do país, con base ás habituais sete, en ocasións cinco, provincias do antigo Reino de Galicia, aprobando o 30 de novembro de 1833, as   coñecidas:  A Coruña, Lugo, Ourense, e  Pontevedra.

     A partir de entón foi bastante canto a historia nos deparou, dende a independencia, e perda das colonias, -anos 1810 a 1998-, ata a aparición dunha candidatura progresista na Coruña, 1841, un movemento republicano en 1846, o erguemento de 1854, a revolución de 1865, o pacto federal galaico-asturiano, un erguemento republicano no Ferrol, unha Primeira República, a Repùblica Federal, o movemento rexionalista galego, os Xogos Florais de Tuy, a Academia Galega, a Organización republicana galega autónoma, o proxecto do Estatuto Galego de 1931, o do Estatuto  Galego do 3 de xuño de 1932, plebestizado masivamente en febreiro de 1936, aínda que entorpecido pola Guerra Civil de 1936-1939, as Guerrillas, o Partido galeguista, as primeiras eleccións do 15 de xuño 1976, ou a Asemblea de Parlamentarios de Galicia que aprobou o 12 de outubro de 1977 un borrador de proxecto autonómico.

        Nel a Xunta de Galicia aparece no ámbito da Constitución española de 1978, recoñecida a súa condicción de Nacionalidade Histórica, -“BOE” número 101 do 28 de abril de 1981-, firmado polo rei Juan Carlos I,  coma  órgano colexiado de Galicia, cun Presidente e once concelleiros. E coma remate lembrar que, durante unha boa parte do pasado século vinte, na parroquia de Tameiga, concello de Mos, houbo un invencible equipo de Fútbol, o “Suevia”, que rememorou ao histórico “Primeiro Reino de Europa” polo Rei Hermerico creado.

Xoan Bernárdez Vilar

Xoan Bernárdez Vilar

Historiador

Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega. Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como: 

 Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.  

Xeografía do mito de Tristán e Iseu. 

A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.

O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.

O rei Artur: Mito e realidade

Ademais dedicouse tamén á  narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo  Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83. 

Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.

Artur de Britania

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥