Seleccionar página

E volveu a pasar. Síntome volver a nacer, entre un mar de bágoas inesperado.

A miña vida reflectíase naquel charco de bágoas que os meus ollos fixeron. Todo terminara, incluso eu, que me sentía a propia sombra da miña alma. Tiña que chorar, a vida seguía dándome onde máis me doe, seguía sen escoitar as miñas peticións, as miñas palabras, nin sequera entendía que todas aquelas postais de amor que lle escribín antes da miña ida estaban escritas co corazón.

Así foi, só me quedaba pechar os ollos e lamentarme por non terme despedido. O soño de tela entre as miñas mans pasara a ser lembranza entre todo o que máis desexaba nesta vida. Berrarei ao vento que xa non a terei, que se foi, que agora está sen min, quizais nun lugar mellor que este no que estou. E é que algunhas palabras son tan difíciles de dicir que nin sequera as miñas propias bágoas son capaces de facerlle entender todo aquilo que sinto. O mar está calmo, nin sequera as súas ondas lles poden explicar o que o vento lles leva. A súa propia mirada fíxose parte de min, cravada en min como un puñal no corazón. As súas bágoas ao ver o meu corpo inerte, o meu derrube. A súa vida coa miña era unha. Por que as cousas sempre teñen que ocorrer no mellor momento? Quizais non haxa un porqué, ou poida ser que aínda non teña atopado esa resposta que tanto tempo levo procurando, un porqué, que me faga entender por que a amo tanto, un porqué que resolva todas as dúbidas do meu corazón. Non era propio de min sentir que era eu o único habitante do seu mundo. Pero foi nese momento, cando agarrou a miña man, cando sentín de verdade o que significaba a vida. Decateime de que nin os soños máis profundos que tivera ao longo da miña vida poderían ser tan profundos como o amor que había no meu corazón. E si, é triste, falar de amor cando alguén se vai, agora ben, que podería facer se xa non está ao meu lado o que máis amo neste mundo? Podería quedar sentado vendo pasar as horas, vendo como o reloxo avanza segundo a segundo, que para min era unha vida interminable, podería esperar a que volvese, incluso mirar todas as súas fotos e imaxinar que é ela a que está ao meu lado en cada un dos meus sorrisos. Porén todo isto non era o mellor. Decidín saír aí fóra e buscala, loitar por ela. Buscala en todas as nubes do ceo, en cada promesa, en cada regalo de aniversarios, en cada unha das apertas que un día tiven. Só me quedaba berrarlle que a quería e que sen ela non podería vivir. Non obstante o ceo non entende, non entendía a alguén que amaba de verdade, non entendía o significado de morrer de amor, de sen ela seguir.

O tempo está correndo moito máis rápido ca min e estou comezando a lamentar o non ter pasado todo o meu tempo alí contigo. Mais quería dicirche que, aínda que te sintas soa e creas que a vida che está deixando ir, nunca vas estar soa.

Entón rompín a chorar, cando espertei do soño máis triste da miña vida.

 

Manel Monteagudo

Manel Monteagudo

Escritor

Nacín en Cando, concello de Outes aínda que cando só tiña  dous anos trasladeime coa miña familia ó lugar de Corral de Orro, pertencente ao concello de Noia. Ao saír da escola, con 14 anos, enroleime como engraxador nun buque pesqueiro-conxelador que facía a campaña de pesca en Sudáfrica, na captura da pescada. Despois nun buque mercante español, pero como o salario non cubría as miñas perspectivas (14.000 pesetas), marchei para Hamburgo; após de estar hospedado durante catro días no Stella Maris, conseguín enrolarme, tamén de engraxador, nun buque mercante alemán cun moi bo salario que permitiu que a economía no eido familiar mellorase. Entón comecei a estudar electricidade e electrónica naval por correspondencia. Despois de rematar o servizo militar marchei de novo para Alemaña e reincorporeime á mesma navieira que estivera. Enroláronme como oficial electricista nun mercante novo que saíra dos estaleiros no tempo que eu estivera facendo a mili. Salientar que tiven a prestixiosa honra de ser o oficial máis novo de toda a mariña mercante alemá (tiña 21 anos). Neste buque estiven tan só cinco meses e medio dado que o 28 de febreiro do ano 1979 (ese día cumpría 22 anos) tiven un accidente gravísimo ao caer dende seis metros de altura á adega do barco. A causa das secuelas que me deixou o accidente, estiven practicamente vexetal durante 35 anos, pero o 15 de outubro de 2014  déronme a alta médica, no entanto teño que tomar medicación o resto da miña vida.
No ano 2015 escribín un pequeno poemario que titulei Reflexións Poéticas, auto-editado. Na actualidade, ademais de escribir relatos, que publico semanalmente nas redes sociais, escribo poemas e prosa poética e no 2019 saíu do prelo o meu segundo poemario   Camiño á Lagoa dos Bardos.

Dende o ceo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español