Compravenda de uva, colleiteiros e  outras industrias

Guillermo Campos

As demarcacións vinícolas de máis recente cuño -poñamos do medio século para acá- pasaron media vida “piando” polos grandes investimentos. Galicia non foi una excepción, sobre todo desde un segmento dese potente enredo económico-social, agardando ou xestionando o advento de grandes firmas vitivinícolas, como se o selo asociado ás marcas de prestixio e territorios históricos -A Rioxa, sobre todo, como Xerez- significasen o recoñecemento definitivo dos propios méritos das denominacións de orixe autóctonas, desde Rías Baixas a Valdeorras pasando por Ribeira Sacra, ou desde O Ribeiro a Monterrei.

No transcorrer dos últimos años, tras o avance das plantacións, dos investimentos en adega, e das “colocacións” estratéxicas nestes territorios, nuns máis ca noutros, de importantes firmas foráneas, foron reproducíndose no territorio galego escenografías que tiñamos relacionadas na memoria con outras latitudes míticas. Non hai máis que lembrar a translación laboral que propiciaba a vendima francesa, a penúltima oportunidade do ano para facer un peso, para compensar as precariedades salariais hispanas, nalgúns casos tamén e, de paso, practicar o francés e xa postos alí, experimentar a vida á europea (esa si era liberdade, señora Ayusa)…

vendimia na ribeira sacra
vendima en Valdeorras

Pero a oportunidade da vendima comezou a quedar xeograficamente máis preto na última ou penúltima década. A vendima francesa xa non é nin táboa economicamente salvadora en exclusiva -ademais de que o cambio climático, adianta a chamada ao pleno agosto vacacional- e acabou tendo competencia de proximidade nas puxantes bisbarras que demandan man de obra temporal coa mesma ou parecida pulsión que medrou nos últimos anos a demanda de uva, e de maneira ben localizada, comezando polas produtoras e comercializadoras de albariño. Menos mal que nos queda Portugal, remataba coa preocupación algún que outro retranqueiro coa coñecida cantarela.

A realidade é que esta colleita, xa de verán máis que de outono, non parece reunir uva autóctona de abondo como para atender á demanda, confirmándose a tendencia observada hai un ano, cando destacou o exemplo dun prestixioso grupo vitivinícola catalán que se acababa de asentar daquela no Salnés, e que se anuncia ofertando compra de uva albariña, a partir de 2,50 euros, se non lembro mal. Tentador (e máis así de entrada, antes do releo negociador), unha clara política de captación, de xeito que na actual colleita, con devalos importantes na produción por efecto das doenzas criptogámicas sufridas en determinadas áreas do noso territorio. Reflexión que tamén reiteramos. De entrada, a repercusión destas engaiolantes ofertas é a ameaza para ese outro segmento sentimental e defendible desde a perspectiva da identidade: a dos viños de colleiteiro, esas pequenas producións “paisanas”, que establecen a memoria e a diferenza puramente autóctona. Tesouro gardado por unha poboación rural avellentada (que, dito sexa de paso, inventou o do K. 0 antes de que estes adalides da contemporaneidade “nin sequera estiveran” nos testículos dos seus proxenitores), polo que barrunto que outro valor e pilar da sustentabilidade está seriamente ameazado. Os vellos xa deixan de elaborar, venden a uva ben vendida (por agora) e aforran traballo sobre os seus maltreitos lombos e preocupacións posteriores de comercialización.

Con todo para que o viño comercial teña credibilidade cualitativa real e de orixe non só precisa de contraste coa cultura artesá. Ambos, na súa xusta dimensión, representan a verdadeira sustentabilidade e un dos recursos diferenciais neste país. Cos números na man, a calidade e o prestixio que outorga a identidade e o carácter autóctono das uvas galegas, dependerán tamén da aposta pola excelencia e a diferenciación ligada á orixe, que debe comprometer -e ben que o fixo- aos consellos reguladores desde a súa responsabilidade e garantía de control, como ás adegas foráneas asentadas aquí pero que teñen excedentes de uva nas súas arredadas bisbarras de procedencia. E baste saber que no territorio por antonomasia dos albariños, por exemplo, os grupos foráneos xa controlan máis do 60% das adegas na D.O. Rías Baixas.

Guillermo Campos

Guillermo Campos

Periodista Gastronómico

Guillermo Campos Piñón naceu o 1 de febreiro de 1945 en Cotobade, fillo de Benito Campos García de Viascón (mestre nacional e emprendedor, desde radiotécnico a axente comercial), e de Argentina Piñón Maceira de Xesteira (Almofrei) tamén no mesmo Cotobade, de familia comerciante, posuían un ultramarinos  e “de todo”), referente nunha ampla bisbarra coñecido como a dos Piñón. Ou “os da Tenda” máis localmente.

Historia de vida

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥