De Bolonia a Rávena

Ana Santos Solla

De Bolonia a Rávena: unha viaxe a lume lento por Emilia-Romaña

Introdución
Ás veces, unha soa vez non chega para coñecer a alma dunha cidade. Por iso, sen moito preparar, decidimos volver a Bolonia. É unha desas cidades ás que hai que regresar máis dunha vez. Eu xa o fixera dúas, e sempre me quedara o gusanillo de volver.

Mirando voos para Azores, Lisboa… de súpeto dixemos: por que non Bolonia? Puxémolo no navegador e apareceu un voo Santiago–Valencia, Valencia–Bolonia por 92 euros ida e volta con Ryanair. Había que facer unha pequena escala no aeroporto de Valencia, tanto na ida como na volta, pero como iamos con sete días por diante, ben valeu a pena.

Collemos un apartamento preto da estación de tren e buses para movernos mellor, xa que queriamos visitar algúns dos pobos da contorna como Parma, Rávena, Módena e Ferrara.

Día 1 – Chegada a Bolonia (Xoves)

Saímos ás 5:45 da mañá desde Santiago de Compostela e chegamos a Bolonia ás 11:30, antes do previsto. A entrada no apartamento estaba prevista para as 15:00, pero chamáronnos para dicir que podiamos entrar ás 12:00. Perfecto.

Ao chegar ao aeroporto, mercamos a tarxeta Marconi Express para coller o tren que, en sete minutos, te deixa na estación central. Ida e volta: 23,50 euros. O apartamento estaba a apenas 10 minutos de camiño. Deixamos as mochilas e decidimos comezar a ruta das torres, un percorrido circular polas torres máis emblemáticas da cidade: Uguzzoni, Prendiparti, Altabella, Conoscenti… Seguimos máis ou menos unha ruta de Wikiloc

Aínda que eu xa visitara o Archiximnasio noutra ocasión, quixen volver a entrar. Subimos polas súas maxestosas escaleiras, que che obrigan a mirar cara arriba si ou si. Os escudos de armas que decoran as paredes son recordo dos estudantes ilustres que pasaron por alí, nunha universidade considerada a máis antiga de Europa.

Visitamos tamén o Teatro Anatómico (entrada: 3 euros), unha sala dedicada ao estudo da anatomía, flanqueada polas figuras de Hipócrates e Galeno. Na Aula Magna, non queda máis remedio que sentarse e deixarse levar pola beleza que te envolve. Desde alí víase a biblioteca, unha sala que, por desgraza, estaba pechada para visitantes.

Seguimos o paseo até as torres Garisenda e Asinelli, que estaban pechadas por obras. Eu subira no 2007 e lembraba ben a vista panorámica da cidade e a inclinación da máis pequena.

Era o momento do xeado. Lembraba a xeadería á que sempre volvía despois dos paseos: a Sorbeteria Castiglione. Non cambiara nada. Sentámonos na rúa cun xeado delicioso nas mans, vendo pasar o tempo.

Despois, xa algo cansos polo madrugón, buscamos un supermercado para mercar algo para cear e almorzar ao día seguinte. A cama pareceunos marabillosa para os corpos moídos de tanto camiñar.

Ler máis

Rávena
Parma
Módena
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Arxentina

Viaxe a Normandía, Vernon, Giverny, Rouen

Campiña inglesa: Bath e Bristol

A illa do Hierro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥