Coñecín a Fide, como lle chaman os amigos, cando emitimos o programa de radio desde a residencia de maiores de Campolongo, falamos un anaquiño e xa sabía eu que alí había unha historia moi interesante, quedamos en falar ao rematar as festas.

Hoxe a nosa historia de vida é a de Fidelina Gómez Rancaño que naceu en Ribeira de Piquín, Lugo, no ano 1934. O do seu nome débello á súa madriña que elixiu ese nome tan peculiar.

Seu pai, Manuel Gómez Fernández, era de Veiga de galegos (Riotorto) e a súa nai, Dolores Rancaño Rivera, de Ribeira de Piquín, non sabe ben como se coñeceron pero o que si lembra era que seus avós maternos Maria Rivera que naceu no Courel e Pedro Rancaño que era de Meiro coñecéronse grazas á intervención do irmán de Pedro que era sacerdote destinado no Curel e buscoulle noivos e noivas a todos os seus irmáns.

pais de Fidelina

A casa familiar en Ribeira de Piquín era moi modesta,  alí naceron Fidelina, a maior, Lucila, Xosé, que morreu aos poucos meses, Elisa e Jaime, todos eles xa falecidos.

O seu pai traballaba de carpinteiro, na casa e cos animais ata que tivo que ir á guerra. Primeiro estivo en Barcelona e logo en Oviedo, lembra que cando rematou a guerra volveu á casa con moita roupa. Na casa non había auga, nin baño.  A nai facíalles os traxes de calquera tea que atopaba, incluso das cortinas.

Na aldea había escola pero non mestre, así que a nai contratou ao listo da parroquia  para que lles ensinaran a ler e escribir, para ela a formación era moi importante. O veciño ía polas noites cando remataban as tarefas da casa: atender aos animais; tiñan vacas, galiñas, ovellas, porcos e sempre había un can.

Fidelina cos pais e irmáns 1942
Fidelina cos irmáns en 1942
Fidelina cos irmáns 1946
Fidelina cos pais e irmáns en 1946

Co tempo mandaron un mestre, Don Primitivo, a Meiroi e San Fiz a 1 km da súa casa e a súa nai mandouna á escola, o primeiro día entráronlle ganas de mexar e por non pedilo marchou para a casa, tiña 6 anos. O mestre era bo pero ela ía pouco pola escola porque as tarefas na casa e na horta non lle deixaban tempo para ir. Lembra o libro do abecedario e os rapaces de diferentes idades na mesma aula.

Fixo a primeira comuñón con 10 anos, veu o obispo a Ribeira de Piquin, o cura da parroquia era o seu tio avó, Antonio Rancaño Arias, lembra que seu traxe era de manga longa pero non branco, non fixera nin catequesis nin nada

Aos catorce anos dixo que quería ser monxa, había primas da nai que o eran, marchou a Lugo as Josefinas, un colexio ou convento  internado onde estudaban os fill@s de familias acomodadas que podían pagar, pero como os seus pais no podían costear a súa estancia entrou gratuitamente, lembra que tivo que levar o colchón, polo que tiña que servir e recoller o comedor entre outras cousas e tamén ía a clase polas tardes aprender a ler, facer contas e escribir. Pasáronlle as ganas de ser monxa.

 “Aos catorce anos dixo que quería ser monxa”.

Fidelina Gómez Rancaño

Algún domingo un tío, irmán da súa nai que era franciscano ía buscala para pasear, era o alivio da semana. Alí estivo un ano logo, despois volveu á casa e a súa nai mandouna aprender a coser cunha  modista e acompañábaa polas casas, iso gustáballe mais que andar na terra.

Fidelina cos pais 1950
Cos pais 1950

Co tempo seu pai mercoulle unha máquina de coser e non lle faltaba traballo.

Ía ás festas e gustábanlle as rondadas do cego dos Vilares, Florencio,  mais non lle gustaba tanto que os mozos se lle pegaran no baile.

Namorou dun viúvo que vivía en Madrid e visitaba a casa veciña duns parentes, dobráballe a idade pero iso non lles importou e casaron en 1951, tiña 17 anos e César A. García Gutérrez 34. Marcharon para a capital, vivían no barrio da Latina cerca do mercado da Cebada, ao principio custoulle adaptarse pero el tratábaa moi ben, era unha persoa culta, educada e tiña un traballo moi bo nun laboratorio de medicamentos, “Gayoso Welcome” en Alcalá de Henares. En 1970 morreu dunha enfermidade estomacal o que supuxoi un golpe moi duro para ela, quedou sen pensión de viuvez pero a empresa deulle unha compensación económica e a posibilidade dun traballo se se formaba.

Fidelina na súa primeira voda
Fidelina na súa voda 1954
Fidelina en Madrid 1972
Compañeiros do laboratorio Alcalá de Henares en Madrid 1972
Cos compañeiros do laboratorio Alcalá de Henares 1978
Cos compañeiros da UNED 1978
UNED Madrid 1980
Compañeiros de Obras públicas en Pontevedra 1995

Comezou a estudar taquigrafía, mecanografía, cultura xeral etc.. Ao ano empezou a traballar na empresa, primeiro no arquivo, logo en vendas onde facía as facturas, aínda conserva unha amiga, Mercedes Pérez, que traballaba con ela.  Un primo do marido díxolle que sacara o bacharelato elemental e púxose a iso, erguíase  ás seis da mañá para ir ao laboratorio en Alcalá e ás 6 da tarde estaba en Ventas nunha academia, chegaba ácasa ás 10 da noite esgotada, as fins de semana dedicábaos a estudar.

Cando aprobou entrou de interina na recén inaugurada UNED de auxiliar administrativa no ano 1974, logo de secretaria cunha  persoa que non a quixo e logo no arquivo xeral. O horario de traballo era de 9 a 14:30 e como tiña moito tempo libre fixo o acceso para maiores de 25 anos á universidade, aprobou, como tamén aprobou as oposicións de auxiliar, matriculouse en Historia da arte e ía ás clases polas tardes.

maraton Madrid 1980
Maraton Madrid 1979
maraton 1979
Maraton Madrid 1979
Maratón Madrid 1979

Gustáballe facer deporte e todas as mañás antes de entrar no traballo ía correr con 3 amigas pola cidade universitaria Aurora, Esther…

Mercou o apartamento onde vivía que era de aluguer, estivo 10 anos soa, gustáballe visitar a unha amiga, Vita (Vitoria González Quiroga) e coincidía ás veces cun sobriño seu José Antonio González Cerreda,  namoraron e casaron no 1981 en San Francisco el Grande. Casounos o pai Isorna que era franciscano, tiña 45 anos, el era algo mais novo.

Jose Antonio era enxeñeiro técnico, de familia galega, estivo na Delegación de industria ata que aprobou as oposicións e o destinaron a Tenerife, ela estaba estudando terceiro de Xeografía e historia e traballando na UNED, entón  pediu traslado á universidade da Laguna e déronlle a secretaría do reitorado. Non estaban moi contentos na illa e coincidiu que saíu unha lei que permitía pedir traslado ás comunidades autónomas, el pediu Lugo, Coruña, Ourense e Pontevedra 

Voda de Fidelina 1981

e déronlle esta última, ela tivo que pedir a orixe do seu traballo que era Madrid onde estivo un mes  ata que conseguiu traslado á facultade de Pedagoxía en Santiago era o ano 1984.

Alugaron un piso en Pontevedra e mercaron outro en construción, venderon o de Madrid. Ela ía todos os dias a Santiago. A Xunta convocou unhas oposicións, que aprobou, e xa veu para Pontevedra, primeiro de auxiliar de servizos sociais en Michelena logo na Cruz Vermella máis tarde colleu praza de xefe de negociado en Obras públicas, no edificio de San Roque, ata que se trasladaron a Campolongo, alí estivo ata a súa xubilación no ano 2001.

Fidelina con Jose Antonio 1995
Con Jose Antonio 1995

Desde a súa xubilación matriculouse na Universidade de Vigo onde fixo o graduado superior senior, pertenceu a agrupacións musicais, fixo cursos de historia, facía pilates, pero desde a pandemia sufriu un baixón moi grande e deixou a maioría das actividades.

graduación na  UNED 2011
Graduación Sénior Uvigo 2011
Camiño francés 2002
Camiño francés 2002
En Roma 2002
En Roma 1990

Viaxou por medio mundo. Lembra a súa viaxe no Mercedes cun cesto cheo de latas e un xamón, atravesaron Francia camiño de Munich, en París mercaron unha tenda de campaña nas Galerías La Fayette e durmían en Versalles nun cámping, eran outros tempos.

Logo virían as viaxes a Búfalo, México, Arxentina, Mar Rojo, Nova York, Londres… Fáltalle ir a Exipto ou a California, agora non se sente con forzas, a súa derradeira viaxe foi a Xerusalén antes da pandemia. Tamén fixo o camiño de Santiago, cunha amiga desde Ponferrada no ano 2002.

Na actualidade vai a concertos e conferencias, pero tamén lle gusta moito estar na casa, aínda así  fai ioga dous dias por semana, pandeireta e camiña todo o que pode.

Pasa o verán en Barrantes e seu soño sen cumprir e saber tocar algún instrumento tradicional galego como a gaita ou o acordeón, valora moito a música.

Lembra unha frase que lle dixo un mozo en Tenerife “ Toda persoa que saiba tocar un instrumento é unha boa persoa”.

Fidelina Gómez Rancaño
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Fita a Galana

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥