"Crises e rebelións"
Juanjosé GuiradoTodas as revolucións da historia seguiron a grandes crises. O malestar é o fermento da rebeldía. Pero non todas as rebeldías conducen a revolucións. No noso tempo, no medio desta pandemia que azouta a todos os países, coas súas consecuencias tráxicas que non soamente se traducen en contaxios e mortes, recrúase o fenómeno variado da indignación.
Áchase na base o malestar económico. Nel coinciden os propietarios, que perden os seus negocios, cos seus empregados, unidos ambos contra restricións inevitables. Todo o baseado nas viaxes e o turismo sofre os diversos confinamentos, sexan domiciliarios ou perimetrais, por países enteiros ou en espazos menores. A hostalería reséntese e moitas empresas van á ruína. Aínda as tímidas restricións horarias ou de aforo son percibidas coma unha soga que ameaza a súa supervivencia. Este e outros sectores rebélanse contra as medidas que se lles impoñen.
Opóñense eles por razóns económicas, mentres outros o fan porque “se coarta a súa liberdade”. Para eles a liberdade é a festa. Para min, a liberdade é outra cousa.
A uns vailles literalmente a vida. A outros, a diversión. Pero hai un cemento que unifica facilmente todas as protestas, e é a ideoloxía. Algo tiñan en común os que asaltaron o Capitolio. Era neste caso a defensa grupal dunhas vantaxes, reais para algúns, imaxinarias para a maioría, que lles confire a raza, unidas a unha historia mitificada.
Habería tamén un compoñente ideolóxico, conciencia de clase alta, nos que se manifestaban hai meses en Núñez de Balboa. Neste caso estaba clara a intención de tombar a un goberno que non lles gustaba, e ben sabían por que…
Ao longo de todo o ano producíronse estrañas confluencias políticas. Lembremos o pulso quincenal que obrigaba ao goberno a xogos malabares para prolongar o estado de alarma. Esta táctica de acoso e derribo duns e o chalaneo permanente doutros, actuou coma un cable de parada, ese mecanismo que se emprega nos portaavións para frear unha aeronave que aterra. A forza inicial quedou polo camiño, e finalmente as comunidades autónomas recuperaron as súas competencias e actuou cada cal como mellor lle parecía. Sempre por detrás dos acontecementos, nunca anticipándose realmente a eles.
Pasan os meses, agora a cousa non é tan clara, a preocupación é maior. comunidades que rexeitaban o confinamento agora esíxeno. Pero o gustiño da protesta permanece en moita xente, porque o seu pensamento liberal oponse a calquera freo, co único límite do medo insuperable a unha forte represión. Probablemente haxa algo de “kale borroka”, da emoción de sentirse heroicos, nalgúns dos que protestan. Rebeldes sen causa, ou con causa difusa e diversa.
Negacionismo é o termo impreciso que unifica a eses protestantes de rabaño. Negan sobre todo a realidade. Non a ven porque non a queren ver. A cambio, imaxinan imposibles conspiracións, absurdas, mantidas “en segredo” por chineses, rusos e americanos, polos estados e as farmacéuticas (con independencia de que estas fagan o negocio do século), conspiran xuntas as multinacionais, a prensa… e os extraterrestres, se fai falta. Ese cemento imaxinario que ven na orixe e o desenvolvemento da pandemia reflicte o que os une a eles na protesta.
Se a rebelión segue á crise, é de esperar que a rebeldía creza máis e máis ao agravarse. Agora mesmo, en España, de media aínda que con moitas diferenzas por rexións ou barrios, unha de cada catro persoas coas que te cruces pola rúa será un pobre. Unha de cada nove, un pobre de solemnidade.
Coas crises crece a desigualdade. Unha minoría aumenta a súa riqueza, aproveitando as necesidades da maioría que se empobrece. Sempre se espera que todo pase, ver “a luz ao final do túnel”. Pero cando pase esta situación a recuperación será difícil, porque xa están aquí a crise climática, a dos residuos e a contaminación, a da enerxía e os minerais, a deforestación. E por mor de todas elas, outras pandemias nas que se producirán novas rebeldías.
Un movemento guiado exclusivamente pola indignación, común a xentes moi diversas nas súas ideas e intereses, que imaxinan ser un corpo coherente, conduce a fenómenos patolóxicos como o trumpismo, que veu para quedar, e outros moitos movementos de extrema dereita que se consolidan por todas as partes. Son alentados por sectores influentes, que os ven como unha barreira contra outras rebelións, igual que un lume ben manipulado pode servir de barreira nun incendio.
Por encima de diferenzas de época e conxuntura histórica, parécese a situación á vivida hai un século co auxe do fascismo, tinguido tamén de rebeldía popular.
Este fascismo, incipiente pero xa vigoroso, pode chegar a adoptar unha ideoloxía ecofascista, porque neste planeta minguante “non cabemos todos”. Claro que sen unha “retirada ordenada” das posicións crecentistas inherentes ao capitalismo, que respecte os dereitos dos que se pretende excluír á maioría da humanidade, a guerra desatada de todos contra todos conducirá a un declive aínda máis abrupto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks