Felicia, a cantareira de Fofe
Mª Xesús López EscudeiroDigna herdeira das trobairitz, as trovadoras do Languedoc medieval que converten o seu eu feminino no protagonista principal. Na liña da creación literaria de Marie de France, que na corte dos Plantagenet, no século XII, falaba dos diferentes tipos de amor nos Lais. Cual María Balteira, a soldadeira de Coirós que no s. XIII bailaba e cantaba na corte de Alfonso X e foi unha das representantes do amor descortés, dentro da tradición da lírica medieval galego-portuguesa. Como as eresiak medievais cantadas polas mulleres en Euskadi, as letras das cantigas de Felicidad Insuela Catro rachan co modelo tradicional atribuído ás cancións compostas e cantadas por mulleres.
Na Galiza do s. XIX os homes cantaban, formaban coros, orquestras, grupos musicais, etc, algúns deles de moita sona, Aires da Terra levaba a música galega até América. Daquela, a muller non participaba nestas manifestacións artísticas, agás raras excepcións como a das cegas que actuaban nas feiras ou a de A raíña das gaitas, Aurea Rodríguez Rodríguez, quen cos seus catro irmáns formou o grupo Os maravillas de Cartelle. No baile eles botaban os puntos, eran eles quen percorrían as festas do país actuando cos seus instrumentos musicais, gaitas, bombos, etc. ; elas na casa botaban man de diferentes obxectos domésticos que acompañaban as súas voces, culleres, tixolas, latas, cunchas, etc. e animaban os labores da casa e do agro. As eiras convertíanse en espazos de sororidade e de visibilidade , as letras das cantigas transmitían sentimentos, historias de amor, de desamor e de inxustizas.
Cantos, bágoas, queixas, sospiros, seráns, romerías , paisaxes, devesas, pinares, soindades, ribeiras, costumes, todo aquello, en fin, que pola súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tivo un eco, unha voz…todo esto me atrevín a cantar neste homilde libro (sic). As verbas de Rosalía, no prólogo dos Cantares Gallegos dan conta da riqueza e da variedade da nosa lírica popular.
Malia a continua presenza das voces femininas en todas as celebracións veciñais, a muller non podía actuar en público e , de facelo, collía sona de descarada e ousada, era un terreno reservado aos homes.
Co tempo, as fías, as añas, as mallas ,os seráns, os entroidos, as festas patronais, etc foron dando presenza formal ao canto feminino, comezan épocas de formación de grupos femininos.
A avoa acunaba o berce da irmá de Felicia, na casa en Fofe, no concello de Covelo, ao son das cancións que ela e a súa veciña botaban ao carón da lareira e da nena que comezaba así a súa andaina musical. Isto da música venme da miña avoa e da miña nai. Arredor do lume e do pote transcorrían a vida e as cancións que enchían os bandullos daquela rapazada, ela leváballe seis anos a dous irmáns xemelgos, o frío e a fame facíanse máis levadeiros co ritmo dos dedais batendo na cabaza. Eu escoitaba a miña avoa e máis a outra velliña tocar, tocaban coa cabaza, cun prato ou con botellas de anís e eu empecei a tocar na cabaza con seis anos. Cando cocían , facían o pan de millo, fritían un ovo e o repartían entre @s cinco nen@s esmigallando o pan no prato. Eran tempos de moita necesidade, naceu en 1929, a guerra e a posguerra marcan a súa nenez e a adolescencia. Aprende a ler e a escribir, xa de moza, cando ven unha mestra para a aldea.
Muda de residencia aos 22 anos, Paredes en Vilaboa acolle ao novo casal que forma con Antonio Agulla; acompaña ao seu home por León, Asturias, etc, na procura de traballo. As crianzas chegan e a solución da emigración impónse na precaria economía familiar; despois dun tempo de instalación en Alemania, Felicia decidíu acompañar ao seu marido, levou con ela a filla maior e deixou as outras tres crianzas ao coidado do avó e da avoa. Na limpeza de hoteis ou como axudante de cociña , esta muller miúda e incansábel, nunca deixou de traballar e malia a variedade de ambientes e paisaxes que percorreu, nunca esqueceu o seu recuncho natal e a súa afección pola música. Incorporaba ao seu repertorio con gran facilidade as cancións que escoitaba xa fora en León ou as que cantaba a xente portuguesa no hotel en Alemania, escoitaba, recollía e quedaba con todo. Axiña retiña a copla, tiña unha gran capacidade de retención.
A dureza da súa vida, na que perdeu 10 d@s 13 fill@s que tivo, non puido con esta muller, alegre e retranqueira. A creatividade, a capacidade de improvisación , a escola da vida e a sabedoría da tocadora adquiriron sona en toda Galiza, participou en diferentes programas da TVG, ante un público marabillado pola súa enerxía , o seu bo facer e pola picardía das súas cancións de caneco. De temática popular, as letras das súas coplas saían das bocas do pobo e a música das xuntanzas que sempre frecuentou (seráns, festas parroquiais, etc.), as airas e os furanchos acollían as interpretacións do grupo familiar composto por fill@s e net@s. Acompañada da cabaza coa cuncha e dos dedais, ou da pandeireta, con oitenta anos ben pasados non deixou nunca de acudir os venres e os sábados ás xuntanzas musicais celebradas polo país adiante.
Incorporaba de xeito natural achegas á copla tradicional, o seu inxenio desbordante mesturaba a actualidade coa tradición, as improvisacións eran froito dunha gran creatividade. Non se arredraba diante do carácter atrevido dalgunhas estrofas, de contido sexual e pícaro, presentes na música popular. O carácter humorístico estaba moi presente nas interpretacións, nas que xogaban un papel moi importante os movementos escénicos, Felicia cantaba, tocaba e interpretaba as coplas con xestos e movementos.
A cabaza herdada das súas antergas, con máis de dous séculos de antigüidade e os dedais de madeira de buxo ,forman parte do legado que deixou á familia, xunto cunhas dotes artísticas e un repertorio que soubo transmitir. A súa enerxía, o seu inxenio e a súa vitalidade aducían os grupos xuvenís que se achegaban onde ela. Asistía a clases co grupo de mulleres de Antas e moi a miudo o mestre pasaba a un segundo lugar ante unha Felicia chea de arelas de partillar o seu saber.
Depositaria de todo un legado musical popular, converteuse nunha referencia en toda a contorna. As mans da tocadora facían soar as ferreñas cunha mestría abraiante e a súa voz erguíase con forza fronte a todo tipo de imposicións de gustos alleos. Na celebración das nosas festas a súa música mantiña viva a esencia da nosa cultura musical.
Fotografia de Carlos Javier Serrano
Nunha tarde, escoitei en Pontevedra a voz poderosa desta cantareira que se declaraba a muller máis feliz do mundo ( facendo honra ao seu nome) e fiquei engaiolada pola súa mestría. Deixounos en 2016, uns días antes da Aña de Pontevedra, na que estaba programada a súa participación. No ano que adicou o día das Letras Galegas ás cantareiras, velaí o meu recoñecemento a todas elas na figura da cantareira de Fofe. De xeito anónimo, na meirande parte dos casos, foron quen de conservar e transmitir o legado da literatura oral e da música tradicional, parte fundamental do noso Patrimonio Inmaterial. Lembramos asemesmo a todas as cantareiras e pandeireteiras espalladas por toda a nosa xeografía.
Felicia son de nome,
Agora en Paredes vivo.
Eu cantar, cantaba ben,
A garganta non me axuda,
Heina tentar de untare
Cunha laranxa madura.

Mª Xesús López Escudeiro
Profesora de francés xubilada
Licenciada en Filoloxía Francesa na cidade de Compostela, a cidade onde naceu.
Profesora de Francés en diferentes institutos, xubilouse no IES Xunqueira I, de Pontevedra.
Exerceu como Concelleira polo BNG, en Pontevedra e como Delegada de Cultura, Patrimonio e Deportes no goberno bipartito da Xunta de Galiza.
Dirixiu o programa “Vivas e Visibles” do Concello de Sarria (Lugo) e coorganizou a exposición “Esquecidas”, en 2018.
Na actualidade participa no programa do Concello de Pontevedra “Memoria das Mulleres”, dentro do que coorganizou a exposición en 2015 “Do gris ao violeta”.
Forma parte do Movemento Galego pola Recuperación da Memoria Histórica.
O centro das súas inquedanzas xira arredor do tema das mulleres e da recuperación pola memoria histórica.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥