Dúas semanas en Cabo Verde
Sara Valenzuela VizEn Cabo Verde visitamos tres illas. A primeira foi a illa de Sal. Aloxámonos nun apartamento, que estaba moi ben equipado. Tiña de todo. Estaba en Santa María. Polo que vimos, os turistas adoitan ir a resorts e todos levaban as súas pulseiras. O apartamento estaba ao lado da rúa peonil e moi preto do porto antigo.
A outra illa que visitamos foi a illa de San Vicente. Tamén nos aloxamos nun apartamento en Mindelo. E a terceira illa, para a que fixemos unha excursión dun día, foi San Antão.
Como chegamos e visitamos as illas de Cabo Verde:
A saída cara ás illas foi de Madrid a Lisboa e de Lisboa á illa de Sal. Dende a illa de Sal, voamos a Mindelo e, para chegar a San Antão, tivemos que coller un transbordador.
Vouvos contar as miñas experiencias en cada unha das illas, pero primeiro, un pouco da historia das illas e dos seus habitantes.
Cabo Verde foi unha colonia portuguesa desde o século XV ata 1975, ano en que conseguiu a independencia. Tantos anos de historia compartida aseguraron que a influencia portuguesa se manteña hoxe en día.
O arquipélago, que forma parte da rexión da Macaronesia, está formado por dez illas grandes e cinco máis pequenas. As illas de Barlovento inclúen Santo Antão, São Vicente, Santa Luzia (deshabitada), São Nicolau, Sal e Boa Vista. As illas de Sotavento inclúen Maio, Santiago, Fogo e Brava.
A República de Cabo Verde está situada no Océano Atlántico, no arquipélago volcánico do mesmo nome, fronte á costa de Senegal. As illas estiveron deshabitadas ata que foron descubertas no século XV polos portugueses, que procederon a colonizalas e convertelas nun centro para o comercio de escravos.
A cultura caboverdiana é unha mestura de elementos europeos e africanos. É coñecida pola súa diversa herdanza musical, que reflicte as diversas orixes da súa poboación. O país ten os seus propios xéneros musicais, como a morna.

Sara Valenzuela Viz
Profesora de Historia
Nacín na parroquia de Santirso de Manduas, en Bandeira.
Aos nove anos mandáronme estudar a Santiago e alí pasei uns cantos anos da miña vida, xa que logo fixen Filosofía e letras e liciencieme en Xeografía-Historia.
Exercín de profesora percorrendo moitos centros educativos das catro provincias, penso que de aí vén o que me gusta viaxar.
Levo en Pontevedra 27 anos, nesta fermosa cidade coñecín a unha parte dos integrantes do blog devellabella, no IES Valle Inclán e tamén no Frei Martín Sarmiento. Con eles vivín moitas aventuras, dende a nosa dedicación común ao teatro a festas diversas relacionadas co noso traballo, e sempre me sentín en total confianza.
Levo xubilada dous anos e procuro aproveitalo ao máximo, sobre todo facendo viaxes.
Neste proxecto vou poñer o meu graniño de area, e espero que sexa do voso agrado
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥