Agardo que se len isto os grupos municipais da Boa Vila non me retiren o meu medio Cidade de Pontevedra (a outra metade é de Vitoria Ogando) por mor de que nunca estiven nos días grandes das Peregrinas. Empecei a traballar no Sánchez Cantón o 7 de xaneiro de 1980, rematei o 31 de xaneiro de 2015 e en Pontevedra (e Bueu) sigo de xubilado. No 1981 non puiden estar nas festas porque andaba desfilando nos Regulares de Ceuta e os outros anos tampouco porque sempre coinciden co San Lourenzo do meu nativo Cartelos (Carballedo-Lugo), e xa se sabe que “o home onde nace e o boi onde pace”. Tamén saben os lectores de De vella a bella que sexan de aldea que os días da festa da parroquia son sagrados para as familias; agás hospital ou servizo militar hai que estar. O señor José de Trasar era moi limpo pero só se lavaba unha vez ao ano de corpo enteiro, na mañá do San Lourenzo poñía unha pía de auga da fonte na solaina e refregaba cun anaco de xabón mercado ex professo na feira de Chantada.
Agora xa non están os pais, pero aínda hai irmáns e cuñadas, polo que segue sendo obrigatorio o noso San Lourenzo. Ademais estes dous últimos anos as ramistas son mulleres e organizan unhas festas moi xeitosas e participativas nas que priman os grupos da contorna fronte ás aparatosas orquestras e tampouco hai bombas, que moito o agradecen os cans da parroquia.
Imaxe do San Lourenzo de Cartelos en 2024
Cartel das Festas da Peregrina 2024
Cartel das Festas do San Lourenzo de Cartelos 2024
O San Lourenzo non é o patrón da parroquia, que é o Santo Estevo, mais o Estevo celébrase en decembro, mal tempo para as festas, polo que sempre se festexa o Lourenzo. A imaxe xa vai indo vella, mesmo perdeu a grella pero non nos importa aos de Cartelos, seguímoslle tendo agarimo. Igual había que pintalo, pero vendo algunhas restauracións famosas quizais sexa mellor deixalo como está. Isto de pintalo vén de vello, que un veciño do tempo dos meus avós cando lle falaban de algo que non lle interesaba contestaba “imos pintar o San Lourenzo, imos pintar o San Lourenzo”.
Non se poden comparar as festas de Cartelos coas de Pontevedra, sería como equiparar unha formiga cun elefante. Agora ben, en carballos gaña Cartelos que o Carballo de Cartelos é máis grande e antigo que o Carballo de Santa Margarida. Volvendo ás Peregrinas, cando o Paulo era pequeno sempre tentabamos chegar para a batalla das flores e todos os anos imos á homenaxe a Alexandre Bóveda en Curros Enríquez (varios netos de Bóveda foron alumnos). Así que algo de festas pontevedresas si, pero pouco.
Acto en honra de Alexandre Bóveda en 2024
Tampouco fun nunca aos touros en San Roque, pois en Trasar sempre fomos de ter vacas e a miña familia dos Parentes pasa hoxe das trescentas. Nin me integrei en ningunha das “famosas peñas”, e non estaría mal, disque o mesmo Castelao saía cos das peñas aínda que tamén predicaba contra as touradas.
Igualmente nunca fun convidado ao baile ese do Casino no que as mozas se presentan en sociedade, iso si, mentres daba clases sempre tiña algunha alumna nese acto. A miña relación co Casino de Caballeros vén de que botei un mes pendurado nunha parede do salón nobre, non pensen mal, foi a miña cara, que a amiga Alba Paz Framil agasalloume cun retrato da súa autoría que levou á exposición do Casino. Isto do Casino e Pontevedra é curioso, xa escoitaba contar no Santiago universitario como algúns mozos “progres” e “comunistas” poñían o “smoking y pajarita” para iren aos bailes do Casino. Cousas que hai que entender no momento e situación como cando conta o Afonso Eiré que el, Manuel María e Bautista Álvarez celebraron un gol da selección española nun bar de Santiago para abraio de outros nacionalistas. A vida é así, xa o dicía o señor Indalecio “cada un ten o seu intestino, para o estómago ao Jaime préstalle o bicarbonato e a min vaime mellor a augardente”.
Seguindo coas festas, chócalle a moita xente de fóra que as nomeen así, en plural: as Peregrinas. Non sei cal é a causa, que non son PTV, aínda que leve 44 anos bebendo a auga do Lérez. Alá por Mondoñedo tamén se di “As San Lucas” por “as feiras de…”. Tanta tradición ten o nome que cando en Lugo se empezou a festexar o “Arde Lucus” moita xente dicía “As de Lucas” (“mañá vou ás de Lucas”).
Sexa en Pontevedra ou en Cartelos o caso é gozar das festas cadaquén cos seus; sexa co Lourenzo ou coa Peregina a xente do campo xa agradece a choiva: “se chove polo San Lourenzo ten a auga bo recibimento”, “Polas Peregrinas inverno encima”.
Bo outono teñan as lectoras e lectores do De vella a bella. E mellor se puideron gozar das grandes festas da Peregrina.
Post: como teño alumnos/as nos tres grupos municipais seguro que me perdoan que non vaia ás Peregrinas e o premio poderá seguir lucindo no salón da nosa casa.
Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥