Seleccionar página

por Charo Valcárcel e Manuel Lastra

Este ano a RAG decidiu adicarlle o Día das Letras Galegas a unha muller autora de catro poemarios publicados entre 1986 e 2003:

Denuncia do equilibrio (1986) Tigres coma cabalos (1990) Darío a diario (1996)  Intempériome (2003)

Esta decisión vainos facilitar a achega aos seus versos, moi pouco accesibles ata agora. Porén a dedicatoria deste ano vai cambiar afortunadamente ese feito pois, como sucede con todos os autores homenaxeados en tan sinalada data, a súa poesía xa está sendo reeditada.

Escribiu tamén prosa:

A pobreza e a negrura da aldea«. Inédito, 1972. Reproducido en Poesía reunida (1982-2004). Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 16-17, 2018.

«A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia«, en Contos dos nenos galegos. A Coruña: Caixa de Aforros de Galicia, 73-76, 1984. [Contos premiados nos concursos infantís convocados pola Asociación Cultural O Facho en 1968-1983].

«Por anticipado recaída dun mal que impide o bo«, Faro de Vigo. Pharo de Bego [suplemento], marzo de 1986.

«Que si que si», en Contos eróticos. Elas. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 11-23, 1990.

Muller e literatura. A Coruña: Real Academia Galega, 2021.
Non te amola! Vigo: Editorial Galaxia, 2021. Ilustracións: Luz Beloso.

Unhas notas biográficas:

Xela Arias naceu en Sarria en 1962, aínda que vai ser Vigo, a cidade na que se estableceu coa familia en 1969, a que marque a súa infancia e adolescencia.

Fixo o bacharelato no Instituto Castelao de Vigo e ao rematar COU decidiu abandonar os estudos iniciando unha formación autodidacta da que sempre se sentiu orgullosa:

Hai dez anos elixín a rúa antes cás aulas, e o que hoxe son é un produto diso” (palabras que pronunciou nunhas xornadas na Universidade Complutense de Madrid en 1988)

En 1980 vinculouse  a Edicións Xerais de Galicia  onde desempeñou traballos de administración e corrección de estilo.

Nos comezos desta década foi tamén cando comezou a dar a coñecer a súa poesía, primeiro a través de diversas publicacións periódicas que daquela estaban proliferando (Dorna, Festa da Palabra Silenciada, Espiral, Tintimán…) pero así mesmo en xornais e semanarios (Faro de Vigo, Diário de Notícias do Porto e A Nosa Terra).

A propia Xela conta que escribiu dende sempre pero que na poesía iniciouse na adolescencia con 14 ou 15 anos.

A súa voz igualmente comeza a oírse en mitins , como o celebrado contra a entrada de España na OTAN (1982)  E é de salientar a súa participación nas mobilizacións convocadas a raíz do desastre do Prestige (2003) como tamén nas protestas contra a invasión de Irak (2004).

Así mesmo nos comezos da década dos oitenta Xela Arias inicia outra das actividades que mantería ao longo da súa vida: a tradución literaria, traducindo, soa ou xunto con outros, autores como: Carlos Oroza, Gianni Rodari, Roald Dahl, Camilo Castelo Branco, etc. Por este oficio recibiu o Premio de Traduçao da Sociedade da Lingua Portuguesa (1987) e, compartido con Darío Xohán Cabana, o Premio Ramón Cabanillas (1994)

Ademais da publicación dos seus poemarios que comezou en 1986, a súa inquietude artística levouna  asemade a colaborar coa banda viguesa Desertores, para a que escribiu as letras do disco El desertor en castelán (1991).

Froito da súa relación sentimental co fotógrafo Xulio Gil nace o seu fillo Darío en 1994 e ambos asinaron conxuntamente o libro Tigres coma cabalos que establece un diálogo entre fotografías e textos poéticos e na que ela mesma actúa como modelo.

En 1991 retoma os estudos e cursa Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués, o cal desembocará no que acabará sendo a sú última profesión: profesora de ensino secundario.

Nos anos noventa comezou a formar parte do consello de redacción de Viceversa. Revista galega de tradución.  Así mesmo participou no programa Os nosos escritores, da Xunta de Galicia, que promovía encontros para achegar a literatura á cidadanía.

En 1996 publica Darío a diario, libro de poemas dedicado ao seu fillo,  no que reflexiona sobre a súa propia experiencia como nai, aínda que é unha reflexión que se afasta da visión tradicional da maternidade, desidealizándoa, pero sen deixar de ser entrañable.

Os últimos anos da súa vida foron intensos en actividades culturais.

A morte sorprendeuna en 2003 cando estaba preparando o espectáculo “Vencerse é cousa de se tratar” .  O falecemento da escritora ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo pola AGE (Asociación Galega de Editores), a ATG (Asociación de Tradutores Galegos,) e a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), ou o libro colectivo: Xela Arias, quedas en nós (2004)

Ao longo da súa vida Xela Arias fixo públicas moitas opinións sobre a necesidade de que a poesía ocupase o espazo público, o acceso ao mundo editorial, a necesidade de axudas, a práctica inexistencia dunha crítica,…que son mostra da súa implicación coa cultura galega do seu tempo. Insistindo ademais no compromiso coa lingua como poeta e tamén como cidadá consciente da súa identidade.

“Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence aínda aos derrotados”

Respecto á xeración literaria na que se incluiría, a propia Xela manifestaba que sempre se viu “moi descolgada de calquera xeración”.

O que si está claro é que  ocupou un lugar propio na poesía desas décadas e que non se pode entender o seu discurso poético sen ter en conta a renovación do mesmo que se produciu nos anos oitenta e a proliferación dos discursos do feminismo.

Xela reivindicou a condición de muller escritora:

“Sei que podo escribir desde muller, desde miope e desde galega (Noia 2004)

Aínda que se negaba a que se dixera que facía escritura feminina porque era muller.

Defendía a lectura pública na difusión da poesía, a necesidade de buscar novos espazos para a mesma, que tiña que saír dos libros que tiña que darse a coñecer fóra deles, facela viva.

Nunha das derradeiras entrevistas concedidas insiste en rexeitar un concepto compracente da poesía:

“A poesía debe indagar e cuestionar a orde das cousas, senón para que é, se a poesía o que vai servir é para dulcificar o que xa está ou para cantar as posibles excelencias do que xa está non sirve para nada”   (declaración feita na entrevista de Ana Romaní no 2003)

 Na conferencia: Para que os poetas hoxe? Contesta:

“Por se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contraditoria e filla das miñas contradicións, se me parece insuficiente o labor das ficcións narrativas, novelescas ou fílmicas para saber de min, eu son os meus semellantes, a poesía convértese nunha táboa de salvación no naufraxio das razón estrictas..´”

 Como conclusión sobre a súa obra poética podemos sinalar que tematicamente xira en torno a tres temas fundamentais:

  • O amor nas súas facetas sexual e sentimental con todas as súas contradicións, como algo inherente á natureza humana, como fonte de pracer pero tamén de dor e sacrificio e utiliza unha metáfora moi especial para representalo: a auga

(…)“ é que teño o corazón de auga derretida desbor-

                                                                             [dando

vasos e piscinas”

 (do poema “Trouxen augamel para agasallarte” pertencente ao poemario Denuncia do equilibrio)

  • Outro dos temas que cobra gran protagonismo nos seus versos é a perda de identidade do individuo fronte á masa, a súa alienación á mesma. A solución que ofrece a autora é a fuxida e, neste sentido, xorde outra metáfora que a representa: o cabalo, símbolo do libre albedrío neste poema:

“—cabalos desbocados—

eran cabalos desbocados pola praia

 cabalos/ desbocados/ polas praias/ da cidade

  (de Denuncia do equilibrio)

  • O terceiro tema é a morte e a banalidade da existencia, presentando como algo absurdo a aspiración á fama e á inmortalidade:

“De certo, a vida ía en serio.

Por iso morrer non conta

Números.

Eras moza,

Cómplice nunha derrota que non

Sumabas. Feliz por terte insomne

 Por inmortal.

Xa temos cadáveres amigos

E coñecidos,

Sabemos da morte o legado inútil”

 (de Intempériome)

 Finalmente o seu estilo é sen dúbida moi persoal, cualificado por algúns de vangardista. A propia Xela proclamou sempre a súa independencia e sinceridade artística por encima de perspectivas formais e morais, falaba da independencia dos corpos e da independencia das ideas.

Cumprindo o seu desexo compartido de que a poesía tiña que saír dos libros, tiña que ser lida, recitada publicamente, escollemos dous dos seus poemas para recitármolos.

Amaranunca as estrelas reverdecidas

as orquideas

o amor

o pavo real

cabalos e bolboretas anaranxadas

nubes e versos

bicos

bicos

agariman o son

blues

blues

ven

ámame

 déitate e ámame

pérdeme

pérdete

perdémonos na primavera

a luz da mañá

alba

alma

ven

ámame

ámote cabalos follas

reverbecidas

ven

lévame

os ollos van de turistas

na Aquitania

lévame

ven

todo queda por dicir

somos sós

somos nós

sóñame

sóñote

a gaiola exístenos dentro

raxar

saír

amar

ven…ven…vou                                                             

Darío a diario

Nunha entrezona da miña barriga había un

rato pequeniño

que ollábamos só nas pantallas do douctor.

Para os meus

Era un centímetro de soño lindo que había ser

Desta e

(daquela maneira.

Para mín, Darío, corazón,

Eras ti en min,

De veras a xunción total,

Aquí o íntimo conxugado no cotián.

Non había texto posible, rei,

que eu escribise,

incapaz de anotar o

sentimento no instante, sabes?

É que contigo era xa aquel o poema enorme

o desterro dos pronomes, neno!

o todos un como arelara espiritual

tan longo tempo baténdome

nas pedras portas, entre

(lugares xente.

E non soubera

Nunca soubera que así

contiñas do divisor as mortes.

Cun ratiño unha vez fun

universo

                            

Bibliografía

Xela Arias, Poesía reunida (1982-2004), Xerais

Webgrafía:

https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias/biografia

https://es.wikipedia.org/wiki/Xela_Arias

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español