Encol das cantareiras e outras cuestións da etnografía cuntense

 No Día das Letras Galegas 2025

Para este ano a Real Academia Galega decidiu moi atinadamente que o 17 de maio, día de sinalado tributo anual ás nosas letras, fose adicado a un personaxe colectivo, tal como xa se fixera no ano 1998 cos nosos trobadores medievais e, en representación deles, aos cantores da ría de Vigo: Martín Códax, Johán de Cangas e Mendinho. Do mesmo xeito, nesta xeira acordouse homenaxear ás cantareiras e pandereteiras populares, representadas polas irmás Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; as tamén irmás Asunción e Prudencia Garrido Ameixenda, naturais de Malpica ao igual que Teresa García Prieto e Manuela Lema Villar; e mais á muxiá Eva Castiñeira.

Dado o protagonismo que con este motivo está a acadar este ano a música, o folclore e, de xeito global, a etnografía, decidín elaborar un traballo influído en certa medida por un escrito que topei remexendo nalgúns textos que fora arquivando hai xa máis de cinco lustros, publicado en El Ideal Gallego o 30 de agosto de 1981, asinado co pseudónimo de  Fray Roblando, que reproduzo parcialmente a continuación dado o interese que ten para o tema que nos ocupa:

cantareiras

“Por aquelas calendas do primeiro terzo do século XVII chegou á Xurisdición de Baños¹ Frei Carlos de Caldas Vázquez. Procedía dos venerábeis claustros de Carboeiro, orballados pola lene brisa do sinuoso Deza, fillo predilecto do entón caudaloso Ulla (…) Aquí chegaba o virtuoso monxe, por imperativo do seu merecido retiro (…) e para coidar das propiedades que a súa comunidade tiña  por estas paraxes, pese ás conseguintes minguas que a estas congregacións ocasionou a lei desamortizadora de Mendizábal. E como queira que o coidado e explotación de tais herdanzas, situadas no amurallado recinto de Agrobó e os seus arredores, facíaselle tarefa moi difícil, o ancián cisterciense reclamou de inmediato a axuda e a convivencia do seu irmán Ventura, mozote solteiro que consumía as súas enerxías na cruenta loita cos labradíos da súa facenda na parroquia de Muimenta, da mesma Xurisdición de Baños. Chegado a Santa María de Baños de Cuntis, o tal Ventura de Caldas Vázquez, que na procura da súa media laranxa xa percorrera todas as espadelas, rúas, romarías e demais medios de manifestación festeira polas parroquias das lindeiras xurisdicións de Peñaflor² e de Montes, non puido esquecerse daquela garrida e rubicunda moza dos seus amores que vira os primeiros resplandores do astro rei no lugar de Morillas³ da mesma Xurisdición de Baños. Como os seus pais non dispuñan de medios económicos, circunstancia común no medio rural da época, Ana de Morillas ten que desprazarse a Santa María de Baños para celebrar os seus esponsais con Ventura de Caldas, na capela de San Xián, anexa á parroquial e que se atopaba no que hoxe se denomina Portelo de San Xoán, designación debida á deformación ou confusión do seu verdadeiro nome (…)

Folclore:

No amplo eido desta manifestación non pode dicirse que Cuntis saliente en ningunha peculiaridade do mesmo. Mais tampouco pasa desapercibido no discorrer destas actividades. No ancestral pódense mencionar os esperpentos de Arcos e Cequeril; os espantallos de San Clemente e Estacas; as regueifas de Mesego e Troáns, etc. En época máis recente, as rúas de Fonte Cova, Vilariño, Xinzo e Rebordelo.

 Na costa de Rebordelo,

a subila e a baixala,

perdín a cinta do pelo.

Reza o coñecido cancioneiro popular.

Nas agrupacións foi Cuntis pioneira nestas contornas. A lembranza de vivencia lévanos á renomeada Banda de Canabal, que se ben nativo de Arca estaba casado en Porto de Gómez (Cuntis).

Animaba as romarías e festas dos nosos avós, facendo os  últimos ensaios nas súas visitas á vila, máis coñecida por O Baño, ao pé da lendaria Pedra Fensa, en termos de Sebil. E quen non lembra ao veterano virtuoso do bombardino, don Vítor Ruíz Arrollo, fundador da primeira banda local, integrada pola xuventude da vila e contornas. Formaron nela Xoaquín Fariña, Perfecto Alonso, Mario Blanco, Alfonso Garrido e demais integrantes daquelas pandas”.

Banda da bragaña

Máis tarde formaría a popular Banda da Bragaña, o eco de cuxas notas aínda resoa nas rúas da vila e nas romarías do Cristo e San Ramón. Un dos últimos directores foi o estilista da batuta, don Tomás Beteta.

 A banda da Bragaña

hoxe estrea director,

don Tomás Beteta Yarza,

que din que é un primor.

Cantou nuns versos don Lourenzo Ayesta, da súa mesma terra vasca.

Nesta cita é obrigado unha nostálxica lembranza para a Banda Municipal de Cuntis, coa súa sección de gaitas, acollemento  descoñecido até daquela que tan alto paseou o seu nome e do noso municipio polas terras de Galiza e fóra dela. Cambeses, Amor, Rebollar e outros foron os seus celosos reitores (…)”

Notas:

1. Trátase da Xurisdición de Baños de Cuntis.

2. A antiga Xurisdición de Peñaflor estaba integrada polas parroquias de Portela, Curro, Agudelo, Baliñas, Romai, Portas, San Andrés de César, Gargantáns, San Martiño de Laxe, Santa Xusta de Moraña, Cosoirado, Santa Cruz, Chozas, Rebón, Barro e Perdecanai.

3. Tanto Moimenta como Morillas pertencían daquela á Xurisdición de Baños de Cuntis.

Arcos, cuntis

Arcos (Cuntis, anos 60)

pandereiteira e cantareiro en Estacas Cuntis anos 60

Pandeireteira e cantareiro en Estacas (Cuntis). Anos 60

Xa desaparecidas moitas das nosas manifestacións populares do Entroido como os esperpentos e os espantallos, mencionados no texto que acabo de reproducir, sen dúbida emparentados con outros entroidos populares que aínda sobreviven en boa parte de Galiza e norte de Portugal, e que malia as variacións nas singularidades locais no que atinxe aos fatos, caretas, sons, conduta, xeito de movérense, desfiles, danzas e choutos, ruídos xerados con vinchas, campaíñas, carracas, chocas, bombos, gadañas, sachas…, conservan unha enorme raizame común como a que podemos albiscar nos emblemáticos Peliqueiros (Laza), Cigarróns (Verín), Pantallas (Xinzo), Boteiros (Vilariño de Conso, A Gudiña e Viana do Bolo), Mázcaras (Manzaneda), Felos (Maceda)…, ou tamén en Portugal os Caretos (Podence), entre outros. Todos eles representan demos, diaños, sátiros…, que percorren as rúas coas súas características caretas e vistosas vestimentas artesanais, meténdose coa xente e facendo trasnadas.

Trátase de tradicións carnavalescas autóctonas moi enraizadas de xeito especial na provincia de Ourense, e que en moitos concellos galegos están completamente desaparecidas, engulidas por actividades lúdicas foráneas e globalizadoras, que se ben poden ser axeitadas para o entretemento e a troula, carecen de demasiado interese desde o punto de vista da etnografía, da tradición popular e, en ocasións, mesmo de orixinalidade.

Entroido Cuntis anos 70

Entroido en Cuntis. Anos 80

Cumpriría un estudo do que foran os esperpentos e espantallos locais, así como noutros entroidos ancestrais de Galiza e doutros lugares para poder levar a cabo a reconstrución das tradicións carnavalescas locais, nas que ben seguro atoparemos a base popular desa visión da realidade deformada e grotesca que Valle Inclán materializaría en xénero literario e que atoparía un terreo ben abonado noutros eidos, especialmente nas artes plásticas, mais tamén nas propias ciencias sociais, pois a base do esperpento e do espantallo non é unicamente lúdica e estética, senón que esta caricaturización da realidade social e política posúe aspectos verdadeiramente combativos que se poñen de manifesto no feito de que estas máscaras que se exhiben como figuras primitivas, luxuriosas, satánicas…, non adoitan representar orixinariamente ás clases oprimidas senón máis ben a caciques, fidalgos, autoridades, oligarcas, prelados…, no ámbito da permisividade e tolerancia que o entroido comportaba de xeito excepcional.

Mellor sorte correron por estas terras as regueifas e as ruadas, que malia o paso do tempo e as mudanzas nos hábitos de traballo e lecer, a día de hoxe, foron pescudadas por curiosos e investigadores, que poñen de manifesto o seu ambiente lúdico, sensual e popular. No caso das regueifas, dado o seu carácter improvisado, non é doado o rescate destes cantares en concreto pero si o coñecemento das circunstancias e xeitos en que se desenrolaban, as técnicas, entoación…, e algunhas outras características que permiten revivir estas ocorrentes e algareiras contendas poéticas e musicais e mesmo adaptalas tematicamente aos novos tempos.

E, como non, grazas a moitas recollidas que etnógra@s, musicólog@s e cantareira@s foron facendo ao longo dos anos por toda a xeografía galega e máis aló das nosas fronteiras administrativas, estas manifestacións continúan vivas, e todo grazas ao papel levado a cabo polas mencionadas cantareiras locais, cuxa remuda nos grupos folclóricos actuais, mantén vivo este senlleiro sinal de identidade.

Ao grupo das cantareiras galegas homenaxeadas este ano tamén Cuntis achegou inesquecíbeis trobadoras e pandereteiras populares como Manuela Castro Pegoa Chispa”, de Vilar; Dolores “a Buxana”, de Fonte Cova;  Manuela Picallo García “a Picalla”, de Piñeiros; Xesusa Quintáns, de Couselo, Xosefina Castro, de Xinzo…, que xa forman parte da historia das nosas ruadas polo importante papel levado a cabo no contexto das foliadas (ou rúas, seráns, fiadas, polavilas…).

Algunhas destas lendarias cantareiras citadas mesmo aparecen mencionadas nas propias coplas que se cantaban nas rúas, tal como podemos cotexar nun traballo que publiquei en decembro de 2000 no nº II da revista A Taboada, despois dunha recollida de cantigas feita por distintas aldeas do concello de Cuntis, pola que agradezo a especial colaboración de Esther, Mercedes e Rexina Touriño, Manuela Alende, Manuel Martínez, Manuela e Manuel Silva, Xosé Giménez e Xosefina Castro, de quen recollín as cantigas. Recollida da que publiquei unha antoloxía baixo o título de As rúas no concello de Cuntis. As coplas populares e a toponimia”, que tamén aparece colgada en PDF na páxina da AELG, traballo do cal seleccionei unhas cantas, que poden ser representativas, na seguinte escolma.

En Vilar a Chispa Neghra,

en Piñeiros a Picalla

e na rúa en Fonte Cova

quen ghoberna é a Buxana.

Fun á rúa a Fonte Cova

e bailei co Xulián.

Levei os zoquiños novos,

trouxen as pezas na man.

Fun á rúa a Vilar,

era na eira de Andrea

e tocaba a Chispa Neghra

cunha pandeireta vella.

Quédame o Caeiro atrás,

a terra dos aburridos.

Imos tirando pra Arcos

a ver se nos divertimos.

Toca pandeireta, toca,

senón heite de rachar-e;

costáchesme unha peseta,

axudádema á ghanar-e.

Este pandeiro que toco

era de coiro de ovella.

Inda onte comeu herba,

hoxe toca que rabea.

Este pandeiro que toco

éche de coiro de can.

Toca pandeiriño toca

e non me mordas a man.

Pasei por Castarrandín,

cerradiña de loureiros,

para que non pase nadia

máis que os mociños solteiros.

Rebordelo desde lonxe

parece Vilagarcía,

se non fosen os outeiros

que tén na banda de riba.

A Mesegho eu hei ir

anque me poñan cancelas;

se non mas queren abrir

pásolle por riba delas.

As de Cuntis cando pairen

acórdanse de san Ramón,

pero cando o están facendo

nin santo nin devoción.

A Moraña non

que dormen no chan

e veñen das mozas

ás tres da mañán.

Canta o cuco en Rebordelo,

o lagharteiro na Ermida

e o paxariño da morte

un pouquiño máis arriba.

Quedáranme por editar naquela ocasión algunhas coplas máis que reproduzo agora por primeira vez como remate do artigo. Nalgunhas delas achamos o carácter satírico de moitos destes cantares, en ocasións dedicados á veciñanza de parroquias do concello como é o caso dos mozos de Troáns, con sona de arroutados e amigos da liorta, así como os trouleiros e esmorgantes de Portela:

  Os de Troáns son moi valentes,

levan a porta do forno

atravesada nos dentes.

 

A Portela non

que dormen no chan,

e os de Carcacía

no cocho do can.

Outras posúen un claro contido sensual ou mesmo sexual, aínda que ás veces un pouco oculto na metáfora popular.

 O paxaro de María

anda nas miñas cereixas.

Come paxariño come,

veremos as que me deixas.

 

Maria ti e-lo demo

Sempre me andas atentando,

ou no río ou na fonte

sempre te encontro lavando.

Foliada en Cuntis 1960

Foliada en Cuntis 1960

taberna de Follente

Taberna de Follente(1970)

A tradicional referencia ao ton de pel das mozas, considerada como sinal de pobreza cando era escura, era mostra do traballo duro do agro, ás veces baixo un sol abrasador.

 Chamáchesme moreniña,

era do polvo da eira.

Xa me verás o domingo

como a rosa na roseira.

 

Chamáchesme moreniña,

branquiña vaite lavar.

Disme que non teño amores,

aínda chos podo emprestar.

fiada

Fiada

De aí as recorrentes gabanzas ás costureiras, que ostentaban unha face esbrancuxada, dado que o seu labor era levado a cabo sempre a cuberto. Isto podía estenderse ás rapazas novas en xeral, e en menor medida ás taberneiras.

 O amor da costureira

era papel e mollouse.

Aghora costureiriña

o teu amor acabouse.

 

Ghracias á miña nai

que me fixo costureira.

Vén a aghua e non me molla,

vén o sol e non me queima.

 

          Anque voi a la taberna       

 no voi por beber el vino.

Voi por ver la tabernera,

que parece un cristal fino.

 

Que bonitas son as parras

cos seus recimos colghados,

máis bonitas son as nenas

de catorce a vinte anos.

E podemos albiscar a recorrente sátira mordaz dos versos en que se ataca a aquelas mulleres que, por envexa ou mala fe, adícanse seguido a latricar sobre a vida das demais.

 O río cando vai cheo

leva carballos e follas.

Tamén podía levare

as lenguas marmuradoras

 

Teño un vestido de siete baras de largho,

para que las malas lenguas

me lo vaian recortando.

 

Esta noche va a llover,

que lleva circo la luna.

Quiera Dios que lluevan palos

en la cabeza de alghuna

O propio dixomedíxome adopta un especial carácter satírico, cando fai referencia aos curas libidinosos e outros vellos verdes.

 Eu non vou non vou,

eu non vou alá,

á casa do cura,

que me quererá?

Que me quererá?

que me ha de querer:

Ten un cordeliño,

quéreme prender.

 

O cura e maila criada

ordenaron de cocer.

A leña estaba no monte

e a foriña por moer.

 

O cura cando vai fóra

déixalle dito á criada:

Veña cedo, veña tarde

déitate na miña cama.

 

Rosiña anda descalza,

Rosiña porque quería.

A casa do zapateiro

Rosiña ben a sabía.

O contido sexual é o máis habitual, ás veces de xeito directo e outras, dunha maneira enxeñosamente alegórica.

 Teño un vestido de seda,

las mangas de sentimiento,

la delantera de luto

porque mi amante se ha muerto.

 

Nalgún caso cun carácter abertamente obsceno.

 O paxaro da mañán

onde foi facer o niño,

antre as pernas dunha nena,

naquel mesmo buratiño.

Outras cantigas aínda tendo un carácter de aparencia puramente lírica e adusta, non deixan de lado o ton ocorrente e agudo.

Miña nai por me casar

e meu pai por darme o dote

armaron o cristo na casa

e rompéronlle os pés ao pote.

 

-Onde vas María?

-Veño de coser.

-Non dighas mentiras

que ves de aprender.

Asubía que vai vento,

asubía que vai vento.

Tamén eu asubiaba

Cando era do teu tempo.

 

Oliveira ben plantada

sempre parece oliveira.

A meniña ben casada

sempre parece solteira.

 

Como quieres que te quiera

si no te puedo querer.

Entra la semana y sale

y no me vienes a ver.

 

Se queres que vaia e veña

meniña ao teu lughar,

has de prende-la cadela

que non fai máis que ladrar.

Cun certo alento feminista, podemos topar a burla pola estatura do mozo, que nos lembra un pouco á retranqueira Rosalía de “San Antonio bendito”: “Meu santo San Antonio,/daime un homiño,/anque o tamaño teña/dun gran de millo./Daimo, meu santo,/anque os pes teña coxos,/mancos os brazos (…).

 O meu amor é pequeno.

Se é pequeno é como eu quero.

Métoo na manga da chambra

e parrandeo cando eu quero.

Remato cuns divertidos brindes moi típicos dos nosos gaiteiros. Especialmente daqueles que gustan de mollar a palleta, como era o caso do cuntense Patelas e do Xocas de Pazos de Borbén.

 Este viño cristalino,

fillo da cepa torta,

bébeo Patelas da alma

que bo diñeiro che costa.

 

Este viño cristalino,

fillo da cepa torta,

a uns quítalles o sentido

e outros non certan ca porta.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥