Por fin chegara o día, ben a semana, Dave Matthews Band actuaban en Lisboa e eu tiña un par de entradas desde había unha chea de meses. O día D sería o 5 de maio de 2024.
A miña historia con esta banda é cando menos curiosa. O meu irmán, e tamén algúns amigos/as e mais eu, adoitamos intercambiarnos vídeos con temas de guitarristas e grupos de blues e rock; grazas ao cal puiden coñecer músicos moi bos, pero que non adoitan estar no circuito <<oficial>>. Como exemplo do que escribo, está a incrible experiencia que vivín cun amigo ao vermos o xenio da guitarra Ben Pool, nunha vila da provincia da Coruña. Eramos catro gatos ante un auténtico fenómeno co instrumento das seis cordas.
En fin, o caso foi que un día o meu irmán envioume por whatsapp un enlace a un vídeo de YouTube no que me dicía: <<mira que tema tan bo de Warren Haynes>>. Hai que dicir que Warren Haynes, que é unha auténtica besta coa guitarra, foi durante anos un dos guitarristas dos Allman Brothers. Outro día contarei a historia deste grupo, sen dúbida un dos mellores da historia e máximos representantes do chamado rock sureño. A canción do vídeo, en concreto, era unha versión de Cortez, Cortez de Neil Young. Por certo tema que, cando saíu hai unha chea de anos, tivo problemas e estivo medio prohibido en España, porque nunha das estrofas chamaba a Hernán Cortés asasino, <<Cortez, Cortez what a killer>>.

Fotografía: MASqueTICKET
A versión, boísima, e Haynes fai un só impresionante. Despois de escoitalo varias veces e gozar a guitarra, empecei a fixarme no grupo, xa que o guitarrista estaba como invitado. Pouco a pouco funme decatando de que eran realmente moi bos e ademais saían unhas imaxes nocturnas de Nueva York espectaculares. Aí comecei o meu labor de investigación. É o que ten ser melómano e historiador. Souben que se chamaban Dave Matthews Band. Non escoitara falar deles na miña vida. O concerto realizárase sobre o ano 2003 no Central Park (NY), de aí as incribles imaxes da cidade. E <<só>> asistiran algo máis de 300.000 persoas. Si, non me trabuquei cos ceros.
Encantoume o grupo en todos os sentidos, cancións, escenario, músicos, incluso as imaxes da xente. Todo desprendía << bo rollo>>.
Empecei a ver e a escoitar todo o que había deles en YouTube. Pouco despois souben que eran unhas estrelas en USA. Neses anos 2016-17, eu non coñecía a ninguén que oíra falar deles en España. Loxicamente comecei a darlles a turra a amigos e amigas co grupo e a mandarlles vídeos seus. Entre estas persoas unha amiga quedou igualmente namorada deles, coma min. Estas letras van dedicadas a ela porque hai un par de anos morreu e non puido velos en directo, pero eu recordeina en Lisboa.
Co confinamento pasei horas coa bicicleta estática vendo concertos, moitos deles de Dave Matthews Band, no ordenador con auriculares. Adelgacei 4 quilos. A ver…, houbo quen se dedicou a facer pan, ten que haber xente para todo.
Ao rematar a pandemia comecei a pensar que tiña que velos en directo si ou si. Fixeran unha xira por Europa, creo que no 2008. Hai un concerto en Italia cuns temas absolutamente incribles e nun recinto precioso. Neses anos non tiñan guitarra solista, había un violinista eléctrico negro que era una autentica pasada e tamén carismático. De feito quitáballe un pouco de protagonismo ao propio Dave Matthews.
Convertinme en seguidor dos seus concertos en páxinas especializadas e estiven a punto de ir velos ao Madison Square Garden de NY en el 2022. Non sei por que ao final me botei para atrás.
En definitiva, en agosto de 2023 busco, nun día de praia, por onde anda o bo de Dave e a súa banda e vexo que van tocar en Oslo. Púxoseme a pel de galiña porque me decatei de que viñan facer unha xira por Europa. Díxenme que iría onde tocasen máis cerca. Investigo e vexo que van baixando: Oslo, Estocolmo Copenhague, Berlín, outra cidade de Alemaña, Praga, Viena, Londres, dous días no Royal Albert Hall, Bruxelas, París, Florencia, Milán e Dublín. Decídome por Dublín e, cando ao día seguinte vou comprar as dúas entradas porque decidira invitar á miña compañeira, que me dicía: “gústanme, pero ti escóitalos demasiadas veces”, atópome con que pechan a xira europea o 5 de maio de 2024 en Lisboa. No dou creto LISBOA. Non sei se vos decatastes de que ían tocar en toda Europa menos en España. Inmediatamente compro as entradas. Despois veu a planificación da viaxe. A decisión foi ir acompañado en vez de ir só ao concerto, así pasariamos uns días en Porto e Lisboa.
Dito e feito. O mércores saímos para Porto, dicir que o día do concerto cadraba en domingo. Porto coma sempre moi ben aínda que ese día chovía.
Venres pola mañá tren para Lisboa e aloxamento e, durante un par de días, o correspondente turismo cultural, gastronómico, etc… O domingo xa comezaba a estar un pouco excitado. Por fin ía ver a DMB (así tamén son coñecidos) en directo.
O concerto era no MEO Arena, estadio cuberto e situado no Parque das Naçôes. Construído, para a Expo Universal de Lisboa do ano 1998, é o maior pavillón cuberto de Portugal e ten un aforo de 20.000 persoas.
No que respecta a concertos, por citar só uns cantos, por alí pasaron Coldplay, Kyle Minogue, Lady Gaga, Adele ou a propia Shakira. Se falamos de Rock and Roll podemos citar a U2, Linkin Park, The Cure, Scorpions, Eric Clapton, Mark Knopfler, Elton John, etc. Ou sexa, o mellor de cada casa. Iso dá unha idea da importancia de Dave Matthews Band.

Vista do MEO Arena polo lado norte.
Ao chegar a hora entramos. A entrada moi ben organizada. Obviamente eu collo entradas de asento, xa deixei atrás os anos de meterme no foso e padecer os <<pogos>>.
O concerto empezou cos cinco minutos de cortesía de retraso.
Que vou contar! A DMB, tocou temas de todas as épocas e, salvo un, os que máis me gustan. Algúns novos do seu útimo disco, cun certo aire africano.
Coma sempre o grupo entregouse a tope. Eu vira moitos concertos en YouTube. As súas cancións soen ser longas, ás veces moi longas e van enganchando pouco a pouco. Absterse de escoitar a DMB, os amantes de cancións de dous minutos e trinta segundos.
O concerto foi fantástico. Durou o xusto, dúas horas e trinta e cinco minutos. A partir das dúas horas e media xa soe ser excesivo. Hai varias cousas, na miña opinión, sobrevaloradas, entre elas dúas: unha os concertos de máis de tres horas e a outra o almorzo na cama. As dúas son moi incómodas.
O bis foi espectacular coa xente moi excitada. Ao noso lado había unha parella portuguesa. El coñecía máis temas ca min e sabía as letras das cancións.
Ao rematar, saída moi cómoda. Moi boa temperatura, xa era noite. Relaxado e a gusto sen ganas de falar, só de rememorar na miña cabeza todo o que vira e gozara.
Despois no metro comezamos a ver unha multitude de xente con camisetas verdibrancas, bengalas, cánticos e curiosamente moitos pais con nenos pequenos. Pronto soubemos que o Sporting de Lisboa acababa de gañar a liga de fútbol portuguesa.
O luns, con calma, almorzo e camiño da estación do tren.
En Porto recollemos o coche e para arriba.
Ben, pero quen é Dave Matthews?
Pois este señor naceu o 9 de xaneiro de 1967 en Johannesburgo, Suráfrica. Aos 2 anos mudouse coa súa familia a Yorktown Heights, suburbio neoiorquino onde o seu pai, que era físico, traballaba para IBM. En 1977 morre o pai e toda a familia regresa a Suráfrica para vivir cuns parentes. Anos despois e para evitar o servizo militar obrigatorio volve a USA onde comeza a traballar de camareiro nun club de jazz de Charlottesville, cidade do estado de Virginia. É aí onde, cunha formación musical totalmente autoditacta, Matthews soña con montar a súa propia banda. Dicir que empezara coa guitarra aos nove anos.

Foto: Douglas Mason/Getty Images.
En 1990 xúntase co saxofonista LeRoi Moore, o batería Carter Beauford e o baixista Stefan Lessard, neno prodixio que só tiña 16 anos. Semanas máis tarde entraba no grupo o violinista Boyd Tinsley.
Os primeiros concertos na cidade de Charlottesville, son un auténtico éxito. Loxicamente funciona o boca a boca e comezan a ser coñecidos como Dave Matthews Band. Deciden emprender unha xira por todo o país. Moi pronto, vai medrando un grupo de fanáticos e fieis. Isto failles dar o salto á escena nacional.
Grazas ás gravacións piratas, que a xente fai dos seus concertos, rapidamente pasan a ser moi coñecidos en todos os Estados Unidos. Como mostra, no seu primeiro concerto en Nueva York no Madison Square Garden as entradas esgotáronse en tres horas.
En pouco tempo convértense nun grupo moi famoso.
En 1994 lanzan o seu debut discográfico <<Under the Table and Dreaming>>. Nese mesmo ano de 1994 a irmá maior de Matthews, Anne, que vivía en Suráfrica, é asasinada polo seu home que logo suicidaríase. Este acontecemento tan traumático tivo un profundo efecto sobre a forma de ver a vida do cantante. Matthews menciónaa nalgunhas das súas cancións.
A este disco seguíronlle varios máis que acadan un grande éxito e encabezan as listas de USA. Por citar os máis importantes están <<Every day>> do 2001 e <<Stand Up>> do 2005.

Primeira formación de DMB Foto: Coveralia
En 1997 lanzan un disco en directo, un pouco para contrarrestar a gran cantidade de gravacións piratas que había dos seus directos. Este disco resulta ser un grande éxito en Estados Unidos.
Hai que indicar que a Dave Mathews Band é un grupo para ver e escoitar en vivo. De feito, eu non teño ningún disco en estudio da banda. É un grupo de improvisación en directo. Tocan as cancións de maneira diferente en cada concerto. Podo dar fe diso. Ol último tema en Lisboa, volvérono tocar varios días despois en USA, vino en YouTube e foi diferente. Por certo, bastante menos bo. Sorte que tivemos. Seguramente grazas ao público portugués, que é impresionante. Como paradigma do que escribo está o xa citado, marabilloso concerto de Central Park en NY no 2003 ante máis de 300.000 persoas.
Despois dun tempo de descanso, no que se separan do produtor que os descubrira porque o grupo precisaba novas achegas. En 2008 morría o saxofonista LeRoi Moore, un dos fundadores do grupo, nun accidente de automóbil. Supuxo un golpe moi duro para o resto da banda porque eran moi amigos todos eles.
O seguinte disco da DMB sae ao mercado no ano 2018, aínda que Matthews de vez en cando sacou algún en solitario. Igualmente realiza xiras intimistas e gravacións co guitarrista Tim Reynolds que máis tarde pasará a ser membro de pleno dereito da banda e tamén colabora con grupos como Béla Fleck and The Flecktones. De feito, o novo e xenial actual saxofonista, Jeff Coffin, foi un dos compoñentes deste grupo. Matthews incluso probou sorte no cine participando en varias películas.
A nivel persoal, está casado desde o ano 2008 con Ashley Harper. Ten tres fillos, dúas xemelgas que naceron en 2006 e un varón que veu ao mundo un ano despois.
En febreiro de 2018, o violinista Boyd Tinsley, un dos fundadores da banda, comunicaba que a abandonaba debido ao esgotamento e a necesidade de concentrarse na súa saúde e na súa familia. En realidade, Tinsley, fora acusado formalmente de acoso sexual e presentárase unha demanda contra el. En maio a banda confirma que Tinsley xa non é membro do grupo <<estamos conmocionados por estas inquietantes acusacións>>.
Ese mesmo ano 2018, DMB, convértese na formación que máis entradas para concertos vendera na historia, pasando os 20 millóns. E en 2024, Dave Matthews Band foi seleccionada para ingresar nol Salón da Fama de Rock and Roll.
Na actualidade, Matthews, o batería Beauford e o baixista Lessard son os únicos membros fundadores que quedan. O resto dos músicos que tocaron en Lisboa e polo tanto compoñentes da formación actual son: Rashawn Ross trompeta; Jeff Coffin, saxofón e ventos; Tim Reynolds, guitarra solista; e Buddy Strong teclados e coros. Unha característica de todos eles é que son auténticos virtuosos cos seus instrumentos.

Formación de Dave Matthews Band 2024 Fotografía. Amazon.com
En 2023, The New York Times escribiu un artigo titulado << Por que son tan leais os fans da Dave Matthews Band?>>. Nel dicíase que a banda realizara xiras “incansablemente” todos os veráns desde 1992 e que os seus incondicionais seguíronos relixiosamente por todo o país deste entón. Son seguidores apaixonados que teñen visto centos de concertos e gastaron centos de miles dólares en entradas e viaxes ao longo de varias décadas. Seguidores que ao mesmo tempo foron construíndo amizades e convivencia en torno aos concertos en vivo da banda.
A Dave Matthews Band, combina varios estilos musicais. Por un lado, está o Rock Acústico, Matthews toca guitarra española ou acústica. É un estilo que utiliza case exclusivamente instrumentos non “enchufados” e que producen o son a través de medios acústicos. Durante moito tempo estaba asociado á música popular sobre todo ao folk. Por outro lado, fan Jazz Fusión, tamén chamado Jazz Rock. Estilo que se desenvolveu a fins da década dos 60 do século pasado, cando se empezou a combinar a harmonia e a improvisación do jazz co Rock, o funk e ol rhythm and blues. Primeiro os músicos de jazz comezaron a utilizar guitarras eléctricas, amplificadores e teclados que eran moi populares no Rock and Roll. Ao mesmo tempo moitos grupos de Rock empezaron a utilizar instrumentos de vento como a trompeta e o saxo. A música fusión pode incluír unha variedade de modos musicais, aínda que estea feita polo mesmo grupo.
DBM tamén lle dá ao Rock Alternativo. Subxénero do Rock que xurdiu na década de 1970. Foi unha evolución a partir da música underground (independiente). O Rock Alternativo acadou grande éxito sobre todo desde os anos 90. A partir del xurdiron unha serie de subxéneros como o grunge, o shoegaze, o Indie e o britpop nos Estados Unidos e Reino Unido. Co xurdimento da Xeración X como forza cultural, o Rock alternativo conseguiu grande auxe. O termo <<alternativo>> utilízase para distinguir esta música do Rock e Pop convencional. En principio non tiñan pretensións comerciais, pero cos anos moitos destes grupos alcanzaron grande éxito comercial e ventas millonarias (REM; The Smiths, Nirvana; Oasis; The Strokes, etc.).
A DMB tampouco deixa de lado o Blues Rock, xénero de fusión entre a música rock e o blues. Con instrumentos do Rock eléctrico e a improvisación instrumental do blues (guitarra eléctrica; baixo eléctrico; batería e, ás veces, teclados.). Esta improvisación soe centrarse en sós de guitarra eléctrica e cun son pesado. Os temas adoitan seguir estruturas típicas do blues.
Como se pode comprobar Dave Matthews Band, toca gran cantidade de “paus” musicais e iso contribúe a que a súa música sexa moi variada e versátil.
Por último, e para rematar, outra característica da DMB é o seu carácter solidario. Durante a súa longa carreira teñen realizado gran cantidade de concertos gratuítos, solidarios e benéficos doando recursos para as vítimas do furacán Katrina e para os damnificados polo desastre de 2010 en Haití, entre outros moitos.
Politicamente en 2004, Dave Matthews, expresou o seu apoio ao candidato demócrata John Kerry actuando en eventos políticos. Tamén apoiou a Barack Obama nas eleccións presidenciais do 2008. Igualmente declarou que algúns dos críticos máis feroces con Obama o eran pola súa raza. Así mesmo é un firme valedor dos dereitos dos homosexuais.
www.wikipedia.org
– Dave Matthews: Biography, Musician, Dave Matthews Band
Coveralia.
Getty Images
Amazon.com
Vídeos extraídos de YouTube

Javier Domínguez
Profesor de Historia
Javier Domínguez foi profesor de Historia no IES Valle Inclán ata que se xubilou no ano 2021
máis artigos
Actividades culturais do 10 ao 16 de febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 9, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 3 ao 9 de Febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro
by Ana | Xaneiro 26, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 19, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de xaneiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Servizo de mesa en tempos de guerra por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Febreiro 9, 2025 | Artísticas | 0 Comments
Chucho das Rabadeiras por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Febreiro 2, 2025 | Literarias | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments