O señor Braulio e o señor Francisco eran xastres. Os dous gobernaban cadansúa xastrería no mellor lugar da parroquia. E se xa era pouco corrente que nunha aldea houbese dúas xastrerías, aínda o era menos que estivesen a unha en fronte da outra.
Fora algo fortuíto, froito da casualidade. Os dous aprenderan o oficio na vila, no taller de D. Raimundo, famoso na contorna porque seica aprendera as artes da costura en París.
A súa rivalidade medrara parella aos seus anos e cando remataron coa aprendizaxe os dous montaron unha xastrería na aldea natal. Braulio arranxou un cuarto na casa que herdara dos pais e Francisco alugoulle outro a unha viúva con catro fillos que casualmente era veciña de Braulio.
O señor Braulio era miúdo e pálido, de aspecto tan fráxil que semellaba que un sopro de vento o elevaría do chan e sairía voando polo aire. As súas mans delicadas, de dedos longos e finos, falaban de longas horas de agulla e dedal. Sempre vestía cunha elegancia antiga, decimonónica; reloxo de peto, pantalóns con tirantes e zapatos lustrosos. No seu taller os aprendices apenas se facían notar, cosían en silencio seguindo as indicacións do mestre.
O señor Francisco era pequeno e falangueiro, inquedo e alegre, amigo de charabiscas. O seu rostro reflectía decote a vitalidade que lle abrollaba por cada poro de pel e, aínda que non posuía unha gran elegancia, era moi bo no seu oficio. O seu taller convertíase nun recuncho de vida, poboado de risos e falas, de chanzas e contos que acompañaban as longas xornadas de costura.
Os dous mestres de agulla e dedal pasaron a vida sen apenas falarse. Os primeiros anos estiveron marcados por unha dura competencia. Pero co tempo o afán competitivo foi dando paso a unha rivalidade sa, na que cada xastre creara un espazo de seu, ben distinto, reflexo da súa personalidade.
Un case inaudible saúdo cando coincidían pechando ou abrindo o taller supuxo durante anos o seu único contacto verbal. Malia todo a xenreira non aniñaba nos seus corazóns. Non se odiaban, simplemente ignorábanse.
Cóntase que cando a enfermidade obrigou a Braulio a pechar as portas do seu local, Francisco non volveu ser o mesmo, a ledicia que sempre acompañara as longas xornadas de traballo foi esmorecendo ata desaparecer e, co peso dos anos sobre as súas costas, non tardou en abandonar o que fora o seu labor durante décadas, deixando tamén a aldea orfa do seu taller.
Os dous xastres sostiveran o seu oficio non só na mestría coa agulla senón tamén nos azos dunha sa rivalidade.
Agora, moitos anos despois, as vellas xastrerías, coma dúas testemuñas silandeiras doutro tempo, permanecen pechadas na aldea esquecida, unha fronte da outra, para sempre.
Charo Valcárcel (relato finalista Microcatro relato 2017)

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
máis artigos
Actividades culturais do 5 ao 11 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 4, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de setembro ao 4 de outubro
by Ana | Setembro 27, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 21 ao 27 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 20, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 13, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 7 ao 13 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 25 ao 31 de Maio por Ana Santos
by Ana | Maio 24, 2026 | Actividades | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Rosa María López Lorenzo por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Lola Fontán Fernández-a Xenxa- por Ana Santos
by Ana | Decembro 16, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Piruca Baena Solla por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 21, 2025 | Historias de vida | 2 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
Pedro Ayuso Sierra por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 4, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Máis nervioso ca un crocodilo en augas do Peloponeso por Jose Solla
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Fotográficas | 0 Comments
La mañana de Marina Filgueira García
by Colaborador | Setembro 27, 2026 | Articulos | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Trackbacks/Pingbacks