por Charo Valcárcel
Cando aínda buscaban os teus ollos
e atopaban alí o seu acougo,
o seu mundo eras ti.
Cando aínda sentían os teus brazos
coma rexos refuxios imbatibles
e buscaban moreas de aloumiños
nas fábricas de bicos dos teus beizos.
Cando aínda a calma eran arrolos
que facían esvaer todos os medos
O seu mundo eras ti.
Mais caeron as follas dos outonos
E tras elas naceron primaveras
e o seu mundo amodiño xa medraba
afastándoos de ti.
É a vida que bole sen vagar,
e no seu constante decorrer
arrastra as horas emprestadas.
Mais deixa pegadas no camiño
que nutren o mundo que che queda
no que lonxe ou preto
eles sempre serán
o mellor agasallo recibido.
Charo Valcárcel (abril 2021)
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥