Cóntovos, un grupiño de xubiletas levamos uns anos recorrendo a península nas nosas bicis de montaña, xa temos 9 rutas nas nosas pernas e pensamos seguir facendo moitas máis xa que a experiencia pode ser máis ou menos dura fisicamente pero sempre é moi satisfactoria e gratificante, cando estamos terminando unha xa estamos pensando e planificando a seguinte, e temos unha boa lista de posibilidades futuras. Fica claro que a bici é unha forma de facer exercicio a calquera idade pero moi apta para facelo á nosa, sempre a un ritmo prudente e seguro claro. Tamén é evidente que hai moitos tipos de bici e moitas formas de practicar o ciclismo, da pista á acrobacia, e da estática á de carretera. Nos decidimos practicalo coa bici de montaña, gústanos aleixarnos das carreteiras que son ruidosas, provocan tensión e ansiedade e supoñen perigos para os ciclistas. Tamén nos gusta o contacto coa natureza, o acceso a lugares aos que nunca chegaríamos co coche e, por que non? a emoción dunha baixada por unha pista trialera, sempre con cos cinco sentidos hiperactivados claro.
Aínda que adoitabamos facer saídas dunhas horas pola contorna de Pontevedra, un día, fai xa cinco anos, nos propuxemos facer unha ruta dunha semana e aproveitar para coñecer e desfrutar dalgún territorio interesante pola súa natureza, pola súa paisaxe ou polo seu patrimonio, e así foi como organizamos a primeira, o destino, o Cabo San Vicente, principio ou final segundo se elixa da Rota Vicentina, unha ruta con dous camiños o antiguo e o dos pescadores que transita polo Alentejo e o Algarve. E así comezamos a organizar, primeiro o transporte hasta o inicio en Cercal do Alentejo para nos e as nosas bicis, logo as reservas nos albergues, hostels ou hostales no camiño e por suposto, o máis importante, a planificación do recorrido que neste caso non supuxo ningún problema xa que na páxina web da Rota Vicentina pódese atopar información dabondo e adaptada sobre camiños e pistas, aloxamentos, aspectos de interese no recorrido e “os track” que nos permiten seguir o camiño sen medo a perdernos. E todo funcionou á perfección; bueno, á perfección… O cuarto día do recorrido un membro do grupo sentiu malestar e febre, razoablemente fixemos o test da COVID e resultou que varios deron positivo polo que decidimos interromper a ruta e volver ás nosas casas. Iso si dispostos a voltar canto antes a terminar a nosa ruta. E así fixemos, no outono voltamos para rematar o percorrido.
A experiencia foi tan boa que regresamos no outono e retomamos o que non podemos facer por culpa do COVID e ao ano seguinte nos propuxemos e fixemos a “Ruta del Cid” , a dividimos en dúas partes, a primeira para a primavera, dende Villar del Cid, moi cerca de Burgos hasta Daroca, en Zaragoza, e a segunda dende Daroca a Valencia. A “Ruta del Cid” foi unha grande experiencia, non solo polo fondo literario, tamén porque nos permitiu descubrir unha parte de España que é moi probable que nunca visitáramos de non ser por ter feito este recorrido. Aquí comprobamos que non so estabamos a vivir unha aventura deportiva, iso case resultou ser o de menos, estamos a descubrir paisaxes, paisanaxes, socioloxía viva, economía, vilas, cidades, ecosistemas, patrimonio natural e cultural, camiños e sensacións, historia, arte, gastronomía, mil percepcións e sensacións que fan que cara ruta sexa única e fabulosa. Despois da “Ruta del Cid” viñeron a Ruta do Ebro, a Vía da Prata, a do Douro, e mesmo esta primavera a Ruta do Quíxote, un fermoso e pracenteiro percorrido pola Mancha cervantina.
Po iso quero animar a quen isto lea, calquera que sexa a súa idade pero sobre todo si é un xubileta coma min, a botarse ao camiño coa súa bicicleta a percorrer Galicia, Portugal, España ou, porque non, o Mundo. Que teña a seguridade de vai desfrutar de experiencias únicas e gratificantes. Anímovos a planificar e desfrutar destas sans, divertidas e estimulantes experiencias. No noso grupo participamos xente de aproximadamente 65 aos 75 anos, a maioría ciclamos con bicis atmosféricas, a pedal, pero os compañeiros que teñen algún impedimento de saúde non teñen problema e participan con bicis eléctricas que cada vez son máis eficientes e lixeiras e permiten desfrutar de largas etapas aínda facendo exercicio adaptado á situación de cada un.
OS MEUS CONSELLOS DE “EXPERTO”
O noso é un grupo, na súa maioría, de afeccionados á bicicleta dende fai anos, é certo, pero non hai que ter unha longa traxectoria como ciclista para facer unha ruta de varios días? En absoluto, basta con saber montarse nunha bici e non caerse para os lados. Eu si aconsellaría, antes de comezar unha ruta, practicar un pouco nos terreos como os que nos imos atopar e ver como se comporta a bici xa que non é o mesmo recorrer camiños de terra consistente que outros con pedras, barro, area e irregularidades varias.
Non hai que ter unha grande forma física si, como é lóxico, adaptamos os recorridos ao que podemos facer con comodidade e seguridade, pero un pouco de preparación nos vai a permitir ir máis cómodos e seguros e, xa que logo, desfrutar máis.
Hai que aconsellar prudencia, non ven mal o consello médico para avaliar as nosas posibilidades físicas e poder ir seguros, tamén é importante facer uso dos cinco sentidos mentres ciclamos, usar o equipamento axeitado pero, a quen non se lle ocorrería isto?
Que bici elixir? Nos utilizamos maioritariamente bicicletas de montaña que son moi eficientes cando atopamos camiños difíciles e, aínda que non buscamos dificultade técnica senón máis ben camiños de terra en bo estado, é frecuente atopar un certo grado de dificultade nalgúns puntos e aí a bici de montaña é a que mellor funciona. Algún compañeiro utiliza bici das chamadas de trekking que ao ter unha roda máis estreita rodan mellor cando as pistas están en bo estado, estas son as ideais para viaxar con alforxas. Por último, algúns utilizan bicis eléctricas que permiten a persoas con algún problema físico ou menos forma desfrutar do ciclismo sen deixar de facer exercicio. Na actualidade están poñéndose de moda as bicis denominadas GRAVEL que teñen unha roda que non é tan grosa como a dunha MB co que son moi apropiadas para pistas de terra incluso con tramos pedregosos, areosos ou con dificultade.
Para ir cómodo na ruta e evitar contratempos é fundamental unha boa planificación. En primeiro lugar do transporte hasta o principio da ruta e durante a mesma. Nos adoitamos ir con vehículos propios ou alugados para poder deixalos ao principio da ruta e minimizar o número de persoas que ten que conducir coas equipaxes. Tamén resulta moi cómodo chegar a unha vila e ter xa reservado un lugar para ducharte e durmir e un para xantar.
Coñecendo o noso clima está claro que as mellores épocas para facer calquera destas rutas, aínda que vale calquera do ano, son a primavera e o outono, tendo en conta que a menor latitude imos atopar máis calor. Nos procuramos evitar as temperaturas moi altas que nos enfrontan a problemas de hidratación e nos obrigan a forzar o corazón.
Que vos parece? Animádevos a coñecer o mundo en bicicleta, asegúrovos que merece a pena. Viviredes moitas experiencias agradables e estimulantes, coñecererdes moitos rincóns reservados para nos, atoparedes sorpresas e persoeiros aos que so se accede dende esta forma de recorrer o territorio e non o dubidedes, si facedes unha, con seguridade repetiredes.
Ah, neste blog estamos a colgar as nosas rutas: http://cronicasdesdeelsillin.blogspot.com/

Benito Andrade González
Profesor de Bioloxía
Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.
Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.
Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.
Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.
Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.
O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.
Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.
máis artigos
Microidadismos I por Pilar Freitas Juvino
by Pilar Freitas | Maio 31, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 25 ao 31 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 24, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 18 ao 24 de maio 2026 por Ana Santos
by Ana | Maio 17, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 11 ao 17 de maio por Ana Santos
by Ana | Maio 10, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 4 ao 10 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 3, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 27 de Abril ao 3 de Maio por Ana Santos
by Ana | Abril 26, 2026 | Actividades | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Piruca Baena Solla por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 21, 2025 | Historias de vida | 2 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 2 Comments
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Deixemos de dicir: “que ben te vexo para a idade que tes!”
by Ana | Xullo 2, 2026 | Literarias | 0 Comments
Rock e Arte Conceptual de Nova York por Javier Domínguez
by Colaborador | Xuño 14, 2026 | Articulos | 0 Comments
Carautas por Charo Valcárcel e Iria Morgade
by Colaborador | Xuño 14, 2026 | Literarias | 0 Comments