Don Xesús Alonso Montero, o meu profesor de COU en Lugo

Non podo falar de ningún mestre ou mestra que me marcase na escola luguesa porque eu non fun á escola, a miña escola foi a reitoral da Cervela (no Incio) co meu tío don José.

Logo no Seminario de Lugo tiven moitos curas profesores, pero hai un que destaca por enriba de todos, don Alejandro Pin. Foi un adiantado aos tempos, en 1970 xa subía enriba dunha mesa como o faría o profesor do Club dos poetas mortos en 1989.

Cando me matriculei en COU no Masculino cometín un grande erro, non matricularme en Literatura Española. Viña do Seminario e non sabía nada do profesorado do instituto. Así que escollín de optativas Latín e Inglés. Debera ter escollido Literatura porque o profesor era don Xesús Alonso Montero, hoxe sei o que perdín. Canto ao latín, menos mal que era o meu forte, que o profesor era un dos ósos máis duros do centro. Rapaces que no Seminario levaban sobresaliente en Latín aquel ano tiveron que ir a clases particulares.

Pero tiven moita sorte porque me tocou Alonso Montero en Lingua Española. Cando agora nos xuntamos a xantar seminaristas daquel ano todo coincidimos en que este profesor deixou fonda pegada en nós. Foron unha clases que nunca viramos e igual nunca volvemos ver.

Entraba na aula e poñía no taboleiro o esquema do que ía falar, nós iamos tomando nota e non facía falta estar en total silencio. Logo el explicaba, nós calados e non podiamos tomar apuntamentos. Finalmente podiamos intervir, pedir a palabra. Así era doado aprobar con Alonso Montero, só había que memorizar o esquema e atender, máis nada. E o máis bonito, podíase subir nota con cousas de Galego. Si, de Galego, o que nos prohibían falar no Seminario. Eu que nunca erguía a man para comentar algo na clase, con el atrevíame para temas da miña lingua. Foi a primeira vez que o meu galego deixou de ser a lingua da aldea para ser unha Lingua con Maiúsculas.

Preguntoulle a un compañeiro o significado dunha palabra en galego, o rapaz non a sabía e na súa defensa argumentou que estivera no Seminario onde prohibían falar galego. Alonso preguntoume a min, que respondín correctamente.

—Vese que vostede non estivo no Seminario.

—Si que estiven seis anos.

—Claro, vostede xa estivo no Seminario Posconciliar.

Tiña resposta para todo.

Outro día estaba preguntándolle a un rapaz o presente de subxuntivo do verbo SER, o mozo non daba arrincado coa resposta e don Xesús retorcía as mans mentres dicía «pero hombrre, pero hombrre». Non se enfadou nada. E tiña razón que aquel rapaz viviu logo de dar clases de castelán en Castela.

Xa daquelas andaba coa teima de que a lingua galega tiña un futuro moi escuro se non había un cambio grande. Poñíanos de exemplo que os fillos de médicos, farmacéuticos, mestres… deixaran de falar o galego que falaban seus pais. Propúxonos traballos voluntarios para investigar. O meu amigo Suso e mais eu fixemos un traballo da zona de Chantada buscando exemplos nos que todos eses fillos (casualmente coñecidos nosos) mantiñan o galego. Para levarlle a contraria ao profesor, como ten que ser, ademais el sempre nos dicía que tiñamos que ser críticos. Deunos boa nota.

Como a súa muller tamén era profesora no instituto un día comentoulle un alumno «pois a súa señora díxonos…» E don Xesús case se enfada: que non lle falase da súa señora, en todo caso sería a súa muller, a súa compañeira. Eu aí estaba de parte do alumno que para os das aldeas dicirlle a un home «a súa señora» era mostrarlle respecto, moito máis que «a súa muller». Tampouco era perfecto, era humano.

Se tantas lembranzas teño eu daquelas clases de lingua, que sería se tamén fose ás súas clases de Literatura, onde seica brillaba aínda moito máis. Mais o pasado, pasado é.

Pasaron anos e Alonso Montero foi o presidente do meu tribunal de oposicións, nin eu me presentei como alumno nin el o debía lembrar, aínda así fun aprobando. E volveron pasar anos sen nos ver a min e a Vitoria Ogando, que tamén formara parte do seu tribunal de cátedras. Mais comezamos a coincidir en actos, tamén cos amigos comúns Modesto e Lourdes e desde entón cando viña a Pontevedra e non iamos ao acto, a seguinte vez que nos vía preguntaba onde estiveramos.

Máis aínda, o día que Ana Santos nos fixo esta foto con el no Museo de Pontevedra cando viñera traído polos amigos Carlos Taboada e Kike Mauricio, comentoulle á xente que «agora eu son o alumno e Anxo é o profesor, porque cando sae dando clases no Luar eu collo a libretiña para tomar notas». E nunha palestra do Ateneo en Pontevedra a finais do pasado ano, mentres explicaba “A Marquesiña” de Castelao dirixiuse a min como «un gran pedagogo do galego». Que máis se lle pode pedir un alumno a un profesor? Gratitude eterna.

Jesús Alonso Montero
jESUS ALONSO

Eu botei 10 cursos en Lugo e Alonso Montero 16, quedamos marcados para sempre polas murallas que acollen, agariman coma un colo. No pasamento do profesor case toda a xente remarca a súa etapa de profesor en Lugo, mesmo no acto no cemiterio proxectaron imaxes da súa estadía en Lugo e remataron coa lectura dun poema sobre Lugo. Igual todo o éxito docente daqueles anos se debe á maxia da cidade de Lugo, da muralla, aínda que o Masculino estaba extra-muros.

E logo eu tiven máis sorte que o meu profesor, porque vin vivir a Pontevedra, outra cidade máxica. Estudar en Lugo, exercer en Pontevedra, non hai quen o pague. Ou ao revés, como a miña querida alumna, a fiscal Lucía Girón, estudar en Pontevedra e exercer en Lugo. En 1979 cruzando Pontevedra nun taxi con Carvalho Calero díxome don Ricardo «Mira, Pontevedra, unha cidade ideal para vivir de xubilado». Don Ricardo, o meu mestre e admirado profesor, tiña que facerlle caso, e desde 1980 (sacado un ano de militar en Ceuta), xa non marchei de Pontevedra, seguín ata xubilarme e colaborar con De vella a bella.

Pero hoxe non toca falar de don Ricardo, toca falar do finado don Xesús, o profesor que nos “epataba” aos nosos dezaseis aniños en 1971, en Lugo, presumindo de “comunista” cando eu aínda non sabía o que era “epatar”.

D.E.P.

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

O vello cárcere de Lugo e a memoria

Felices Peregrinas

A Peneda Cabezuda Luguesa

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥