Cogomelos, beleza e diversidade
Xosé ÁlvarezDurante todo o ano, principalmente no outono, no solo dos bosques e das viñas, nos herbeiros e nas árbores, xorde unha morea de seres cunha fascinante diversidade de formas, cores e tamaños. Debido ao seu aspecto e aos efectos que producen ao comelos foron motivo de curiosidade dende os tempos máis remotos; tamén se aproveitaron como alimento e moitas veces infundiron temor. Eses seres son os cogomelos ou setas. Para ser precisos, as setas ou cogomelos son os órganos que empregan para reproducirse uns seres vivos que, xeralmente, viven baixo o solo ou as follas caídas e no interior ou na superficie dos vexetais. Eses seres son os fungos e forman un reino propio, o reino Fungi ou micetal. Non son, polo tanto, vexetais como se pensaba antigamente. A súa característica principal é a carencia de clorofila polo que teñen que tomar o seu alimento de substancias elaboradas por outros seres (animais, vexetais, outros fungos); para facelo transforman ditas substancias mediante exoenzimas e logo absórbenas.
Un fungo consta duns filamentos que forman a parte vexetativa ou micelio e que, como dixemos, vive sobre distintos substratos; en determinadas condicións de temperatura, humidade ou luminosidade producen os carpóforos ou setas. O micelio dos fungos ten crecemento circular, polo que é habitual que os cogomelos formen rodas coñecidas polo nome de “corros de bruxas”. Precisamente o descoñecemento deste fenómeno e a aparición repentina destes círculos (que, ás veces, poden acadar quilómetros), fixo que se asociasen ao mundo máxico, ao supor que era o lugar onde bailaban as bruxas (e de aí o seu nome).
Phallus impudicus
Mutinus sp
Xylaria
Mutinus
Sparassis
Para estudar as partes dunha seta ou cogomelo, podemos tomar como mostra un exemplar do xénero Amanita; nel podemos distinguir a volva (especie de saquiño que envolve a parte inferior do pé), pé, anel e sombreiro con láminas na parte inferior. Pero, máis alá deste modelo clásico, a variedade é enorme como podemos apreciar nas fotografías, todas procedentes do contorno pontevedrés. Atopamos xéneros como o Phallus ou o Mutinus, cunha forma capaz de escandalizar algunhas mentes pola súa forma fálica e cun cheiro a cadáver que bota para atrás, ou o Craterellus, que co seu nome vulgar de trompeta dos mortos xa nos indica con que se acostuma relacionar; outros impresionan pola súa cor como a Amanita muscaria e a Stropharia ou polo tamaño como Laetiporus sulphureus.
Os fungos teñen un papel fundamental nos ciclos do carbono e do nitróxeno, ao posibilitaren o seu peche sendo esenciais para a vida no planeta. Segundo o tipo de alimentación, podemos considerar tres tipos de fungos: os saprófitos (viven sobre restos animais ou vexetais aos que descompoñen), os parasitos (aprovéitanse doutros seres danándoos e mesmo producindo a súa morte) e micorrícicos (relación de convivencia con outros seres con produción de beneficio mutuo).
Amanita muscaria
Boletus edulis
Amanita phalloides
Clathrus archeri
Calocera sp
En canto ao seu uso como alimento, podemos clasificalos en comestibles, tóxicos e sen valor culinario. Dentro dos primeiros atopamos especies moi apreciadas como o Boletus edulis, Cantharellus cibarius, Amanita caesarea, Macrolepiota procera ou Lactarius deliciosus, e nas tóxicas máis perigosas temos diversas Amanitas como a phaloides, verna, virosa…e as Lepiotas de pequeno tamaño, Paxillus involutus, entre outras.
A única norma segura para o recoñecemento dos cogomelos é a identificación mediante as súas características morfolóxicas, axudados pola consulta dunha boa guía ou a axuda dunha persoa experta. Entre as persoas afeccionadas á micoloxía hai un dito a ter en conta: “Todas setas son comestibles pero algunhas unha soa vez” (enténdase que non hai lugar para unha segunda vez porque na primeira xa se marchou para o outro mundo!).
Hydnum repandum
Trametes sp
Laetiporus sulphureus
Lesmas comendo setas
Neoboletus erythropus
En Galiza non son especialmente abundantes os nomes vulgares dos fungos e adóptase a denominación xenérica de “pan de sapo” ou “pan de cobra”. Un caso á parte é o da Macrolepiota procera , moi coñecida e consumida, que recibe diferentes nomes: choupíns, cogordos, patamela, monxo, zarrota… É recomendábel a utilización da nomenclatura científica para evitar confusións, así: Macrolepiota (xénero) procera (referente da especie).
Sirva esta sinxela introdución ao apaixonante mundo dos cogomelos para acompañar as imaxes que son unha proba gráfica da sorprendente diversidade de formas que poden adoptar.
Texto e fotos: Xosé Álvarez Castro.
Xosé Álvarez Castro
Historiador
Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia.
Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED.
VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥