Madroño en castelán, gurbitz en vasco, arbocer en catalán, arbousier en francés, strawberry tree en inglés, e albedro ou érbedo en galego, son algúns dos nomes que recibe esta pequena e modesta árbore que habita en amplas áreas da Europa atlántica e mediterránea. Normalmente non supera os cinco metros de altura pero en condicións axeitadas pode acadar os quince metros.
Pertence á mesma familia que as carrouchas e as queirugas, e posúe unha follaxe mesta e brillante dunha intensa cor verde.
O froito do albedro é comestible, pero antes de inxerilo cómpre prestar atención ao nome latino da planta: Arbutus unedo, que nos prevén do que pode pasar se nos excedemos con el. A primeira palabra quere dicir árbore pequena e a segunda deriva do latín unum-edo que significa «comer un». En efecto, o consumo de varias pezas deste doce froito pode producir un intenso efecto laxante. Por outra parte, cando madura e comeza a fermentar na propia árbore pode chegar a emborrachar. Por todo isto non é estraño que os froitos reciban o nome de fartabellacos. De todos os xeitos, en moitas rexións son moi apreciados para facer confeituras e licores. Medio quilo deles, nun litro de boa caña con azucre ao gusto, cravo e canela transfórmanse despois de tres ou catro meses de maceración nun delicioso bebedizo espirituoso.
Ingredientes
- Dous Kg de Albedros
- Azucre ao gusto
- Auga para cocer
- Zume de dous limóns
Isidro Cortizo del Río
Profesor de debuxo
Son Isidro, nacín en Bueu hai 60 anos, licencieime na facultade de Belas Artes San Carlos en Valencia, traballei no IES Valle Inclán impartindo clase de debuxo técnico e colaborando co grupo de teatro Argallada facendo os decorados.
Este ano xubileime e dedícome a facer as cousas que máis me gustan, como viaxar, cociñar e xogar ao xadrez.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥