2 de ABRIL: DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO

 O día 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Foi declarado por unanimidade como tal pola ONU no ano 2007, na resolución 62/139 do 18 de decembro.

O motivo non foi outro que a preocupación pola presenza de forma preocupante deste trastorno en todas as rexións do mundo, pretendendo a toma das medidas necesarias para a concienciación deste grave problema, que afecta só en Europa a uns sete millóns de persoas,  concienciación que deben asumir todas as organizacións competentes, gobernamentais ou non, sociedade civil, etc., e contribuír así a mellorar a súa calidade de vida promovendo a súa inclusión en todos os ámbitos da sociedade como cidadáns de pleno dereito.

            Pero quizais conviría lembrar brevemente que é o AUTISMO.

            Segundo podemos ler nas distintas páxinas especializadas  parece ser que este trastorno, coñecido como trastorno do espectro autista ou TEA  é de orixe neurobiolóxico  e afecta á configuración do sistema nervioso e ao funcionamento cerebral,  provocando dificultades principalmente en dúas áreas, a da comunicación e interacción social e a do pensamento e conduta.  Aínda que se descoñece a causa sábese que hai unha forte implicación xenética.

É importante tamén reseñar que as manifestacións do TEA son moi diferentes dunhas persoas a outras. Así por exemplo algúns afectados non teñen dificultades para a expresión lingüística pero si para utilizala na interacción con outras persoas, outros en cambio non son quen de empregar a linguaxe verbal e precisan de sistemas substitutorios da mesma. En canto ao comportamento propiamente dito, soe resultarlles moi difícil adaptarse a situacións imprevistas, a cambios na súa rutina e xerarlles angustia ou ansiedade.  Pódese observar neles a insistencia en que as cousas sucedan sempre da mesma maneira, en padróns de comportamento ríxido e repetitivo, p.ex. repetir palabras ou frases unha e outra vez exactamente da mesma forma.

En canto aos tipos de TEA hai que lembrar que desde hai anos a síndrome de Asperger está incluída como un máis dos trastornos do espectro autista, aínda que coa especificidade de non ter discapacidade intelectual asociada nin dificultades nos aspectos formais da linguaxe. O termo foi utilizado por primeira vez en 1981 nunha revista de psiquiatría e psicoloxía e denominouse así en recoñecemento ao traballo previo de Hans Asperger, psiquiatra e pediatra austríaco que xa describira a síndrome en 1943.

En xeral estas persoas son extremadamente boas en habilidades de memoria. Cóntase con moitos estudos que as describen, Asperger chegou a chamar a algúns dos seus pacientes “pequenos profesores” debido aos seus extensos coñecementos no seu tema de interese particular.

Esta sería unha clasificación destas habilidades que poden presentar:

  • A hipermnesia é unha característica moi frecuente dentro de todo o espectro autista e defínese como “grao esaxerado de retención e recordo da memoria”
  • O calendario a perpetuidade que consiste no recordo ou cálculo a gran velocidade de días, datas e anos coma se o estivese vendo nun almanaque.
  • A Hipercalculia: refírese as habilidades matemáticas que van desde a resolución de problemas complexos, análises de secuencias numéricas ou ata simplemente recordar números, mesmo en nenos moi pequenos.
  • A hiperlexia: é a habilidade espontánea e a fascinación por ler palabras a idades moi precoces, antes dos 5 anos, sen ensino previo.

Pero os estereotipos que manexa a sociedade en xeral sobre as persoas con TEA poden chegar a ser moi prexudiciais. Isto advírteo James McGrath nun libro publicado no 2019 titulado Naming Adult Autism: Culture, Science, Identity. James McGrath é profesor de literatura e estudos culturais na Leeds Beckett University do Reino Unido e, ademais, ten autismo. Esta información achéganola José R. Alonso (neurobiólogo, catedrático da universidade de Salamanca e escritor), autor do artigo: Autismo, matemáticas y estereotipos. Conta Alonso que no seu libro McGrath pon de manifesto algúns dos erros máis comúns que se poden observar tanto en artigos científicos como en cuestionarios utilizados para a catalogación do autismo e insiste que é un estereotipo moi perigoso e moi estendido que as persoas con autismo son boas en matemáticas e en ciencias que isto pode ser moi positivo para os que lles gusten estes campos, pero para aqueloutros que, en cambio, prefiren outras disciplinas resulta todo o contrario, pois pode facer que se sintan inútiles no sentido de que pensen que nin sequera saben “facer ben” o seu autismo. José R. Alonso sinala que esa idea chega á sociedade xeral. Desde «Rain Man» ou «The Good Doctor» á triloxía «Maddaddam» de Margaret Atwood, a persoa con autismo é un home branco, sen unha discapacidade observable clara e que é excelente en ciencias ou matemáticas, e pensa que isto é unha caricatura moi prexudicial para acadar unha verdadeira inclusión. El cre que a neurodiversidade tamén se cumpre para o colectivo de persoas con autismo.

James McGrath

José R. Alonso

Efectivamente son de sobra coñecidas por todos as consecuencias altamente negativas que os prexuízos, afecten ao ámbito que afecten, poden chegar a producir e está claro que para unha boa parte da sociedade as persoas con autismo son aínda unhas auténticas descoñecidas, cando non uns bechos raros que producen desconfianza e prevención. Está, pois, máis que xustificada a necesidade de que se tomen as medidas necesarias, por parte de quen corresponda, para dar a coñecer este problema que tantas persoas padecen no mundo co fin de que poidamos entender e colaborar na súa integración na sociedade.

 Precisamente a conmemoración deste día foi o que nos levou a elixir como recomendación  de lectura a dunha novela publicada no ano 2003, a novela máis vendida do ano en literatura inglesa, contando no seu haber con varios premios ( En 2003: Libro do Ano  Whitbread, no 2004 o Premio para Escritores da Commonwealth como mellor primeiro libro e no 2005 o Premio ao Mellor primeiro libro para lectores novos) converténdose ademais na primeira incursión do seu autor (Mark Haddon) na literatura para adultos.  Trátase de  El curioso incidente del perro a medianoche.  

O motivo desta elección é claro: o protagonista desta novela é un neno de 15 anos cun trastorno do espectro autista.

EL CURIOSO INCIDENTE DEL PERRO A MEDIANOCHE

de MARK HADDON

Este curioso título provén dun comentario feito polo detective Sherlock Holmes no conto Silver Blaze de Sir Arthur Conan Doyle, que por suposto lle acae como anel ao dedo a esta interesante novela na que o narrador-protagonista é un neno autista de quince anos, Christopher, cun talento e unhas aptitudes extraordinarias para as ciencias, sobre todo, as matemáticas. Ten Síndrome de Asperger e a Síndrome do Sabio, é incapaz de contar mentiras e ten memoria fotográfica, isto e moitas outras características propias das persoas con TEA.

Desde o principio da novela introdúcenos no seu mundo, así xa podemos ler na segunda páxina da novela:

Christopher escribe un libro: El curioso incidente del perro a medianoche, contando as experiencias da súa vida cotiá (cos pais, no colexio…), sobre todo a partir da morte do can dunha veciña, corpo atopado por el e de cuxa morte acúsano nun principio.  A partir dese momento decide investigar para descubrir quen foi o asasino. As súas indagacións vano levar a descubrir moitas outras cousas, ademais da identidade do asasino, que provocarán cambios moi importantes na súa vida.

Ten unha mascota chamada Toby, unha rata, que o acompañará na súa aventura da busca da verdade.

Penso que é un gran acerto que a historia se conte desde a perspectiva de Christopher, xa que o lector ve o mundo a través dos ollos dun neno autista e pode entender mellor como funciona esa mente. É obvio que o traballo de Haddon con este tipo de pacientes tivo que serlle de gran utilidade á hora de retratar este personaxe entrañable e complexo que é Christopher e tamén a reflectir e dar a coñecer o mundo interior destes nenos, tan descoñecidos e moitas veces tan incomprendidos.

Este libro foi levado ao teatro por vez primeira en México no ano 2013 merecendo o galardón de mellor posta en escena.

 En España estreouse no Teatro Marquina de Madrid en setembro de 2018, a adaptación teatral foi de Simon Stephens e a dirección correu a cargo de José Luís Arellano García. O papel de Christopher foi protagonizado por Álex Villazán que lle valeu o Premio da Unión de Actores e Actrices como mellor actor revelación de teatro

Mark Haddon

Mark Haddon

Escritor

Naceu en Northampton, Inglaterra en 1962. Licenciouse en Literatura Inglesa pola Universidade de Oxford, aínda que os seus primeiros recoñecementos chegáronlle como ilustrador e debuxante de tiras cómicas en diversos medios locais e posteriormente en The Sunday Telegraph e The Guardian. Tamén foi profesor de nenos con minusvalías físicas e psíquicas o que lle foi moi útil para  retratar o personaxe protagonista da súa primeira novela para adultos: El curioso incidente del perro a medianoche. Anteriormente, desde 1987, escribía literatura infantil publicando unha quincena de títulos con ilustracións propias.  É tamén guionista de series e películas para televisión (acadou dous premios BAFTA como tal), e, cansado da ilustración, comezou a adicarse á pintura abstracta, actividade coa que continúa na actualidade ademais de dar clases de literatura creativa na Universidad de Oxford.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Día de Rosalía

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥