Entre lavandas e roibéns
Ana Santos SollaTodo comezou cunha chamada.
—Cando podemos escapar para ver os campos de lavanda?—.
A miña amiga Adriana xa mo preguntara outras veces. Sempre había algo polo medio: unha cita médica, un compromiso ineludible… Pero daquela, por fin, o calendario estaba en branco. Sen pensalo moito, selamos un plan: a derradeira semana de xuño, destino Aix-en-Provence.
Ao principio imaxinamos un enredo de avións, trens e taxis. Pero as conexións de volta eran un labirinto de esperas interminables. Así que fixemos sinxelo o camiño: tren de Pontevedra a Madrid, e de Madrid a Aix. O primeiro, 88 euros ida e volta; o segundo, 260 coa tarxeta dourada.
Ás 6:17, Pontevedra quedaba atrás. Ás 10:00, xa pisabamos Chamartín. Cercanías gratuíto ata Atocha, un café na terraza dunha cafetería que nos regalou media hora de calma, e logo a vía 6. Ás 13:18, o vagón partía amplo e cómodo, coma quen se prepara para unha longa conversa coa paisaxe.
Zaragoza, Tarragona, Barcelona, Girona, Figueres, Perpignan… estacións e nomes que pasaban coma capítulos lidos a toda velocidade. Pero a partir de Narbona algo mudou: a auga cercábanos, a Camargue deixaba entrever salinas, aves e a luz inmensa do Mediterráneo. O tren semellaba flotar. Nós, pegadas ao cristal, en silencio, dicíamonos baixiño: “Aquí temos que volver”.
Aix recibiunos xa de noite. Estación pequena, bus 40 ata o centro, billete na máquina, 9,60 ida e volta, quince minutos de traxecto. Un apartamento na Rue Pavillon, ducha, algo de cea traída da casa… e unha noite na que, antes de durmir, volveron desfilar as imaxes da Camargue, o lento avanzar do tren, as conversas, o libro aberto no colo… Cantas cousas se poden vivir nun vagón cando non hai présa.
Aix e Valensole
Aix-en-Provence, antiga Aquae Sextiae, foi fundada no 123 a.C. por Sextius Calvinus, capital medieval da Provenza, berce de Eleanor de Provenza e Paul Cézanne… Aix é a cidade das mil fontes, termal, luminosa, refinada.
Almorzamos na Maison Cangina e deixamos que un mapa nos guiase só o xusto para perdernos a gusto. No mercado da froita, fresas e cereixas. No establecemento Roi René, calissons de améndoa, coma mazapán glaseado. O natural e o de café gañaron por goleada, pero nós marchamos coa sensación de levar uns gramos de máis…
Na Praza do Concello, unha torre do reloxo ergueuse sobre séculos de historia. Moi preto, a Catedral de Saint-Saveur, erguida sobre un foro romano. No seu baptisterio, columnas antigas sosteñen unha cúpula octogonal; a pila lembra os tempos de bautismo por inmersión. O claustro, pequeno e elegante, é un remanso de paz. O órgano de 1745 impón respecto e beleza.
O roibén das lavandas
Ás 16:00, un microbús con viaxeiros de Australia, América, Corea e Francia partiu diante da Oficina de Turismo. O destino: a meseta de Valensole para ver o solpor.
A calor caía a plomo. Primeira parada para auga, segunda foi unha destileria de lavanda pero tomamos un xeado. Cando o bus se detivo no primeiro campo, as portas abríronse a un mar púrpura. A terra toda era perfume, cor, abellas. O ceo, un lenzo cambiante.
Houbo campos mesturados con xirasois, onde o amarelo e o violeta fundíanse coma pinceladas de Van Gogh. Houbo camiños que nos levaron a horizontes que semellaban soños.
………. Ler máis

Ana Santos Solla
Profesora de Educación Física
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
Viaxe a Normandía, Vernon, Giverny, Rouen
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥