O 9 de xullo de 2022 o plenario da Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2023 a Fco. Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) como recompensa a toda unha vida de traballo incesante a prol do noso país e a nosa cultura.

Unha apaixonada laboura cultural e política

Mostra da súa actividade entusiasta foi o importante labor que desempeñou no eido organizativo desde o ámbito corporativo, político, xornalístico, literario, cultural… Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, do consello galego de Galeuzka, da agrupación Ultreya, na que ostentou o cargo de secretario xeral…

Fdez del Riego

Xa na posguerra, sería fundador da editorial Galaxia (1950) xunto a Xaime Illa Couto, e da revista Grial, da que foi director, membro da Real Academia Galega, na que ocupou a presidencia entre 1997 e 2001. El mesmo sería promotor da idea de celebrar o Día das Letras Galegas, pois en 1963, xunto a Ferro Couselo e Gómez Román, propuxo a celebración desta xornada conmemorando o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Por estes tempos integrouse no Partido Socialista Galego (PSG), xunto a Xosé Manuel Beiras, e ocupou o cargo de Secretario Xeral, desenvolvendo unha intensa actividade política durante o tardofranquismo e a transición democrática.

Durante os seu anos en Compostela era un asiduo integrante dos faladoiros da librería Niké, así como os do café Suízo, os do Derby ou os do café Español, aos que acudían decote Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Luís Manteiga, García Sabell, Maside, Cunqueiro, Bal y Gay, Dieste, Anxel Fole, Carvalho Calero, Colmeiro, Santiso Girón, Xoán Xesús, Manuel Antonio, Amado Carballo…

Cunqueiro, Fernández del Riego e Carballo_Calero

Cunqueiro, Fernández del Riego e Carvalho Calero

Nos tempos de estudante tópase cun axitado ambiente universitario, con protestas estudantís encamiñadas a que se impartisen aulas en galego e a que se asumise a necesidade da implantación de materias relacionadas coa realidade histórica, xeográfico, económica e cultural de Galiza. Demandas que se agudizarían coa chegada da República, cando a FUE (Federación Universitaria Escolar) compostelá, integrada por significados estudantes nacionalistas como Anxel Fole, Seoane, Xoán Xesús, Carvalho Calero ou o propio Fernández del Riego…, se pronun-

carné do PartidoGaleguista1932

Carné do Partido Galeguista 1932

cia con rotundidade: “O corpo escolar compostelán decrárase integramente en comuñón  co esprito do galeguismo que será o xerme da nova estruiturazón de Galiza dentro da República Federal Española”. Por estes anos tamén participa activamente nas asembleas da Asociación de Estudantes de Dereito, que sería a que achegaría un espírito máis combativo e comprometido ao movemento estudantil. Del Riego chega a ocupar a presidencia e desde ela exerce un papel destacado en numerosas mobilizacións estudantís.

Estivo presente durante a Asemblea de Concellos de 1932, e participou, arredor de sete meses despois, e agora exercendo un papel moi salientábel, na reunión do denominado Comité Central Pro-Autonomía de Galicia, que se formou en 1933 co fin de que se materializara o tan arelado como demorado Estatuto de Autonomía de Galiza. Nunha concorrida xuntanza, celebrada en Compostela o día 9 de xuño, acordan que o plebiscito teña lugar no mes de setembro dese mesmo ano, aínda que sen fixar o día exacto, que se determinaría nunha nova reunión do Comité Central. Presidiu a asemblea Manuel Insua, presidente da deputación da Coruña, por toparse en Madrid Bibiano Fernández Osorio Tafall. Asistiron Raimundo López Pol, alcalde de Santiago; Rodríguez Cadarso, reitor e deputado; Alonso Ríos, da Federación Agraria de Pontevedra; Poza Juncal, deputado de Acción Republicana; Arias Sanjurjo, polo Partido Radical; Ramón Martín Otero, pola Cámara da Propiedade; Álvarez de Neira, polo Partido Progresista; Adrio, polo Partido Radical-socialista; Alexandre Bóveda, polo Partido Galeguista; Álvarez Gallego, por El Pueblo Gallego; Xoán Xesús González, por Unión Socialista Galega; Fernández del Riego, por A Nosa Terra; Domingo Rozas, pola Comarcal Agraria; Xosé Carnero Valenzuela, por Irquierda Federal; e Castelao como deputado Galeguista.

Xuntanza do PG 1932

Dezanove de xuño de 1932. Xuntanza do PG. Entre outros, Ramón Vilar Ponte, Fdez del Riego, Antón Vilar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Ramón Rguez Somoza, M. Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Maside e Alexandre Bóveda

As palabras do laurentino no xornal El Compostelano eran contundentes:

“Non queremos unha Galicia escrava, suxeita sempre a titorías alleas, separada sempre da vida civil; impotente para o seu rexurdimento; escrava dun caciquismo dono absoluto de vilas e aldeas (…) Chegou a hora de escoller entre una Galiza galega gobernada por galegos para ben da humanidade; ou unha Galiza sen alma, corpo podre, escravo do xugo de amor alleo, indigna da dignidade, eterna colonia política e eterna colonia espiritual doutras razas que nos desprezan.”

En marzo do 36 queda constituída a Sociedade de Escritores Galegos, na que será designado presidente Gonzalo López Abente; secretario xeral, Álvaro das Casas; secretario de actas, Francisco Fernández del Riego, e Aquilino Iglesia Alvariño, Roberto Blanco Torres, Xulio Sigüenza e M. Lustres Rivas como vocais. Esta asociación tivera o primeiro precedente en Ourense en agosto de 1930 no acto fundacional dunha entidade que non chegaría a ter unha grande operatividade real, a Asociación de Escritores Galegos. Á fronte estaba Otero Pedrayo, e como vicepresidente primeiro, segundo e terceiro, A. Villar Ponte, Castelao e Noriega Varela respectivamente.

O levantamento militar

Pertence Del Riego a unha xeración de galeguistas que pugnaron con fonda paixón pola emancipación do seu pobo, tanto desde a perspectiva política como cultural; unha xeración á que lle tocou vivir un dos episodios máis crueis da nosa historia, como foi o levantamento fascista de 1936, que se cebou especialmente neles, pois ao feito de seren grandes amantes da liberdade e a democracia, uníase a teimosa defensa da cultura e os sinais de identidade do seu país.

Unha paixón pola terra que levaría aos sañudos militantes da Falanxe a acabar coa vida de intelectuais como Alexandre Bóveda, Xaime Quintanilla, Ánxel Casal, Díaz Baliño, Xoán Xesús González, Xohán Carballeira, Roberto Blanco Torres, Lustres Rivas, Xosé Adrio Barreiro, Xacinto Santiago, Darío Álvarez Limeses, Bernardo Mato Castro… Máis sorte tiveron os que lograron esquivar a furia asasina fuxindo ao exilio, como no caso de Castelao, Maruxa Mallo, Alonso Ríos, Arturo Souto, Luís Seoane, Ramón de Valenzuela, Blanco Amor, Mariví Villaverde, Uxío Souto, María Casares, Delgado Gurriarán… E algúns, como no caso que nos ocupa, puideron permanecer na terra padecendo mil penalidades, e impedidos, ou ao menos moi limitados, para poder levar a cabo o labor intelectual para o que estaban destinados en prol do florecemento do seu país, o que comunmente chamamos exilio interior; tendo que soportar en moitos casos prisión, recrutamento forzoso no bando insurxente, arrepiantes procesos xudiciais, sancións económicas, embargos de bens, depuracións e inhabilitacións laborais, deportacións, tundas, vexacións, denigrantes cortes de pelo, insultos, rexistros domiciliarios, detencións, interrogatorios… Xohana Torres, Paz Andrade, R. Piñeiro, García Sabell, Pura Vázquez, Herminia Fariña, Carvalho Calero, Díaz Pardo, Gonzalo Adrio e un longuísimo etcétera…, forman parte da inmensa listaxe de intelectuais que, contra vento e maré, perseveraron na custodia da nosa cultura en condicións tan adversas como as que xeraron as autoridades apócrifas establecidas de xeito espurio pola ditadura franquista.

O 18 de xullo de 1936 produciuse o alzamento militar en África contra a legalidade democrática republicana. Coas primeiras novas, o propio día 18 constitúese o Comité de Defensa da República en Santiago, do que formou parte Fernández del Riego. Este comité estaba integrado polo socialista Fernando Barcia (presidente), o republicano federal Miguel Alcalde, o cenetista Celestino García, Cándido Sánchez (anarquista), o trotskista Luís Rastrollo (Unión Obrera), Rafael Frade (Izquierda Republicana), Modesto Pasín (comunista), Marcial Villamor (Partido Sindicalista) e Fernández del Riego polo Partido Galeguista.

A Guerra civil española supuxo para Del Riego, como pagamento ao seu inmenso labor en prol do seu país, a inhabilitación na docencia, séndolle arrebatada a súa praza de profesor de Dereito Penal na Universidade de Santiago de Compostela.

Nos primeiros intres do alzamento tivo que permanecer agochado un tempo tras ter noticia do asasinato dalgúns dos seus máis queridos amigos e compañeiros. Finalmente, optou por alistarse nas ringleiras do exército sublevado para así zafar dunha morte que intuía segura. Con todo abríuselle expediente, tendo que afrontar unha dura sanción e a inhabilitación para exercer cargo público.

Durante a posguerra o seu traballo clandestino en prol da democracia e o galeguismo comportou o seu arresto e reclusión durante un tempo até que o caso foi sobresido e foi posto en liberdade.

Ao rematar a guerra instalouse en Vigo desde onde seguiu a traballar na clandestinidade polo galeguismo nacionalista e a cultura do seu país desde múltiples iniciativas, asumindo os riscos que isto comportaba naqueles tempos. Na cidade olívica ocupou, nos últimos tempos, a dirección da Fundación Penzol…

Labor literario dun galeguista

É autor dunha vastísima obra, centrada sobre todo na cultura e na literatura galega, nomeadamente ensaios como a Historia da literatura galega (1951), Galicia no espello (1954), Dicionario de escritores en lingua galega (1990), O río do tempo (1990), A xeración Galaxia (1996)…

Cultivou tamén con acerto a narrativa: O cego de Pumardedón (1992), San Andrés de Teixido (1993), Na espera do amigo (1994)…

Como xornalista publicou tamén artigos en multitude de medios como El Pueblo Gallego, El Faro de Vigo, A Nosa Terra, Heraldo de Galicia, Amanecer, La Noche, Galicia, Galicia Emigrante, Raza Celta, Vieiros, Vida Gallega, Heraldo de Galicia, Nós, Grial, La Voz de Galicia…, ás veces empregando o seu propio nome e outras botando man de pseudónimos, especialmente durante o franquismo (Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana…).

O escritor na lembranza

Tiven a fortuna de coñecer a Francisco Fernández del Riego e de conversar con el en varias ocasións. Fun falar con el un par de veces no seu estudio na Porta do Sol en Vigo, na sede da Fundación Penzol, para documentarme sobre distintos aspectos da vida de escritores como Blanco Torres e Xoán Xesús González, aos que el coñeceu ben durante a súa mocidade, e dos que me achegou datos de grande interese para poder levar a cabo publicacións de carácter biográfico.

Abraioume a súa inmensa erudición e afabilidade. En 1998 partillei estrado con el, con Isaac Díaz Pardo, Mario Blanco Fuentes e J. L. Blanco Valdés, durante as xornadas dedicadas a Blanco Torres na Casa da Cultura de Cuntis, ás que o mestre achegou moitas luces sobre o autor e a súa época, co seu testemuñal e versado relato “Memoria dun gran escritor e bo amigo”, que sería publicado, xunto coas restantes intervencións, por Edicións Xerais.

Xornadas en Cuntis

Tamén puiden falar con el durante un xantar no Parador de Pontevedra, pois viñera dar unha charla aos alumnos do instituto Valle Inclán. Lembro moi ben aquela animada sobremesa con el e con compañeiros do centro, e sobre todo a vitalidade e a enerxía que desprendía aquel erudito octoxenario que rematou o banquete cun café só e un enorme xaruto.

Relendo, non hai moito, o seu fascinante libro O río do tempo, unha historia vivida –por certo, unha obra que non podo evitar que me evoque a El río que nos lleva de José Luis Sampedro e a recorrente imaxe literaria universal do río como símbolo da vida- topeime cunha información que me resultou moi grata, pois nela alude nunha breve reseña á recorrente estancia do laurentino na cidade de Lugo, cando era estudante, como hóspede do hotel Alicia, “(…) establecido na rúa San Marcos, a poucos pasos do instituto (…)”.

O certo é que esta alusión evocoume a miña propia “historia vivida”, momentos da miña infancia, aló polos anos sesenta, que recordo con moito agarimo e algo de saudade. O hotel Alicia, instalado na cidade das murallas no primeiro terzo do século XX, era propiedade dos meus bisavós Alicia Fernández e Manuel Crespo. Posteriormente, xa falecida a propietaria, foi reformado o predio e dividido en vivendas para os seus fillos. Nunha delas, a da miña avoa Mercedes, nacemos eu e mais os meus irmáns. Ademais de distintos momentos puntuais vividos nesta casa, conservo na memoria os anos 1969-1970 en que morei neste lar coa miña querida avoa mentres era alumno do grupo escolar Quiroga Ballesteros. Non puiden evitar que me viñera á cabeza o popular dito: “Que pequeno é o mundo”…     

Bibliografía e fontes hemerográficas:

MASCATO, Antón – CARREIRO, Pepe, Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil, ed. Galaxia, Vigo 2023.

MASCATO, Antón, De Compostela ao exilio interior, Albarellos Editora, Santiago de Compostela 1923.

FERNANDEZ DEL RIEGO, Francisco. O río do tempo, unha historia vivida, Ediciós do Castro, Sada 1990.

NICOLÁS, Ramón, Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, Edicións Xerais, Vigo 2022.

El Pueblo Gallego, Vigo (1932-1933).

El Compostelano: diario independiente, Santiago de Compostela (1932).

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥