De quen son os cruceiros?

Xan M. Pérez Nartallo

“A defensa e salvagarda do patrimonio están determinadas polo feito de que a sociedade coñeza e faga propias as súas realizacións”.

 Faga propias as súas realizacións. O autor desta afirmación advirte sobre que a sociedade non pode permanecer impertérrita ante a desfeita que se está a producir no patrimonio histórico. Senta así unha premisa coa que non podo estar máis de acordo, que o patrimonio é de todas/os, e que a todas/os corresponde a súa recuperación e conservación.

Mais o noso sistema xurídico embebido das ideas romanas  basease en que todo ten un propietario, ou aínda máis, que ten que ter un propietario. E non un propietario calquera, ten que ser un propietario determinable, determinado, concreto.

Antes de continuar que me perdoe o mestre Pepe Álvarez por comezar este artigo cunha frase do seu artigo sobre os cruceiros.

Si, cruceiros, que no país noso non son poderosos barcos de guerra, nin sequera aqueles inmensos transatlánticos que levaron a miles de galegos e galegas a terras do oeste das cales moitas e moitas non volveron xamais. Da migración falaremos noutro momento, que hoxe toca responder á pregunta do título.

Os cruceiros galegos son construcións, de pedra fundamentalmente, que espallados por todo o país cumpren diferentes funcións como ben sinala Pepe no artigo mencionado. Cumpren ou cumprían? Tanto ten, o caso é que están aí.

Cruceiro de Hio

Mais, de quen son? A quen pertencen?

Non é cuestión de enredar aquí cunha lección de historia do dereito, a recepción do dereito romano, as Sete Partidas… sei lá.

Somentes revelaremos se chegaron até aquí que o dereito civil español, ese chamado común, veu derivado/copiado do francés. Era estraño logo? Non necesariamente, só que copiar é máis doado e non da tanto traballo como pensar.

Estes ordenamentos xurídicos baseados no dereito romano teñen como sacrosanta figura a institución da propiedade, fundamentalmente privada. Así todo ten que ser de alguén singularizábel.

Iso casa moi ben, como luva á man, para o sistema económico capitalista no que nacemos, vivimos e morremos.

 Como as cousas se poden complicar tamén coñecemos a propiedade pública. Que é de todos/as? Pois non, é dun ente público. Pero o ente público é de todos/as, creo que non, simplemente (simplemente?) trátase dun suxeito público, un organismo que ten funcións de carácter público, isto é, que non é un particular, mais si é singularizábel.

 Xa se perderon?

Retomen o fío e ollen ao seu redor, todas as cousas que ven teñen propietario ou propietaria. Idea romana, sen máis.

Agora ven o lío, atentos/as. Como galegos/as podemos facelo doutra maneira. A esta idea de propiedade romana (privada e pública) engadimos unha terceira posibilidade, a propiedade colectiva (a propiedade colectiva é volver tolos a estes romanos como nas aventuras do galo Astérix).

Falamos de que as cousas son de todos e non son de ninguén. O mellor exemplo son as comunidades de montes en man común, que xestionan grandes extensións de terra en estado natural para aproveitamentos dos/das compoñentes da comunidade.

Microfilmación
Corresponde á microfilmación realizada polo CECOMi sobre as Respostas Xerais depositadas en Simancas e individualizada polos pobos según o Catastro

E isto que ten que ver cos cruceiros? Os de pedra.

As motivacións para realizar e colocar os cruceiros se perden na noite dos tempos, e independentemente que algúns teñan propietario/a coñecido/a gústame pensar que a maioría foron “cedidos” á comunidade onde se colocaron polos autores (a inmensa maioría descoñecidos) e doadores dos mesmos. Así non existe a posibilidade de saber de quen foron (pasado), e ao atoparse en lugares públicos, comúns, de libre concorrencia e paso propoñemos que sexan considerados segundo a tradición da propiedade colectiva galega como propios do común e por tanto de todos/as sen ser de ninguén.

A única maneira de protexelos do abandono e desaparición é unha regulación específica, e que a comunidade onde estean os faga propios.

Xan M. Pérez Nartallo

Xan M. Pérez Nartallo

Abogado

Nacín en Vilagarcía o 12 de novembro do 1960, onde vivín, e Compostela, Padrón, Pontevedra. Teño vínculos familiares e afectivos con Canabal (Sober), Vilamelle (Pantón) en terras de Lemos, as cidades de A Coruña e Vigo, o porto de Marín, a illa da Graciosa nos Açores e Salvador de Bahia; polo que debo ser un atlante (Estatua con figura de home que se usa como columna e sostén sobre a cabeza ou os ombreiros a parte baixa dunha cornixa ou outro elemento do edificio ou Home de forza descomunal). Aceptarei, por descarte, a primeira definición.

Son licenciado en dereito pola UNED e Master en Administración Local pola USC, e só sei que non sei nada, cousa que infelizmente comprobo todos os días. Como administrativista tamén dou fe da diarrea lexislativa desta póla xurista, palabra que está moi preto da palabra xurro.

A paciencia é unha virtude, podédela practicar comigo.

Campaña polos dereitos cidadáns

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥