Entrevista con:

Gema Figueroa Blas

Nesta sección de benestar queremos dar a coñecer persoas, centros, gabinetes etc.. que teñan como obxectivo o benestar persoal sobre todo enfocado a xente de máis de 60 e intentaremos dar información de diferentes técnicas ou tratamentos que saibamos que son eficaces para nós.

Gema é da xeración da miña irmá pequena, sepárannos 11 anos e iso hoxe, no mercado laboral, quere dicir moito.

Aténdeme no despacho de seu centro, Prana Wellness Center, na rúa Castelao. Inaugurou o seu negocio o 10 de febreiro de 2020 antes da pandemia, o 14 de marzo tivo que pechar.

O primeiro que me chama a atención é o nome de Prana, dime que significa enerxía vital, eu pensei, antes de acudir á cita, que se trataba dunha franquicia, aí tamén me equivoquei, o centro é dela e é o único que hai especializado en benestar ayurvédico en Pontevedra.

Quen é Gema Figueroa Blas ?

Unha muller empática, dinámica, loitadora, optimista… Unha namorada da súa familia, do seu traballo, da súa terra e do seu paraíso particular, a súa aldea, Sabucedo, da que sempre fala. Amiga dos seus amigos e sempre na busca do lado bo das cousas. Con vocación para servir e axudar. Aprendeu de seus pais dende ben pequeniña: “Sé humilde e agradecida

Dende pequena notou que conectaba moi ben cos demais e que sempre lle contaban as súas cousas. 

Estudou Administrativo, por iso de contentar os proxenitores que sempre queren que fagas algo de proveito, pero logo quixo estudar Psicoloxía, o que fixo na UNED, pero cando xa levaba catro anos desilusionouse e viu que iso non era o que esperaba… Como xa estaba casada e ao seu marido destinárano a Alcalá primeiro e logo a Las Palmas, marchou con el. Despois de 3 anos e medio volveron a Pontevedra e aquí tivo aos seus dous fillos.

Por medio dunha prima meteuse na venda de produtos de beleza e fixo unha morea de cursos nos que aprendeu moito de maquillaxe, de coidado da pel e de asesoría de beleza. Despois deixou de traballar coa marca pero seguiu a formarse. A directora dun deses centros de formación tomoulle cariño porque vía que era a alumna máis interesada, e cando estaba nun curso de quiromasaxe regaloulle outro de aromaterapia. Grazas a ese curso no ano 2017 especialízase en masaxe ayurvédico, un tipo de masaxe para equilibrar as emocións.

Pídolle que me defina benestar e dime “estar ben contigo mesma a todos os niveis tanto físico como emocional”. Explícame que a Medicina Ayurveda (unha palabra en sánscrito que se traduce como o coñecemento da vida) é a medicina tradicional hindú complementaria á de Occidente, é unha medicina preventiva.

Paciente ou cliente?

Dime Gema que a Prana entran clientes e saen amig@s. A xente que vai ao centro é moi fiel e sempre repite: “xérase unha complicidade entre nós, e ao final somos amigos”. Dime que a queren moito e que son inmensamente agradecidas. Insiste en que está moi orgullosa do tipo de público que ten (de todas as idades e niveis socioeconómicos, pero sempre moi boa xente, concienciada coa importancia de coidarse tanto a nivel emocional como físico dunha maneira totalmente manual, natural e sostible)

As masaxes, ao igual que as técnicas de respiración ou a meditación, son quizais a terapia máis importante da medicina ayurvédica. O mero contacto físico, unha man que che exerce unha mínima presión nas costas, por exemplo, induce calma e relaxación á inmensa maioría das persoas. E a través desas masaxes, da respiración, da aromaterapia, entre outras técnicas como o exercicio físico e unha alimentación correcta é como logras chegar ao ansiado equilibrio, que é o fundamental para manter unha boa saúde.

Ademais de facer masaxes anticelulíticos, reafirmantes, descontracturantes, relaxantes, todos baixo a técnica ayurvédica, Gema di que hai unhas masaxes concretas que son moi intensas a nivel emocional… Fan que a persoa saia da sesión moito máis equilibrada emocionalmente. Neste sentido, chámame a atención que me diga que ás veces, pode ser que despois dunha masaxe teñas ganas de chorar, de vomitar, de durmir, de rir, alivio etc… porque cada un se libera das emocións como pode ou como nese momento, simplemente, deixa que suceda, sen máis… Cousas moi intimas que non compartes con calquera, por iso Gema di “Son unha gran privilexiada en facer amig@s entre a xente que vén ao centro, e que me permiten acompañalas na súa procura do benestar, a todos os niveis ”

Cal é a imaxe que quere dar do centro?

Un lugar de tranquilidade e acougo. Un espazo de calma. Un parón. Un momento para ti mesm@…

A xente vén con cita, pero nunca cunha hora fixa de saída. Ela non soe mirar moito para o reloxo, senón para as necesidades de cada persoa.

Miro a súa exclusiva, tamén en Pontevedra, “Sala de Infusións” cun sofá moi agradable, infusións, café, zumos naturais segundo a tempada… Todo orientado a que tod@s @s praneir@s se sintan ben cando estean alí e sobre todo despois das masaxes máis intensas a nivel relaxación, para que o sistema nervioso poida ir adaptándose pouco a pouco á vida diaria normal.

A claridade, as cores, a música, o perfume; dime que segundo o cliente que veña prepara a sesión adecuada.

Que media de idade vén o centro? Sempre son mulleres ou tamén veñen homes?

A media de idade é ao redor dos 45 anos para facer masaxes relaxantes e descontracturantes

Hai nenas que a partir dos 17 anos veñen por problemas de costas de estar tanto tempo sentadas e con niveis de estrés moi alto.

A súa clienta de maior idade ten 80 anos e veu porque foi un agasallo de seu neto e gustoulle tanto que de cando en vez volve como parte da súa rutina do coidado de si mesma.

As emocións cárganse en todo o corpo pero sobre todo, nas costas, aínda que dependendo da constitución ou “dosha “ de cada un tamén se poden acumular na cabeza, no sistema dixestivo…

As masaxes que se fan en Prana son relaxantes, descontracturantes, reafirmantes, anticelulíticas, para embarazadas, para bebés e nenos pequenos, para xente de todas as idades. O que non se fan é masaxes terapéuticas. Para iso Gema deriva a un fisioterapeuta ou a un osteópata. Dime que “Cada un ao seu” Trátase de especializarse nun área e ser honestos contigo mesma e coa xente. Hai traballo para todos. Hai que sumar e integrar.

A ampla maioría de clientes son mulleres, aínda que ten algún home que lle é tan fiel coma a máis fiel das mulleres e que, iso si, viñeron aquí por primeira vez por recomendación delas.

Cal é o tratamento estrela?

A masaxe de costas ultimamente é o tratamento máis solicitado, pero sobre todo, o tratamento estrela é calquera das MASAXES DE AUTOR/A, creadas exclusivamente por Gema, utilizando para cada unha delas a mestura das variadas técnicas que máis se adapten ás necesidades individuais. A moitas destas masaxes de autor denominounas con nomes da súa aldea e en honor a ela (Coma o Ritual Bichiños da Conla ou A Cubeliña) pero o que máis éxito está tendo ultimamente é o Ritual Anamaya, que consiste nunha masaxe con base ayurvédica corporal, cunha duración de ao redor de dúas horas onde toca desde a punta do pé ata o pelo da cabeza.

Ten unha masaxe especial para xente de máis de 65 que fai pouco exercicio. Para ti non vale, dime.

Como ves o futuro do benestar e a beleza?

Con optimismo sendo cada vez máis conscientes da necesidade de pararnos e reconectar con nós mesmos, dándolle a importancia que ten que ter o coidado emocional e físico. Para coidar ben dos demais, primeiro temos que coidarnos ben a nós mesmos. Cada vez dámoslles máis importancia ás emocións.

Sala de infusións

Entrada do centro

Consellos para xente de +60?

Estar o máis equilibrado posible facendo exercicio, comendo ben e dedicarlle tempo a un mesmo, mimarnos un pouco e non contaminarnos con tanta televisión. Desfrutar, sentir a natureza e poñernos en contacto con ela. Utilizar técnicas de control da respiración para lograr equilibrar o sistema nervioso (Gema, ademais de terapeuta en medicina ayurvédica, é coach en liberación emocional, especialista nas masaxes ayurvédicas e de lomi lomi nui –masaxe tradicional hawaiana- , tamén é, entre outras cousas, coach de respiración (pranayama)

Dentro das súas inquedanzas e tratando de ofrecer sempre o mellor para os seus clientes (ás que ela lles chama cariñosamente “praneir@s”), hai que sinalar a súa paixón pola formación continuada, precisamente neste momento está rematando a formación en nutrición ayurvédica cunha catedrática da Universidade de Medicina Ayurvédica da India .

Deixo a Gema trala súa mesa. Agora ten unha masaxe por facer. Gustaríalle que as cousas volveran pouco a pouco á normalidade… Ser autónoma neste país non é tarefa fácil… Cando as cousas vaian un pouco mellor gustaríalle ter unha profesora de ioga e contratar xente para realizar máis tratamentos.

Teño que achegar aquí a miña experiencia nas mans de Gema.

Tiña a miña masaxe as 18:30, ía cunhas molestias na barriga e cargada na zona dos ombreiros, antes de empezar fíxome unhas preguntas relacionadas coa a miña saúde para encher unha ficha, aínda que fóra ía moito frío, alí tiñamos unha temperatura ideal.

Tiven que espirme e primeiro empezou cunha masaxe onde o núcleo era a zona do embigo, parecía que tiña catro mans, funme relaxando pouco a pouco e, a pesar da máscara, non tiven sensación de desacougo e ningún momento, a música axudou a que me descontraera e case durmir, nalgún momento dixo que me puxera boca abaixo, cando chegou aos ombros notei as contracturas e algo de dor, logo alivio e relaxación. Cada vez que trataba unha zona ou chacra dábame a ulir unha fragrancia

A masaxe durou dúas horas completas, cando rematou estaba chea de aceites esenciais e escorregadiza, sequeime un pouco e preguntoume polas sensacións que tivera, recordei a molestia da barriga que desaparecera e os ombros cargados que xa non sentía, marchei directa para a casa. Eran máis das nove da noite e podo dicir que durmín sete horas seguidas súper relaxada. Ao día seguinte cando me duchei aínda recendía aos aceites que me axudaron a relaxarme. Xa pedín vez para outra masaxe, esta vez só de ombros. 

Enlaces as RRSS de Prana Wellness Center

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Nacín en Pontevedra no ano 1960, miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das rapazas, a máis vella como me dicían de pequena.

Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física, alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @ devellabella que pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida. Defínome como docente vocacional e gústame participar en proxectos que me inspiren e motiven. Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥