Estes dous textos, case consecutivos, publicados en Esencial o menos intentan abordar con seriedade o que de verdade  hai de ecolóxico nos coches eléctricos. Dous aspectos importantes non quedan claros no que se le sobre eles e o que as leis van definindo sobre o seu futuro, tratando de eliminar os nocivos motores de combustión interna.                                                 

Sobre a pegada de CO2é certo que é menor ca a dos coches convencionais, se se considera toda a vida de ambos, desde o seu nacemento deica o seu final?

 Sobre  o  consumo enerxético: cal  é ol balance, no en termos monetarios, senón enerxéticos, ao longo de todo o ciclo de vida?

 No primeiro comentario considerábase a pegada de carbono do eléctrico antes da súa posta en circulación, pero non se di nada da que arrastra na súa fabricación o coche convencional.

 Por iso, o segundo expón de modo máis preciso un estudo comparativo que analiza a pegada total de carbono de dous modelos equivalentes da mesma marca.

 O segundo aspecto, o  balance enerxético, está por facer. De feito é imposible mentres domine a economía monetaria convencional sobre unha que mida unidades de enerxía, que está por construírse.

Soñan os androides con coches eléctricos

 Parece que nesta sociedade cada vez máis verde, gobernos nacionais e organismos internacionais ven no coche eléctrico unha grande axuda para a eliminación das emisións de gases de efecto invernadoiro. O lexislador semella disposto a eliminar por completo os motores de combustión interna e substituílos por motores eléctricos.

Coche verde

A opinión pública e os medios de comunicación están case unanimemente acordes con esta idea. Se buscamos artigos sobre o tema atoparemos comentarios sobre as vantaxes destes vehículos, xunto con algúns inconvenientes aínda non resoltos, pero que sen dúbida o estarán cando estea a punto a tecnoloxía correspondente. Un deles é a autonomía do coche eléctrico,   porque as actuais baterías, ademais de grandes e pesadas, requiren un longo tempo de recarga, ademais do que escasean os lugares de reabastecemento.

Outro artigo,  É o coche eléctrico o futuro?  analiza  as súas vantaxes e desvantaxes. Entre as primeiras a que serve de base ás demais, que son de carácter máis político e administrativo. Esa vantaxe inicial pregoada é que non emite CO2 nin óxidos de nitróxeno. Ademais, os motores eléctricos son máis eficientes que os de combustión interna, porque a mecánica é moito máis simple e a perda de enerxía na transmisión ás rodas é menor. As outras vantaxes derivan de políticas monetarias e urbanísticas: beneficios fiscais, axudas para a súa compra, facilitación do acceso e aparcamento nas cidades…

 Agárdase que os inconvenientes mencionados se superen coa extensión da infraestrutura de recarga e a optimización das baterías. Outro problema é o prezo aínda que se espera que vaia descendendo. De momento para fomentar a substitución, ademais de políticas coercitivas aplícanse axudas para comprar un coche eléctrico.  Non é evidentemente unha solución real, senón unha máis das políticas fiscais e fiduciarias que disimulan e aprazan os problemas.

Algúns datos que encontro nun artigo de Joaquín Rábago publicado no Faro de Vigo o 7 de novembro, rediríxennos á raíz desta espiñenta cuestión de fondo que case non se ve, que moitos non queren ver, outros non queren que se vexa e que case ninguén se atreve a afrontar:

  •  Un automóbil mediano con motor de gasolina xera unha tonelada de CO2 nun percorrido de 7.000 quilómetros.
  • O seu equivalente con motor eléctrico lanzou xa á atmosfera, antes de pórse en marcha, máis gases de efecto invernadoiro dos que xeraría o primeiro en 000 quilómetros.
  • A fabricación dun coche eléctrico consome máis enerxía e emite máis CO2 que un fogar medio de calquera país centroeuropeo nun período de dez an
  • A produción de millóns de automóbiles eléctricos, subvencionada por certo polos gobernos con miles de millóns de euros, expulsará á atmosfera decenas de millóns de toneladas de CO2.
  • Equivócase ou directamente engánanos quen asegura que as enerxías renovables vannos permitir previr a catástrofe sen ter que cambiar de modo de vida e de pautas de consumo.
  • A fabricación dun coche eléctrico emite tanto CO2 porque na súa produción empréganse combustibles fósiles que xa escasean, como escasean algúns minerais imprescindibles. Unha dobre espiral enerxética e climática que o sistema económico capitalista intenta retrasar o máis posible sen cambiar as súas regras

 Nun dos episodios do filme Pajaritos y Pajarracos,    unha nai que non pode dar de comer aos seus fillos engánaos facéndolles crer que aínda non amence cando espertan famentos. Pecha as contraventás do cuarto e repítelles: “durmide, aínda é noite”.

 Agora teremos que berrar alto e claro: “espertade, que anoitece!”.

Máis sobre o coche eléctrico

 Continúo indagando para tratar de resolver as dúbidas que presentei sobre estes vehículos en Soñan os androides con coches eléctricos. Alí mencionábase que antes de pórse en marcha un deles lanzara xa á atmosfera máis gases de efecto invernadoiro que os que xeraría un con motor de combustión en 80.000 quilómetros. Neste aserto falta polo tanto averiguar cantos gases lanzou antes de pórse en marcha este último. Non todo é o consumo ou a contaminación durante a marcha, porque hai un antes e un despois.

cargador coche eléctrico

Cando se promociona o coche eléctrico arguméntase con razón que ao longo da súa vida útil non emite gases de efecto invernadoiro. Pero hai dúas cuestións que se obvian e que permiten dubidar de que realmente sexa un proxecto viable.

 Unha delas é o emprego para as baterías de minerais raros de difícil extracción, cuxa escaseza conduce a un dilema insalvable: ou ben non poderán subministrarse na escala e ritmo esixidos, ou esgotaranse rapidamente. Non falo aquí do problema máis xeral dos límites das enerxías renovables que van dificultar a transformación do noso modo de produción.

 O argumento principal para a súa promoción é o xa mencionado de que non hai  nestes vehículos un tubo de escape que lance gases contaminantes, entre os que se atopan os que provocan o cambio climático en curso, de innegable orixe antropoxénica. E aquí xorde un interrogante que hai que resolver: nos procesos necesarios para fabricalo prodúcense gases de efecto invernadoiro? Parece evidente que si, como na fabricación de calquera vehículo con motor de combustión interna. A cuestión que interesa é se os novos coches, antes de saír de fábrica, contaminaron xa máis que os antigos. E semella que é así.

Procede facer un balance total que abranga todos os procesos implicados, desde o inicio deica o final da vida do vehículo. Extracción e transporte de materiais, fabricación, posta na estrada e mantemento, utilización e, finalmente, desmantelamento e reciclado de materiais e eliminación de residuos. Tamén debe abranguer o estudo o balance enerxético. Debe facerse en paralelo entre tipos de vehículos da mesma categoría e similares prestacións, e en dúas direccións: o balance de emisións do que tanto se fala e o enerxétco que se menciona menos.

  Isto é o que iniciou, no primeiro sentido, a compañía Volvo, segundo un artigo publicado en  autonoción.com    o 12 deste mesmo mes. Conclúese que o coche eléctrico precisa case 200.000 quilómetros para compensar o CO2 que se emite na súa fabricación.

 Por desgraza, o balance enerxético, no actual sistema de cómputo económico, é moito máis difícil de establecer, porque traslada a balances monetizados, baseados sempre en expectativas coxunturais de beneficio inmediato, os custos reais en termos de unidades de enerxía.

 Está visto que non hai panaceas.

Juanjosé Guirado

Juanjosé Guirado

Arquitecto

Juan José Guirado Fernández, sevillano de nacemento (Écija 1946) e pontevedrés de adopción, tras rematar os seus estudos de arquitectura desenvolveu a maior parte do seu traballo como arquitecto en Pontevedra, traballo que, por circunstancias da vida, foi abandonando para dedicarse ao ensino, comezando por unha substitución no IES Concepción Arenal de Ferrol e aprobando posteriormente as oposicións a profesor de debuxo, profesión que exerceu en Pontevedra durante sete anos, seis deles no IES Valle Inclán.
Despois de rematar a súa tese doutoral, acabou na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, no Departamento de Deseño, no que traballou ata a súa xubilación hai agora sete anos. Ao longo dese tempo participou en diversos congresos e cursos dentro e fóra de España e realizou estudos sobre xeografía, historia, antropoloxía, filoloxía e literatura.
Desde hai dez anos escribe puntualmente no seu blog esencial o menos sobre estas e outras materias. Ademais da súa tese é autor de tres libros sobre xeometría e deseño.

Versos de acero

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥