Conchi naceu en Toutón, unha parroquia pertencente ao concello de Mondariz, no ano 1951. Ten un irmán mais pequeno. Seu pai emigrou a Bahía no Brasil cando ela tiña 5 meses e regresou cando contaba con 6 anos. Non lle gustou que ese home lle quitara o sitio da cama xa que ela durmía coa nai. Logo naceu seu irmán.

Estudou na escola da aldea coa mestra Carmiña, que aínda vive, que durmía na casa da súa avoa. Alí estudou ata os 14 anos conseguindo o certificado de estudos primarios. Cando seu pai veu definitivamente de América quixo que a súa filla seguira estudando pero ela víase maior e preferiu aprender a coser. Seu pai mercoulle a seu irmán unha bicicleta e a ela unha máquina de coser Refrey que aínda conserva.

Viñeron vivir para Pontevedra onde seu pai colleu o traspaso da cafeteira Emi na rúa García Camba e ela foi aprender a coser á academia de Dorita en Andrés Muruais e despois con Amparo Poza. Tiña entre a súa clientela as donas do Branco e Negro e do Carabela. Influía o seu pai dende a barra do Emi dicindo que a súa filla cosía de marabilla.

Fixo moitos traxes de noiva, comunión, bautizo e festas. Prefire empezar a prenda desde cero que facer amaños.

Coñeceu a Daniel aos 16 anos en Festín, unha aldea de Toutón o 24 de xuño nunha festa en honor a San Xoán de Xisto. El traballaba en Vigo e comunicábanse por carta. Ela pedíalle a unha amiga que contestara a súas cartas. Así pasaron dous anos ata que el volveu aparecer na aldea. Ela xa tiña 18 e el 26. Casaron dous anos despois e el empezou a traballar de camareiro no Emi. Ela cosía nun despacho pequeno nas galerías de Mardy. Teñen dúas fillas.

Seu pai mercoulle a seu irmán unha bicicleta e a ela unha máquina de coser Refrey que aínda conserva.

Concepción Suárez Fragueiro

Como nai, considera que é moi amiga das súas fillas e como avoa é moi consentidora e gústalle desfrutar moito cos netos. Coa neta maior bromea dicíndolle que lle queda un ano para ter noivo. Alba ten 15 anos e ten tamén a Yara de 11 e Borja de 6.

Cando montou a academia de corte e confección comprou unha máquina de tecer que tivo que aprender a utilizar e a casualidade fixo que contactara cunha señora que despois lle vendería a tenda e así acabou montando unha mercería: Anabety, nas galerías Virxe do camiño. Logo expandíronse a Marín e abriron outras dúas na rúa Marquesa e en Benito Corbal.

Finalmente inauguraron unha máis grande na rúa Sagasta. A academia montouna na calle Cruz Gallástegui, no antigo local do PP e foi o mesmo Rajoy o que asinou a venta. Alí, aínda que xubilada, segue indo todos os días, o mesmo que á mercería de Sagasta que rexentan desde hai uns anos as súas fillas.

Creou un método novo de corte e confección a base de plantillas desde a talla 0 en adiante. Ela segue cosendo para as netas. Ninguha das súas fillas quixo seguir a súa profesión. Ela cre que é porque a vían traballar moitas horas e durmir pouco, porque había prazos de entrega.

Case non ten tempo para ver a televisión, aínda que cando estivemos confinados vía películas todas as noites. Gústanlle os documentais sobre todo de viaxes e tamén o fútbol.

Esta conectada ás novas tecnoloxías e gústalle estar a última en todo, ten conta en Facebook e Instagram.

Antes da pandemia ía á piscina, ioga e pilates. Recoñece que precisa dunha persoa que a motive para saír a camiñar.

Como empresaria recoñece que moita xente das aldeas deixou de vir a Pontevedra porque non é doado aparcar no centro sen que teñan que ir a un aparcadoiro de pago. Esa é unha das cousas que lle diría o alcalde. Nas actuais circunstancias tamén lle pediría axuda para os autónomos porque pensa que moitos non volverán a exercer os seus traballos.

A viaxe que mais lle gustou foi a Xordania, cun grupo de empresarios. Durou unha semana. Logo a Londres , París, Pises Baixos, Río de Janeiro, Rusia, Cuba, Santo Domingo, Estambul…

Un soño sen cumprir foi non ter estudado máis, aínda que recoñece que sempre fixo o que quixo. Tamén ter tido outro fillo.

Cociña todos os días para 9 persoas pero se ten que comer fóra gústalle o Restaurante Sevilla en Mondariz, o Muxica en Arcade e o Román en Pontevedra. Un café tranquilo tómao no Branco e negro.

Teño que dicir que Conchi e mais eu somos veciñas. Cando eu cheguei a esta casa foi a que me ensinou a facer as lentellas, unha receita fácil pero que tes que sabela. Falamos de proxectos con xente coma nós que xa estamos xubiladas pero con gañas de facer cousas. Conchi, unha muller que segue traballando aínda que xa podía dedicarse a ela mesma.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Historia de vida de Guirado

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥