por Charo Valcárcel

“DESPEDIDA”

Fómonos sen facer ruído,
co castigo cruel das apertas que non foron,
que nos roubaron os tempos que vivimos
deixándoas prendidas dos devezos agochados.

Fómonos silandeiros,
coas bágoas contidas puxando por brotar
dos ollos anegados.

Fómonos levando con nós xa para sempre
os corredores ateigados de risas e de prantos,
de présas, de conversas, confidencias apuradas…
e do son estridente que anuncia a súa fin.

Fómonos deixando a última lección
aínda pousada sobre a mesa,
e miramos atrás, como a muller de Lot,
dominados pola forza da nostalxia,
Mais non nos volvemos estatuas de sal,
e as pegadas indelébeis de todos eses anos
entraron en nós para quedar.

Charo Valcárcel 2020

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Os ollos dos nenos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥