O novo plan forestal

A febre do ouro ten chegado de novo a Galicia, pero esta vez o ouro non se atopa nos praceres das ribeiras do Sil, agora o ouro chega de Europa en forma de Fondos, Fondos Estruturais, de Cohesión, de Recuperación… Millóns e millóns de euros que a Xunta vai repartir de forma totalmente opaca.

E onde hai ouro hai, neste caso, proxectos cos que facerse con el; por suposto véndense como “sostibles”, “multifuncionais”, “neutros de carbono”, que “contribúen á economía circular”, bla bla, bla bla. Parques eólicos xigantescos, produción de biocombustibles, plantas de fabricación de téxtiles, centrais eléctricas de biomasa e outros que irán facéndose públicos nos próximos meses. Algúns destes proxectos precisan materia prima forestal polo que a Administración galega ten que facilitarlles ás empresas que elaboran estes proxectos estes produtos.

O monocultivo de eucalipto para a fabricación de madeira, chapa, fibra téxtil, ou para queimar como biomasa é a principal aposta do novo Plan Forestal Galego

Entón nace a necesidade dun Plan Forestal ad hoc.

Pero, que é un plan forestal? A lei de montes de Galicia, de 2012, indica que é “o instrumento básico para o deseño e execución da política forestal galega, no que se avalía a situación do monte galego e se establecen as directrices e programas de actuación da política forestal de Galicia”. Sendo a base da política forestal está claro que é un documento moi importante e a tomar moi en serio, que terá fortes consecuencias ambientais, económicas e sociais.

Pois ben, no 2015 iniciouse un proceso de renovación do anterior, PFG de 1992, que se incumprira manifestamente, e seguiu unha lenta tramitación ata que agora, co anuncio da concesión dos Fondos de Recuperación da UE, que se suman a outros xa dispoñibles, o proceso acelerouse e presentouse en febreiro un PFG renovado para os próximos 20 anos no Parlamento de Galicia.

E como é este plan? Pois, por resumilo nun par de frases, podemos dicir que cun abuso de charlatanaría pseudoambientalista e escasa concreción, lonxe de analizar a situación dos montes e de establecer programas para favorecer o seu desenvolvemento sostible, trala súa aparente vaguidade, pretende abrir a porta para que as empresas de celulosa, e agora tamén de viscosa fabricada a partir de celulosa e as de produción de enerxía a partir de biomasa, dispoñan de materia prima en abundancia para a súa actividade.

O primeiro problema é que non se sabe con exactitude o estado dos montes en Galicia, o último inventario forestal é de hai      máis de 10 anos e sábese que o panorama cambiou moito dende entón. Por iso non se poden marcar obxectivos de evolución xa que non sabemos ou non se quere saber de onde partimos.

Pero, que nos vai traer o novo plan? En primeiro lugar, incendios, xa que vai aumentar a superficie de cultivo de especies pirófitas, é dicir que favorecen a propagación do lume, como o eucalipto e o piñeiro. Pretenden que se reduza a superficie de eucalipto nun 5% pero que nos 5 primeiros anos din que aumentará un 3%, estes obxectivos son imposibles, na actualidade, grazas á expansión dunha nova especie (Eucaliptus nitens) que soporta condicións que non soportaba o Eucaliptus globulus, os eucaliptos estanse a estender polo interior de Galicia a un ritmo rapidísimo. 

Eucaliptal abandonado. A nula rendibilidade da plantación do eucalipto fai que os propietarios abandonen o monte. A invasión con alta densidade de árbores que non crecen pola competencia crea unha situación de grave perigo de incendio.

É curioso que no plan se  utilice o termo “eucaliptais degradados”, terreos con moitos anos de eucaliptización e incendios, recoñecendo implicitamente que a plantación de eucaliptos só conduce á degradación. O que non contempla o novo PFG  é a protección dos ecosistemas continentais, que forman parte do que denominamos monte, non se contempla a eliminación de especies pirófitas ou invasoras dos espazos protexidos, nin a protección dos bosques de ribeira indispensables para manter o bo estado das augas de ríos e regatos, nin a protección da biodiversidade fundamental para manter o equilibrio dos ecosistemas e dos cultivos, nin a do solo fértil que nin se cita no plan. Cada ano, Galicia perde 36 millóns de toneladas de solo fértil por mor de malas prácticas forestais e agrícolas e polos incendios.

Erosión na Fracha. As malas prácticas forestais e os incendios son causas principais da perda de 36 millóns de Toneladas de solo fértil ao ano.

Os lumes e as malas prácticas destrúen os solos provocando perdas de solo e desertificación. Eucaliptal degradado en Xeve

O plan tamén fala de neutralidade carbónica, asegura que se vai lograr un equilibrio entre o dióxido de carbono, o principal causante do efecto invernadoiro, que absorben as árbores e o solo e o que se volve a emitir ao queimar a madeira o na súa descomposición ou na dos seus produtos ou restos forestais, pero sería necesario saber canto entra e canto sae xa que si empobrecemos o solo en materia orgánica, utilizamos medios mecánicos que consumen combustibles fósiles e emiten CO2 ou usamos a madeira para usos de curta duración como para fabricar papel ou para queimar podemos estar nunha situación de emisión neta deste gas de invernadoiro. Considérase que o monte, como nel hai fotosíntese, e dicir transformación de CO2 en materia orgánica vexetal, é un sumidoiro neto de CO2. Pero se nos fixamos en que predominan os cultivos forestais de ciclo curto, con moita mecanización e polo tanto uso de combustibles fósiles, sometidos a frecuentes incendios onde se desprende todo o CO2 captado, coa erosión que elimina tamén a materia orgánica do solo, con usos da madeira de pouca duración como a fibra ou a biomasa, entón as contas non cadran e estamos emitindo dióxido de carbono.

Os forestalistas aseguran que en Galicia se corta o 60% da madeira de España, o que non explican e que esa madeira supón só o 13% das ventas no estado. Estamos a destrozar os nosos solos e a nosa biodiversidade para cultivar a madeira  de baixa calidade, destinada aos usos que implican menos ingresos, madeira para queimar e triturar. Non sería mellor reducir as cortas, digamos a un 40%, plantar a máis longo prazo árbores que non ardan para madeira de maior calidade e outros usos e aproveitamentos, para que o monte sexa verdadeiramente multifuncional, axudando a restaurar e acumular carbono nos solos, protexendo os espazos de interese, co que elevariamos o valor económico das ventas e mellorariamos a nosa paisaxe?. Parece que os intereses non van nese camiño e o novo Plan Forestal Galego tampouco.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Recollida de plásticos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥