Condena arcebispal a xornais impíos.

Xosé Álvarez

Na Pontevedra da segunda metade do século XIX, tras a restauración da monarquía borbónica, o poder das elites ligadas ao sistema deseñado por Cánovas era moi forte. Popularizouse o dito de que España tiña 48 provincias pois a outra, Pontevedra, pertencía ao Marqués de Riestra. Fronte a estes poderes, actuaban na capital pequenos pero moi activos grupos de oposición situados na órbita do socialismo, anarquismo e republicanos. Dirixentes agrarios pontevedreses como Valentín Peña e Severino Pérez iniciaron o movemento agrario galego coa fundación da primeira sociedade de agricultores rexistrada en Galicia, a de Lérez, en 1896. Habería que engadir personaxes como Emiliano Iglesias, José Juncal, Vicente García Temes, Ricardo Mella, V. Said Armesto e Emilio Couto, entre outros. Algúns deles estaban relacionados coa masonería. Varios xornais servíanlles como medio de expresión e para fustrigar os poderes locais e a Igrexa, singularmente os xesuítas. A persecución destes disidentes articulouse en varias frontes: a represión a través do poder gobernativo, mediante multas, censura, detencións de xornalistas e peche de xornais; a interposición de denuncias xudiciais que, ás veces, remataban con penas de cárcere. Respecto a isto último, en honor á verdade, dado o sistema carcerario da época, os día de prisión non significaron para algúns deles moito sacrificio; tal foi o caso de Emiliano Iglesias, que ocupou na prisión unha habitación de pago, foi visitado a todas horas por amigos e correlixionarios, a comida servíalla o hotel Méndez Núñez e non faltaba o champaña. Outra vía eran as polémicas a través de xornais vencellados ao réxime. A Igrexa, que destacaba polo seu carácter reaccionario e estaba aliñada co poder político e económico, sentíase, con razón, atacada por estes heterodoxos, librepensadores e anticlericais. Adoptou unha postura moi belixerante e utilizou os púlpitos, a prensa católica e ata a excomuñón, contra estes xornais.

Neste artigo trataremos o sucedido co xornal Unión Republicana e o seu “alter ego” La Unión. Unión Republicana foi fundada no ano 1892 e desaparece no 1899. Neste período tivo que cambiar de nome polo de La Unión (1895, 1896) para sortear os embates caciquís e as sancións . Entre os seus directores atopamos a Valentín Peña Meléndez, José Juncal Berdulla (cuñado de Lerroux) e Vicente García Temes.

La unión

Como xa sinalamos, os ataques que recibe son múltiples. Só no ano 1898 encausan a Emiliano Iglesias por atacar a forma de goberno monárquica, a José Juncal por atentar contra a libre expresión do culto e Valentín García foi denunciado por perturbación da orde pública e outros cargos.

Certamente nestes xornais non se coutaban nas críticas; nun período de suspensión de garantías constitucionais, a pesar da censura militar que suprimía parágrafos enteiros, podemos atopar escritos que na actualidade serían impensables. Cousas como as seguintes:

Los palacios de las dignidades de la Iglesia son focos de corrupción. Si Jesucristo resucitara desistiría de empuñar el látigo para arrojar del templo de Dios a los mercaderes. Ocupan tan buenas posiciones y son tan numerosos, que había que cazarlos a cañonazos. (4-10-1898)

Ou o seguinte, citando a El Nuevo País:

No así los jesuítas, que no tienen cariño a nadie (y así lo dicen) y si lo sienten hacia alguno, es siempre un extraño a la orden, sobre todo, un colegial guapo, una mamá distinguida o una confesada interesante. (6-11-1898)

Algún, como foi o caso do artigo titulado “Los carlistas en el púlpito” foi “uno de los que más polvareda han armado entre los sicarios de la reacción” e, en opinión do fiscal, “escarnece el dogma de la penitencia”.

A dereita católica tamén os combate coas mesmas armas. Por iniciativa do clero pontevedrés publícase o xornal El Áncora, un diario católico de carácter reaccionario, para confrontar cunha “prensa sectaria e impía, libre de todo freno, corre desbocada, llevando por todas partes el sutil veneno del error”. Polo tanto, a misión do xornal sería disputar palmo a palmo o terreo aos impíos “más o menos contaminados o resabiados del virus sectario”. El Áncora contaba con censura eclesiástica e foi aprobado e bendicido polo arcebispo. O redactor máis combativo foi Hermenegildo Calvelo na sección “Guerrillas”.

El áncora

Pero a maior carga de profundidade contra Unión Republicana e La Unión foron as condenas ditadas polo arcebispo compostelán Martín de Herrera. Publicamos algúns parágrafos das mesmas:

Nos el Doctor Don José Martín de Herrera y de la Iglesia, por la gracia de Dios y de la Santa Sede Apostólica Arzobispo de Santiago de Compostela, Capellán Mayor de S.M., Juez ordinario de su Real Capilla, Casa y Corte, Notario Mayor del Reino de León, Caballero Gran Cruz de la Real y distinguida Orden de Carlos III, Senador del Reino, del Consejo de S.M., etc,etc. (sic)

Que los artículos de fondo […] son infames, abiertamente impíos, saturados de odio satánico contra el Clero y contra la divina institución del Pontificado, representado en la Congregaciones Romanas, y la burla más sangrienta e intencionada de los Misterios y Sacramentos de nuestra Sacrosanta Religión. […]

Que aparte de esto, en los dichos escritos […] se revelan ideas naturalistas y racionalistas y otros errores filosóficos trascendentales.

Que por contener dichas publicaciones escritos impíos, infames, escandalosos, ofensores en alto grado de los sentimientos religiosos de todo buen cristiano, y con errores filosóficos transcendentales condenamos su lectura.

En vista de lo cual y cumpliendo un deber de nuestro sagrado ministerio, prohibimos a todos nuestros diocesanos que lean, oigan leer, retengan y propaguen los periódicos titulados La Unión Republicana de Pontevedra y La República de Vigo, prohibimos asimismo que presten favor a dichas publicaciones por la subvención, la cesión o arriendo de local para imprimirlos o por cualquier otro medio.

selo do arcebispo
Selo do arcebispo
Martin de Herrera
Arcebispo Martín de Herrera

O edicto, que foi dado o 14 de agosto de 1895 no convento de Herbón, leuse en todas as parroquias. Tamén se indicaba nel que os números publicados fosen entregados aos párrocos para que os inutilizasen.

Unión Republicana sería excomungada en febreiro de 1898 e nese mesmo ano foi suspendida por orde da autoridade militar.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

Historia de vida de Xosé

Os antigos concellos de Alba, Mourente e Salcedo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥