por Charo Valcárcel
Dende a fiestra
vexo o teu lombo corcovado
erguéndose no cume poderoso
pecho os ollos
e son eu estou aí
os meus dedos rozan cadeixas brancas
que se esfuman no ar
coma pantasmas
mollo os pés na auga dos regatos
e as fragas
fanme cóxegas nas pernas
ergo a vista e vou tras a gaivota
pairando no horizonte
e vexo á fin un mundo azul
e fico alí
abraiada
ata que esperto.
Charo Valcárcel.

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Filoloxía galega
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥