Entrevista con:

Fina Casalderrey

Continuamos esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES, que inaugurabamos con Riveiro Coello, coa realizada nesta ocasión a Fina Casalderrey, que non só, ao igual que xa fixera Antón, aceptou a nosa proposta de bo grado, senón  que se implicou de cheo nas respostas ás nosas preguntas e mesmo se desculpou pola extensión das mesmas chegando a propoñernos unha redución, incluso marcándonos os parágrafos dos que podiamos prescindir. Pero obviamente non fomos quen de prescindir de nada, condideramos que sería unha mutilación imperdoable e cremos que os lectores nolo agradecerán.

Notas biográficas:

Fina Casalderrey naceu en Xeve en 1951. Estudou maxisterio en Pontevedra, sendo a súa especialidade por oposición a de matemáticas e ciencias da natureza, pero posteriormente diplomouse na Escola Oficial de Idiomas en lingua galega e literatura.
Realizou traballos de investigación etnográfica, nos que implicou o seu alumnado, dirixiu e escribiu tamén pezas teatrais para eles. Publicou libros de gastronomía e pedagoxía e comezou a súa carreira como novelista en 1991 con Mutacións xenéticas , desde entón converteuse nun referente na literatura infantil e xuvenil ( LIX), non só en Galiza. Os seus libros, arredor de 60, recibiron numerosos premios nacionais e internacionais ( p. Ex. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996) e foron traducidos a distintas linguas.
Estivo na directiva do GALIX , pertence ao PEN Club e á AELG e ingresou como membro numerario da RAG no 2013. Na actualidade segue vivindo na parroquia de Lérez, en Pontevedra. Mais información no documento adxunto

 Deixámosvos, pois, coa entrevista:

Fina, ti comezaches no ensino, como mestra, moi noviña, creo que con 19 anos. Foi vocacional a túa dedicación a esta profesión?

Posiblemente me rodearía dun certo halo de romanticismo se afirmase que xa dende nena, cando xogaba ás mestras, tiven moi claro que esa era a miña profesión soñada, pero non respondería á verdade. O certo foi que na casa dixéronme: “Queres ir aprender a coser ou estudar maxisterio?”. En calquera dos dous casos non tiña que saír de Pontevedra, co cal non implicaba moito gasto para unha familia académica e economicamente humilde…

A coser xa fora aprender, polo verán, aos nove anos e algo aínda lembro daquelas primeiras nocións de “corte y confección”, pero esa é outra historia… A verdade é que só podo dicir BENDITA ESCOLLA! Decidinme polo maxisterio e só podo dicir que moito aprendín dos rapaces e rapazas que pasaron polas miñas aulas. Un anaquiño de cada un, de cada unha, permanece tatuado en min con tinta permanente. Sempre digo que, oxalá, eu tamén quedase un pouco nese recuncho da memoria onde gardamos as lembranzas fermosas.

Nunca, nin nos malos momentos, nin nos máis esgotadores, que os hai, nin cando tiven oportunidade de “medrar” en popularidade e recoñecemento social, quixen deixar a profesión á que lle debo case todo. Si… creo que fun unha mestra vocacional.

1954. Fina 3 anos. DE ANXO EN SANTO ANDRÉ DE XEVE

1971. Fina 20 anos

Comprobo que te implicaches en múltiples actividades, algunhas delas desenvolvidas ou relacionadas coa túa profesión de mestra. Por exemplo o teu interese pola etnografía, na que involucraches os teus alumnos en distintos traballos de investigación. Podes contarnos un pouco como naceu o teu interese por ese campo e cales os logros acadados?

Os ensinantes somos dunha madeira especial, o amor á profesión —aínda que soe melindroso— fai que nos atrevamos a ensinar o que a nós non nos ensinaron nunca e a nos manter acotío no camiño de ida. Por poñer un exemplo moi tanxible neste instante, ti, Charo, exerciches de ensinante, non te preparaches na escola de xornalismo e sen embargo estás a exercer de xornalista con total solvencia. Os e as docentes estamos afeitos a facer maxia: a facer de técnicos de son, luminotecnia, maquillaxe, decoración, vestiario, guión, dirección… se falamos de facer teatro co alumnado, sen ter moitas veces nin un escenario; ou a facer experimentos, sen termos laboratorio; a editar revistas de maneira artesá, sen posuírmos unha imprenta; de guías turísticos nas excursións, de coreógrafos —lembro ensinarlles a bailar o tango, sen telo eu bailado nunca— e incluso de psicólogos ou de sanitarios se a situación o requiría.

Pertenzo a unha xeración que medramos co caraelsol na escola, coas ventás cegas á liberdade, coa diglosia tatuada polas malas experiencias por falarmos galego na infancia e ignorantes de toda esa riqueza cultural como pobo, que se nos ocultara… A comezos dos setenta, estreeime como mestra e, asemade, as primeiras “liberdades” culturais, queriamos cambiar o ensino, algúns de nós, máis por intuicións ca por sólida formación. Descoñecendo todo o que aquela “Institución Libre da la Enseñanza” fixera, os primeiros cursos como ensinantes centrábanse en compartir experiencias. Queriamos educar no medio, partir da localidade, de todo o que podían tocar coa xema dos dedos: a literatura popular, os alcumes, as festas, os apeiros de labranza (o ambiente era rural), a climatoloxía e astroloxía popular, as crenzas, as plantas medicinais, as festas, os xogos populares, os hórreos (706 creo que había en Moraña), os cruceiros… Algúns daqueles traballos foron premiados polo Museo de Pontevedra, pero o logro máis grande a verdadeira conquista foi que viñan a clase felices.

Todo eran descubrimentos, tamén para nós, para min… Si, aqueles traballos foron verdadeiros obradoiros de aprendizaxe para o alumnado e para min.

Teño entendido que ti comezaches escribindo teatro para o teu alumnado, son eses os teus inicios como escritora? Como empezou ese labor de directora e dramaturga que frutificou na publicación: Recursos teatrais para a expresión dramática na escola?

Hei dicir que sinto mesmo un chisco de pudor por esa primeira publicación na que tan só pretendía relatar unha humilde experiencia como docente, creo que hoxe o “vendería” un chisco mellor… Porén, daquela, moitos mestres, moitas mestras, fixemos pezas para representar cos nosos escolares, sen outras pretensións alleas á aula asemade que íamos descubrindo o que xa se fixera antes.

Efectivamente, comecei publicando teatro. A maior parte das obriñas que fixen sempre, só tiñan interese para a contorna na que estaba dando clase; aproveitaba algún tema local para transformalo en teatro. Lembro que no ano 1985, participei nas II Xornadas do Galego no Ensino en Santiago de Compostela cunha comunicación sobre os beneficios do teatro na escola. O de menos foi o que eu puiden dicir alí; o realmente interesante foi a actuación do meu alumnado de 5º nivel demostrando a veracidade do que eu teorizara. Os nenos, as nenas, eran a proba da eficacia. Montaron o escenario, actuaron, recolleron todo sen precisar de apuntador nin de presentador nin de axuda de ninguén. Aqueles efusivos aplausos á rapazada, soubéronme a recoñecemento. E ti diso sabes, das horas extras dos ensinantes, como moito recompensadas cunha carta agarimosa… Os pequenos, un “Quérote mestra” nun papeliño; os maiores cunha maneira de estar na aula, unha ollada, unha frase…

O teatro foi unha estratexia de aprendizaxe marabillosa de efectos inmediatos: dicción, capacidade de improvisación, exercitación da memoria, da creatividade, o traballo en equipo, fonte de coñecemento das diferentes personalidades, para nos achegar á literatura, facilita a transversalidade con todas as áreas de coñecemento, especialmente coa lingua, a música, a plástica, a educación Física… e, algo que me parece fundamental para a aprendizaxe, fai agromar esas endomorfinas que producen momentos pracenteiros. Uf, isto só daría para un monográfico. Fixen teatro sempre ata que me xubilei. En Marín os de 1º da ESO representaron O Principiño tan ben!! Vaia e outras cousas que dez anos no IES Illa de Tambo aínda dan…

En fin, fixen o que fan moreas de mestras e mestres…

No mundo literario galego Fina Casalderrey é a autora por excelencia da literatura infantil e xuvenil. Gustaríame saber se alá por 1991 cando publicaches (corríxeme se me equivoco) Mutacións xenéticas, a túa primeira obra destinada a este tipo de lectores, realizaches unha elección consciente dos destinatarios das túas obras ou foi casual?

Venme á cabeza O estanque dos parrulos pobres, un libro que está nunha colección infantil, a partir dos oito anos. Eu escribino naquel momento para que o lese meu pai para que, se chegaba a saber a estrema gravidade da súa enfermidade, non tivese tanto medo de morrer. Tratei de me mergullar na pel dunha nena de seis anos e falar dende a súa inxenuidade dun tema tan duro como é a morte dun ser querido. Se le esa historia un adulto, cáenlle as bágoas, se a le un neno, unha nena, parécelle divertida… As diferentes experiencias vitais do receptor inflúen nas múltiples interpretacións.

Imos ver, eu escribín Mutacións Xenéticas arredor de oito anos antes de ser publicada, cando nin soñaba con publicar nada. Líalle ao meu alumnado fragmentos coma unha actividade máis de aula. Logo, cando comecei a publicar, xa nunca máis lle lin nada meu por pudor. Porén, nin sequera estou segura de que a escribise para uns nenos concretos, mais ben eles me inspiraron a min para escoller un protagonista. Mentres dei clase, escribía sobre todo nos veráns, os ensinantes entendédesme ben se digo que durante o curso escolar —como canto máis te preocupan, máis te ocupan— non chegas á casa con moitas ganas doutras lerias. Todas as enerxías e horas son poucas para lles dedicar…

A raíz da “normalización” do galego nas aulas comezáronse a demandar obras literarias en galego… Aínda que a historia da publicación de Mutacións xenéticas é máis longa, resumiríaa dicíndoche que a fixen pensando en compartila coa rapazada das miñas aulas. Logo xa, o responsable da súa publicación foi un curmán meu, Xosé Carlos Mosteiro Fraga, que daquela tamén estaba dando clase en Moraña —e anos máis tarde tamén publicou con éxito varios libros—, deilla a ler e animoume a facelo. Mesmo foi el quen chamou á editorial Vía Láctea, eu limiteime a deixar o orixinal na, desafortunadamente desaparecida, librería Michelena de Pontevedra…

Resumindo, non era moi consciente de “para quen escribía”, érao máis de que o estaba a facer en galego.

1991.11.10. FOTO FINA. PREMIO MERLIN

2010. O contacto cos lectores sempre é un pracer. VALADARES. VIGO

Ti contas xa cunha experiencia de moitos anos escribindo para eses lectores máis novos. Supoño que hai que coñecer moi ben o seu mundo para chegar a eles e ti claramente chegaches. Ata que punto te axudou o teu traballo de mestra nesa consecución?

Moito! Somos o que lemos, as viaxes, os soños, o ambiente, a infancia, a educación recibida, as amizades, a familia… e tamén a profesión que exercemos; todo, consciente ou inconscientemente nos vai modelando. Talvez, no meu caso, se non fose mestra de escola, nunca me dese por escribir. E coma min a toda esa xeración de ensinantes-escritores que Manuel Bragado bautizou como Xeración Lamote (Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Mª Victoria Moreno, Xoán Babarro, Ana María Fernández, Manuel Lorenzo González…) Repara en que ata que o galego comezou a entrar nos centros de ensino, non había unha LIX consolidada, eran publicacións esporádicas e con escasa repercusión, aínda que fosen importantísimas (Xoana Torres, Mª Xosé Queizán…) E se pensamos en Memorias dun neno labrego, foi unha historia da que se foron apropiando os escolares en boa parte grazas a ese profesorado comprometido coa lingua.

A asociación do Libro Infantil e Xuvenil Galega, GALIX, naceu en 1989… Hoxe é diferente, quen escribe xa non parte dunha militancia co ensino; un bo indicador de consolidación e saúde literaria para a LIX galega (María Canosa é enxeñeira, Ledicia Costas é avogada, An Alfaia é detective privada, Rosa Aneiros ou María solar son xornalistas…) Dende logo para escribir literatura que guste á infancia non é preciso ser ensinante e se non, que lle pregunten a Roald Dahl, Astrid Lindgren, María Gripe, Antoine de Saint-Exupéry ou a Castelao, Foe… que moitas das súas historias tamén seducen á infancia.

Axudarme a min a profesión? Si. Tanto que algunha obra débolla en certa medida a algún alumno. Se Marcos Sánchez Agra, de Santa Xusta (Moraña), nun recreo —cando estudaba 5º de EXB—, non estivese triste, apoiado nunha varanda e , cando me acheguei a preguntarlle que lle pasaba, non me contestase con voz rota polo desgusto: “Nada, é que me desapareceu o Tobi”, eu non escribiría Dúas bágoas por Máquina, ou non da mesma maneira. Estar cerca da rapazada, axudoume, pero sei que non é imprescindible que sexa nas aulas; ás veces abonda con ter memoria de nos mesmos, pois como dicía Lobo Antunes, “a literatura é a memoria fermentada”.

 Cres, como pensan algúns, que quizais non se debía clasificar a literatura segundo a idade dos lectores, senón simplemente falarmos de boa ou mala literatura?

Se entendésemos por literatura infantil a literatura que tamén gusta aos nenos e ás nenas, remataría a discusión. O problema xorde cando lle damos ao termo “infantil” unha connotación pexorativa. Cantas veces un adulto se sorprende ao atopar xoias literarias que descubre nos andeis dos seus fillos! Quizais se reparásemos naquilo que lle dicía Sánchez Silva, o autor de Marcelino pan y vino (único premio Andersen -Nobel de LIX- español) a Miguel Delibes cando o animou a escribir para a infancia : “No te creas que escribir para niños es escribir para tontos”. E Delibes escribiu literatura Infantil… Un neno pode non saber crear conscientemente unha fermosa metáfora, pero sabe gozala, sempre que sexa creada a partir do que coñece ou ten madurez para interpretar.

Estas clasificacións só deben entenderse como orientación. É obvio que, aínda que todos os temas poden ser tratados a calquera idade e que a dificultade está en saberlles chegar, hai historias que non interesan a un neno, a unha nena, porque non forman parte do seu universo cognitivo, nin dos seus intereses nin das súas experiencias vitais; non é preciso dispoñer dun cerebro privilexiado para entender que hai libros que non lle dariamos a ler a un cativo pola estrutura complexa, polo tratamento do tema, pola extensión… Pola contra, calquera adulto pode, e debería, achegarse aos libros concibidos para a infancia (un día foron nenos…) e sorprenderíanse de canto os poden conmover e facer gozar da lectura. Os bos libros para a infancia adoitan prestarse a diferentes lecturas e medran en matices a medida que medra o lector, a lectora. As clasificacións non inflúen na calidade dunha obra.

2009. Salón do libro de Pontevedra. Ano do Amor dedicado a Fina.

2008. NA SÚA VILA. PONTEVEDRA

É obvio que algúns libros dos catalogados como literatura infantil e xuvenil son descubertos por lectores adultos como auténticas xoias “ocultas” tras unha etiqueta escasa?, insuficiente?, inapropiada?, que pensas ao respecto?

Si, si, en certo modo xa me adiantei na resposta anterior. O problema, insisto, está en que en canto aparece a palabra “infantil” polo medio, érguese un estraño valo de prexuízos. Deberiamos sentir fachenda de que exista unha LIX con etiqueta galega que se exporta, que é recoñecida internacionalmente… Dáme moita mágoa que no olimpo da memoria dos adultos queden poucas destas xoias —O Principiño, Pipi Calzaslargas— por descoñecemento, quizais as cousas estean a cambiar… O ser humano é moi dado a negar o que descoñece e durante moito tempo a LIX como materia de estudo non existía. A primeira catedrática de literatura galega, especialista en LIX, foi Blanca-Ana Roi Rechou. Hoxe hai moitas, curiosamente a maioría mulleres, especialistas que investigan todo o que se está a facer dentro e fóra de Galicia: Eulalia Agrelo, Montse Penas, Isabel Mociño… Ata hai ben pouco, era tan só grazas ao esforzo persoal do profesorado universitario que, de maneira voluntaria, ía introducindo o estudo da LIX no temario da súa materia, sobre todo en Didáctica da Lingua e a Literatura en Ciencias da Educación. Tamén como optativa en Filoloxía. Nos plans de estudos, nos escaparates das librerías, nos medios de comunicación… os espazos destinados a dar a coñecer esta literatura que gusta á xente miúda —e en galego— son moi escasos e, polo tanto, insuficientes. E se pensamos na LIX galega, reparemos en que xa van alá nada menos que seis premios nacionais a nivel do Estado que avalan a calidade dunha literatura que é a que máis se exporta.

 Sabes que no blog a primeira recomendación de lectura que realizamos foi O neno can, para min un deses libros que superan os límites dunha etiqueta. Desta obra es co-autora con Francisco Castro, como se escribe entre dous? Como foi o proceso, pódesnolo contar?

Moitas grazas por esas palabras! Moito lle debe a LIX aos profesionais do ensino! O proceso… Escribir a catro mans esixe unha, non sei se xenerosidade ou capacidade de se meter na pel do outro, de ceder, mais tamén de nos enriquecer co que o outro nos aporta. É necesario partir dunha complicidade, unha necesaria empatía, daquela chega unha recompensa enriquecedora.

Todo comezou cando, dende a editorial Galaxia, me propuxeron colaborar con UNICEF e escribir cinco historias sobre os dereitos humanos da infancia. Aceptei, avancei algo, deixeinas descansar, aparcadas… ata que, un día, nunha visita de Francisco Castro á casa por saber como ía todo, decidín convidalo a participar canda min. Desbotamos algunha das primeiras ideas. Dalgúns relatos armei eu o esqueleto, outros armounos Fran. Tan pronto o tiñamos escrito pasabámosllo ao outro para que o fixese “seu”, engadindo ou suprimindo parágrafos, cambiando palabras… Foi froito dun intenso peneirado nun vai e vén de correos e de chamadas ata que ambos os dous coidamos que a historia nos pertencía. Eu leo os relatos e sinto que os escribín eu, que mesmo teñen semellanzas con outras historias miñas. A Francisco pásalle exactamente o mesmo.

Creo que Fran lle aportou frescura e eu, lirismo. Foi un bo tándem.

2011. EN LA VENTANA. SER. GENMA NIERGA

2012. Presentación de  “O NENO CAN” con Francisco Castro

Por que o can como fío de unión? Ten unha historia detrás?

Unha das que comecei a escribir eu foi a que dá título ao libro, O neno can, nela xa había un can… Queriamos atopar un nexo, algo que emparentase as diferentes historias, aínda que todas elas fosen concibidas de maneira independente, e foi Francisco quen tivo a feliz idea. Daquela fomos introducindo un can en cada unha delas, con nome relacionado coa meteoroloxía, coma nun xogo, unha chiscada da que os lectores axiña se ían decatar, conscientes de que, sen chegar a ser un fío condutor, posto que nin sequera se trataba do mesmo can, hai un certo paralelismo entre o desamparo dos protagonistas humanos e de cada un dos animais. O can, ás veces, é o único amigo do humano.

  Os rapaces e os adolescentes son máis esixentes ca os adultos como lectores?

Non sei se máis “esixentes” no sentido que lle daría a crítica profesional, evidentemente os anos e a formación vannos dando máis ferramentas para valorar a calidade dun texto, mais tamén nos van dando máis prexuízos… Excluíndo o adolescente lector que supera en criterio a un adulto non lector á hora de valorar un libro, do que estou segura é de que están máis liberados de prexuízos e valoran unha obra con máis sinceridade, polo que lles di realmente, sen lles influír tanto os premios que lle outorgasen. A xente nova non ten papas na boca para dicir: “Pois a min non che me gustou nada”. Canto máis pequenos, máis “esixentes” en valorar con rotundidade se lle gusta ou non unha historia que lles poñemos diante, canto máis medramos máis nos inflúe todo o que rodea unha obra literaria (recoñecementos, número de lectores, crítica profesional, recensións de expertos…). Moi poucos adultos se atreverían a contradicir publicamente, con argumentos de peso, obras universalmente recoñecidas aínda que non lles parezan boas.

 Para os que lidamos durante anos cos nosos alumnos e alumnas intentando lograr que amasen a lectura, ou polo menos que a quixesen un pouquiño, sabemos o difícil que é conseguilo. Sei que ti participaches en programas de fomento da lectura. Desde o teu papel como mestra e tamén como escritora de éxito, que cres que é o que non facemos ben cando animamos a ler? É un problema dos educadores?

Non, cando menos non en exclusiva nin en gran medida. Venme á cabeza Xela Arias —acaba de arrincar o ano no que a RAG lle dedica as Letras Galegas—. Xela “naceu nunha biblioteca”, rodeada de libros, de libros que se abrían, que se lían… e influíron no seu hábito lector. Poño por caso, todos os nenos e nenas chegan á escola falando na lingua materna cunha habelencia que xa quixeramos para nós no que a dominio de linguas estranxeiras se refire. E por que? Porque na casa falan e falan, ademais, con eles. Se ven ler, se escoitan comentarios gozosos sobre unha páxina, unha historia, se len con eles… se os acompañasen nese descubrimento como o fan para dar os primeiros pasos, para aprender a ir ao baño… todo sería máis doado. O contaxio nas familias é o método máis efectivo.

Non lle podemos botar enriba ao profesorado TODO, é responsabilidade súa dotalos de ferramentas para que saiban ler, para interpretar un texto, para aprender a saborear metáforas… pero non a que ten que ver co descubrimento do gozo lector, cando menos, NON TODA; a sociedade e os ocios que ofrece, ás familias, os medios de comunicación… todo inflúe. Porén, como educadores, educadoras, podemos facer moito. Quizais o primeiro que nos deberiamos preguntar como tales é se a nós nos gusta ler, é dicir, se lemos. Non hai nada máis efectivo ca o entusiasmo contaxioso. Para comezar nunca deberiamos recomendar un libro polo que non sintamos ningún interese. A lectura é coma o sarampelo, transmítese por contaxio. (non podemos contaxiar o entusiasmo, á emoción que nos produce un libro, unha páxina, se non o temos. Lembro un día, nas miñas clases de primeiro da ESO, que lles falei con entusiasmo sincero dun libro que acababa de ler a véspera e me gustara moito, Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor (pseudónimo masculino de Katherine Kressmann. 1903-1996), unha escritora, profesora e xornalista de Portland (Oregón). Faleilles da sutileza case imperceptible daquelas cartas nas que ías percibindo como a amizade entre dous amigos se ía arrefriando ata se volver xeo perigoso. Ese día foron varios os que me viñeron preguntar se estaba na biblioteca do centro.

E se leva razón Juan Farias e o gozo lector é aquilo que morre cando a literatura se convirte en disciplina? Quizais non deberiamos esquecer que a actividade principal cun libro é a lectura… Falo do ensino obrigatorio non de cando se teñen que ir especializando en saberes concretos, tamén lingüísticos e literarios. Non deberiamos “ameazar” ao alumnado con sentencias coma “unha casa sen libros é unha casa sen dignidade”, por moi bonito que faga entrar nunha casa na que haxa moitos libros. Trátase de cativalos, de seducilos para enriquecelos, non de imposicións.

Isto daría para moitas horas de conversa…

2012. presentación da curtametraxe “Dúas letras“. Santiago de Compostela

2016. FEIRA DO LIBRO DE BOS AIRES.

Es unha escritora moi premiada, recibiches todos os premios importantes cos que conta a literatura infantil e xuvenil: Premio Merlín, Premio Barco de Vapor, Premio Edebé, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil, Premio Frei Martín Sarmiento… e ademais moitos libros teus figuran nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books e fuches nomeada ao Premio Astrid Lindgren que concede o goberno sueco a un autor de literatura infantil e xuvenil de calquera país do mundo, tamén recibiches a medalla Castelao no 2003 e o Premio Cidade de Pontevedra en 1996 por toda a túa obra e os teus libros foron traducidos a máis de doce idiomas…

Con todo este recoñecemento de que te sentes máis orgullosa?

E que importancia lles dás aos premios? Cres que son necesarios para darse a coñecer?

Estou moi agradecida a todas as persoas que o fixeron posible. Non sei se “orgullosa” pero si, felizmente impactada quedei cando souben que lle ían poñer o meu nome a un colexio. Sentín unha mestura de pudor infinito, case unha estraña sensación que me facía, e me fai, sentir “culpable” por permitir tal honra e, asemade, unha satisfacción xigante. Hai algo máis fermoso ca que lle poñan o teu nome a un centro educativo e que ti poidas velo? Non quero preguntarme se o merecía ou non, non me convén, quizais a resposta non me permitiría gozar deste agasallo, deste privilexio.

En canto á importancia que lles dou aos premios, houbo un momento na nosa literatura que eran coma un “búscase” para animar á xente da escrita a engrosar o corpus literario galego; hoxe, xa máis consolidado, adquiren máis a función de abrir portas ás publicacións. Si, creo que son unha vía para acceder ás publicacións; e aos autores e autoras que pretenden vivir en exclusiva da literatura, tamén lles van dando de comer. Para a Literatura non significan moito. Explícome: unha historia non sube ou baixa en calidade por ter recibido un premio ou non. Hai clásicos universais, e grandes éxitos actuais que non recibiron máis recoñecemento ca o dos lectores e lectoras, algúns porque non se presentaron, outros porque non llo concederon… En realidade presentámonos a premios porque un premio, de entrada, crea unha maior expectativa de lectores, ese é o verdadeiro premio, que te lean. Por iso, aquel Premio Lecturas no que votaba a propia rapazada de toda Galicia e que organizaba GALIX é un dos que máis me conmoveu.

O último premio ao que me presentei foi ao EDEBÉ en 1995. Recoñezo que fun unha ousada, pois nas dúas edicións anteriores fóralles concedido a Agustín Ferández Paz e a Gloria Sánchez respectivamente, é dicir a dous extraordinarios escritores galegos. En xaneiro de 1996 foi o fallo e tiven sorte; por 3º ano consecutivo déronllo a unha galega. Nunca máis, ata o momento, volveu acontecer. Ese mesmo ano, o 4 de novembro, concedéronme o Premio Nacional de LIJ, a ese non te presentas e iso fai que non o esperes…Velaí o impacto extra. Dende entón non tiven grandes problemas para publicar nun lado ou noutro e non volvín, ata o momento, presentarme a ningún premio. Os recoñecementos que chegan son máis fermosos por inesperados.

Hai, porén, outras facetas túas quizais menos coñecidas como por exemplo a de autora de libros de cociña, acadando mesmo o Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico por Repostería en Galicia (1997). Supoñemos, pois, que debes ser unha boa cociñeira, e unha experta na cociña galega. Que pratos son os teus preferidos e cales nos recomendarías?

No de boa cociñeira… non te fíes, e se non que lle pregunten ao autor de Merlín e familia os mandís que lixou cando escribiu con tanta graza sobre a cociña galega. Son unha boa comedora, iso si.

A verdade é que a literatura e a gastronomía forman un binomio perfectamente relacionado. O biólogo Faustino Cordón no seu libro Cocinar hizo al hombre afirma que a cociña ensinou a falar e así modelou o home —supoño que a muller, tamén—. Xustifica polo miúdo como aqueles mamíferos distintos —homínidos— adquiriron a posición erecta evolucionando ata falar. Coas mans libres aprenderon a usalas para transformar alimentos que non lles eran propios en asimilables. Así empezou a diferenciarse dos animais. Necesitou a colaboración doutros semellantes cos que se comunicaba con berros que cada vez resultaban mellor artellados. Comezou a utilizar o lume non só para escorrenta os inimigos ou os malos espíritos, senón como útil de transformación culinaria. É dicir, a cociña foi a chama que alumeou as palabras e a literatura é a arte desas palabras, das palabras fermosas, suxestivas, dos soños e da imaxinación.

Recomendaríavos moitos máis, pero eu comprométome a facervos unha rica empanada de millo de croques, ou de fariña triga de praiolo —rubio, escacho grande— en toradas e un arroz con leite de chuchar os dedos.

2011. Gravación “Dúas letras

2011. Preparando a empanada no Culturgal.

Tampouco te resistiches a probar no mundo da sétima arte, non só como guionista, senón tamén como directora e actriz: Garuda, Dúas letras, Querido Tomás e A última moeda.

Como foi esta experiencia?

Creo que mesmo a túa nai se estreou como actriz en Dúas letras…

Foi para min moi gratificante pola moita aprendizaxe. Falabamos antes do teatro e de nos encargar de todo dende o guión e a dirección ata os decorados, co cine pasou outro tanto. Un compañeiro do IES de Marín, Eloy Varela —profesor de Matemáticas en Secundaria—, tiña unha boa cámara e sabía manexala, eu propúxenlle facer algo e comezamos por GARUDA, un guión que en realidade foi feito a partir dun capítulo de A Pomba e o Degolado. Foi unha bonita experiencia, todos eramos “da casa”, moi poucos (a filla, un par de amigos…). Lembro que o soporte do micro era o pau dunha vasoira… Logo collinlle gusto e xa lle propuxen a Eloy facermos outra cousa. “Se fas o guión…”, respondeume. Fixen o guión inspirándome nun recordo de infancia, cando eu lle lía as cartas á señora Aurora… Non tiñamos diñeiro para contratar verdadeiros profesionais do celuloide e “contratamos” ao meu compañeiro de camiño, a miña tía Claudina, a meu tío Celso e a miña nai como protagonista, tiña daquela 82 anos. Lembro que, nos documentos que tivemos que cubrir para presentala a Cans (Porriño), pedían o nome dos responsables de guión, dirección, localizacións, vestiario, iluminación, realización, produción, coach… E, despois da primeira vez que puxemos os nosos nomes, no resto dos apartados poñiamos “nós”, “nós tamén”, “nós tamén”… De feito eses créditos do final que tanto adoitan ocupar, couberon nun golpe de pantalla e ben separados. Concedéronlle tres premios. Logo tamén o de Primavera do Cine , en Vigo e o do Público de Bueu. Non a enviamos a máis sitios… A Víctor Freixanes, editor de Galaxia daquela, gustoulle e propúxome escribir esa historia para un libro que levaría o CD coa película, unhas entrevistas, o making-of… Debeu ser das poucas veces que primeiro foi a película e despois o relato escrito.

A raíz do “éxito” en Dúas Letras, a miña nai propuxéronlle varios anuncios na galega, un deles é o de “A vaquiña polo que vale”, que leva cinco anos emitíndose. E a min, Uxía Blanco, pediume facer con ela Querido Tomás, baseado nunha novela de Xosé Neira Vilas. Eu, sempre digo, máis guionista que actriz , ela máis actriz ca guionista… Aí tamén actúa de fuxido, Mariano García, o meu compañeiro de camiño… Neira Vilas estaba feliz, participaron os nenos e nenas do colexio das Cerdeiriñas, moi preto de Gres, onde está a casa de Neira Vilas. A Uxía déronlle o premio á mellor actriz no festival de cine de Braga…

E veu A última moeda onde me impliquei en máis responsabilidades.

En fin… O máis fermoso foi a maxia do proceso, de escoller as escenas, da montaxe, da música, das localizacións, da rodaxe, dos “trucos” que ten o cine con respecto ao teatro…

A vida , como diría Carlos Casares, é coma un río que nos vai levando… O certo é que me quedei con ganas de máis… Pero estes non son bos tempos…

 Desde o 2013 es membro da RAG e se me permites quixera destacar do teu discurso de ingreso (Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario) varias cuestións que me pareceron moi interesantes. En primeiro lugar a reivindicación da muller, lembrando a Rosalía ou a Concepción Arenal e logo a defensa da lingua como sinal de identidade, aínda que recoñeces os teus inicios como castelá falante e, por último a do mundo infantil e a súa presenza na literatura, en calquera tipo de literatura. Isto vai xerar varias preguntas:

 Cres que hai unha literatura de mulleres?

 O único que teño claro é que son muller, que tiven un fillo e unha filla, que exercín de mestra 40 anos… e que me gusta escribir dende o que son, dende a miña concepción do mundo, pero négome a crer que respondemos a un modelo único, estereotipado. De feito, si estiven en xurados literarios onde xogabamos a adiviñar se o orixinal premiado fora escrito por unha muller ou por un home e trabucámonos. Dunha volta, lembro que quixen facer unha pescuda pola rede e busquei: “Muller e literatura”, “A muller na literatura”, Literatura de muller” “Literatura feminina” “escrita en feminino”… e atopei múltiples entradas. Busquei, logo, cambiando muller por home e feminina por masculina e non había, remitíame á feminina… Iso fíxome pensar… Por que ese empeño en etiquetarnos cunha etiqueta única? “Muller”. O mesmo acontecera cando, en Pontevedra, inauguraran a rúa Doce de novembro en honra a vítimas da Guerra Civil, falaban de mestres, médicos, avogados… e “mulleres”, elas non posuían outra identidade e iso choca…

Desexo que algún día o mundo enteiro acepte o que asegurou Margarita Rivière cando dixo que a lóxica da mestizaxe non é masculina ou feminina, senón algo compartido por tódolos que ven a pluralidade infinita da realidade. Ao mellor é certo iso de que as grandes mentes son andróxinas, capaces de, nun enriquecemento mutuo, actuar por riba do xénero SEN O NEGAR. A Literatura escrita por mulleres é diferente na medida en que as nosas experiencias sexan diferentes. Depende, pois, da “alimentación”; porén temos dereito a ter acceso a productos variados que nos permitan desenvolver as nosas potencialidades. Polo demais… agora que o mapa xenético nos volve tan iguais… non me atrevo a matizar. En todo caso, se as mulleres temos un punto de vista diferente, iso enriquecería a Literatura. Ao mellor é todo máis sinxelo e que só hai dous tipos de Literatura: a boa e a mala.

2013. ACTO DE ENTRADA NA RAG.

 2018. PRESENTACIÓN I PREMIO FINA CASALDERREY.

 No teu discurso e como membro da RAG defendes a necesidade dunha normativa común, que opinas sobre os que critican abertamente esa normativa oficial por afastarse do portugués?

 Tanto, tanto… non nos afasta, cando nos sentimos coma na casa ao viaxar a Portugal. E Nélida Piñón, no seu discurso de ingreso na RAG como académica de honra, manifestou que, o galego do seu Cotobade natal, lle serviu, de nena, ao chegar ao Brasil, para integrarse axiña no que logo foi o seu país de adopción e a súa lingua. É un tema moi complexo, é certo que debemos seguir a rescatar léxico, expresións…, pero non comparto a visión de quen porfía que o galego sexa unha derivación do portugués e que deberiamos regresar a el, en todo caso sería ao revés. A historia corrobórao e mesmo expertos lingüistas portugueses como é o caso do escritor e académico Fernando Venâncio no seu libro Assim nasceu uma língua; e outrosí, nos dous números que en 2020 o Jornal de Letras dedicou a Galicia, tal como puiden comprobar grazas a un artigo do catedrático e membro numerario da RAG Henrique Monteagudo (Nós Diario, 24 de xuño de 2020).

 Certo que non formo parte da RAG por filóloga, senón como escritora, e sobre todo de LIX, polo tanto non vou botar man de argumentos científicos que non sabería utilizar como o farían os especialistas, pero abóndame con imaxinar a miña nai e a toda a xente maior que coñezo e que se expresaron en galego toda a vida, tendo que asumir que a súa non é a lingua galega e rematen por se sentir estranxeiros no seu propio territorio, coma nos tempos da ditadura; ou a reacción da maioría da rapazada dos diferentes centros de ensino, que xa tan afastada está do uso “normal” da lingua que —con sorte— escoitan na casa, nas aulas de galego —e pouco máis—, que len nos libros… afastándose totalmente do galego, por lles resultar moito máis alleo. E aínda que tan só os e as lusistas estivesen na posesión da verdade absoluta no que á recuperación da lingua se refire, como manifestei no discurso de ingreso na RAG ao que aludes, creo que un “binormativismo” admitido, ese “tirar cada quen para un lado”, neste momento sepultaría a lingua entre a xente nova.

 Ben sei que non son razoamentos “de peso”, porén e botando man das palabras de H. Monteagudo no devandito artigo —cando un compañeiro de facultade o tomou por “lusófono” porque publicara un texto en galego no Anuário de Comunicação Lusófona— eu tamén son lusófona “se me recoñecen como tal sen deixar de ser galega”. O galego é unha lingua con identidade propia, iso non quita que poidamos achegarnos é coñecer esoutra lingua irmá na que derivou aquela lingua galega común cando Portugal naceu como reino independente. De certo, como toda lingua viva, e máis se estivo —e está— en continua loita pola supervivencia contra as inclemencias histórico-sociais e políticas, necesita ir reparando feridas, rescatando palabras… Lembro canto retrucaba o alumnado da ESO a raíz daqueles “axustes” normativos, cando deberiamos corrixir “vran” por “verán”, “pra” por “para”, etc. E nós tratabamos de lles explicar que unha lingua maltratada durante séculos, precisa de moita comprensión para ir recuperándose e curando as feridas… ademais de que calquera lingua viva, evoluciona… En todo caso, respecto outras visións…

 E finalmente literatura infantil e xuvenil ou literatura da infancia?

Literatura.

Literatura que tamén seduce á infancia. Postos a sermos “exquisitas”, a única literatura infantil é aquela que fan os nenos e as nenas.

 Moitas grazas, Fina, pola túa amabilidade ao aceptar esta entrevista e que continúes facendo felices os teus lectores moitos anos máis.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Enlace a recomendación do libro O neno can 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥