A nosa historia de vida de hoxe trasládanos a Espiñeira un lugar da parroquia de Aldán, alí naceu Josefa Rial Bastón, o 6 de xaneiro, día de reis, de 1939, coñecida como Fita a Galana, o alcume da familia vén das danzas tradicionais da vila en honra a San Sebastián onde 12 homes vestidos de mulleres e 6 mulleres solteiras e virxes danzaban o son da música. Ao cura non lle gustaba que bailaran as mulleres cos homes, agora cambiou un pouco o conto. Sempre contou que a trouxera o rei negro e así foi a súa vida de negra, aínda que Baltasar sempre foi o sei rei favorito por traela a este mundo.

Fita era filla de solteira de Maximina Rial Bastón que traballaba na fábrica de Massó de revisadora das latas, e de Luís Domínguez, soldador da mesma fábrica e casado.

Non foi recoñecida polo pai porque unha tía súa  non quixo.

Maximina casou logo cun viúvo e con el tivo dous fillos máis, Manolo, ela chámalle Pepiño, que traballou en Radio Popular en Vigo e Lolita que morreu aos 5 anos atropelada.

Fita a Galana

Os avós maternos eran Dorinda Bastón García e Manuel Rial, morto en Cuba tronzado pola máquina de cana de azucre.

A súa familia era pobre e como a nai xa  casara cun viúvo ela quedou a cargo da avoa Dorinda.

Aa súa primeira escola foi na Costa do Pardo e a súa profesora Dona Isabel.

Había unha muller en Aldán que mandaba moito, máis que a Garda Civil, di, era a irmá do párroco,  Josefa Graña Montes, Señora Josefa, que con 7 anos foi á súa casa, falou coa súa avoa e mandouna a Vigo interna a un colexio que estaba fronte á lonxa. Era a Casa de Caridade de San Francisco, as monxas que recorda eran sor Aurelia, Josefa, Cruz, Sara… e o cura que daba misa todos os días. Alí fixo a primeira comuñón con 10 anos cun traxe prestado que lle quitaron nada máis rematar a misa.

Aos dez anos escapou do colexio porque a estaban preparando para quitarlle as anxinas, ela non quería operarse, e levaba 3 días sen comer.  Foi ao barco que facía a ruta Vigo-Cangas e meteuse debaixo dun banco, de alí pediu cartos para chegar ao Cerqueiro. 

Noutra ocasión recollendo roscas e bolos para levar vender de camiño a casa polo monte, un home atopouse con ela e dúas amigas decindo despois que tivera relacións con elas, (cousa que non era certo) foi sonado en todo o pobo e querían levala ao colexio das arrepentidas en Vigo.

Cando chegou á casa da avoa díxolle “se me levas ao colexio das arrepentidas tírome ao mar” . Así que ficou na casa axudándoa nas tarefas do campo cos animais. Tiñan becerra, burro, porcos, ovellas, galiñas e veigas para plantar o millo e tamén ía á escola da orde da Divina Infantita, as primeiras monxas que foron para Aldán. Alí tivo amigas que aínda conserva como Jesusa que vive en Barcelona, Olguita da Costa e Pili Santomé Vaqueiro. As monxas que lle daban clase foron a madre Paloma, que era tan boíña coma o pan e a madre Patrocinio que era mala como unha chispa. Lembra o uniforme con saia gris, camisa branca e chaqueta azul.

Fita nos anos 60
Fita nos anos 60(2)

Fita nos anos 60

Fita nos anos 60(3)

A súa nai traballaba na fábrica de Massó e coidaba dos outros fillos, ela continuou a estudar no Corazón de María ata os 14 anos, gustáballe moito o caderno de grao medio, tiña moitos debuxos e o mapa do mundo e era fácil que che quedaran as cousas.

“Escapaba pola ventá a bailar polas romarías

Fita a Galana

Con 18 anos veu servir a Pontevedra grazas á señora Josefa. Estivo dous anos, lembra que foi a única casa  na que sentaba a comer coa familia, logo foi a Vigo; en Marín traballou na casa de Paco Campelo, máis tarde entrou na fábrica de conservas de Chamadoira, en Aldán e despois en Massó con 25 anos.

Fita coñeceu un mozo cando estaba traballando nun bar, “O 3 de maio”, tiña 20 anos, el era Victor Manuel Pereira Hermelo, “O Portugués”, quedou en estado traballando na fábrica de Massó e a súa avoa, que era moi severa, botouna da casa.

Á costa de San Cibrán marchou soa o 24 de febreiro de 1965 cando pariu a súa primeira filla Concepción, “Conchi”, o portugués desentendeuse delas, só viña cando quería descargar , un día encheuna tanto que díxolle: “non quero que veñas máis”, ademais non quixo recoñecer a filla. Ela seguiu traballando na fábrica, tiñan servizo de gardería e foi sacando a filla adiante.

Un día un amigo presentoulle a Xerardo García Ares “Lucho” un home que nunca lle gustara porque cando pasaba por onde ela cuspíalle e iso non lle agradaba, pero xurdiu a chispa e casou con el cando Conchi tiña 2 anos e María Xosé, “Sé”, a filla que tivo con el,  9 meses, era o 21 de decembro de 1967. Lucho era mariñeiro e axudaba a manter o fogar, aínda que non aforraba nada e gastaba todo , a sogra tamén axudou moito, logo tiveron un varón que morreu ao nacer, ou iso lle dixeron, sospeitan que llo roubaron. Anos máis tarde decidiron ir por outro neno e tiveron a Xerardo, con Gloria non contaban, Lucho asustouse moito e díxolle: “Tírome ao mar” cando soubo  que estaba embarazada.

Fita e Lucho
Con Lucho o seu gran amor, que morreu no 1990 ós 52 anos recén cumpridos

Lucho morreu con 53 anos nunha operación de corazón que lle fixeron en San Sebastián, dous días antes celebrou o seu aniversaro coas sobriñas en Ondarroa, xa imaxinaba o seu final. Os cartos para a viaxe e a operación prestoullos unha veciña, Aurora, cando cobrou a indemnización e foi devolvelos ela non quixo cobralos.

Fita, lucho e os fillos
Lucho e Fita cos seus fillos Conchi,Gerardo,Gloria e Sé
Fita e seus fillos
Fita Conchi, Gloria, Gerardo e Sé.
Fita cos fillos en Aldán 1974
Fita en Aldán con Conchi, Se, Gerardo e Gloria no 1974

De viúva nunca a deixaron soa, a pequena Gloria tiña 17 anos. Seguiu traballando, esta vez varrendo o colexio da Sagrada Familia de Aldán, onde estudaron os fillos.

Non tiveron auga na casa ata pasados os anos 90 , facían kms para ir lavar no río cargando seca a roupa na ida e quilos demáis a volta. Levaba a merenda para os fillos, que de pequenos collían landras para o porco mentres ela lavaba. Horas eran as que pasaba, verán e inverno

Cando Sé lle dixo que ela quería dedicarse ao teatro, non lle gustou nada porque pensaba que  era un traballo de pasar fame, pero como era o que quería e a facía feliz, estivo contenta e agora aínda o está moito máis.

Fita nos anos 70 levando auga
Fita sempre coa tina na cachola
Fita limpando peixe
Limpando o peixe en peña rubia, Areacova na ria de Aldan, para o restaurante da familia onde traballou Fita moitos anos.

Ten dous netos da máis pequena: Antón de 14 anos, ao que lle apaixona o fútbol, e Sara de 17 que a quere con loucura, para eles son os mimos e a comida que lles gusta cando van cada martes  comer con ela, dálles todos os caprichos que non lles puido dar aos fillos.

Fita coa neta 2008
Fita coa neta Sara no 2008 
Fita co neto Antón
Fita co neto Antón 

A viaxe da súa vida ofreceulla a súa filla Sé. Ela sempre anhelara ir visitar unha monxa a Roma, a madre Sagrario.  Xa no avión pensaba que ía a Lleida e non paraba de preguntarlles ás azafatas onde a levaban, cando chegou a Roma non o cría, foi o regalo mais bonito que tivo na súa vida, iso e o bautizo dos netos. Logo iría de excursión a Portugal, Santander…

Gústalle coser, a súa avoa mandábaa cunhas señoras a aprender, aínda que a ela o que lle gustaba era atar as redes, pero iso  non llo deixaban facer.

Collía as fotos do Hola, onde miraba os modelos das famosas para facer as réplicas no sastre dea Espiñeira en Aldán. Os seus favoritos sempre foron os modelos da raíña Sofía.

Camiña, pero agora dóenlle as pernas e anda pouco, é moi preguiceira.

Sempre quixo ter unha casa propia con cuarto de baño e agora xa o ten.

O seu soño é sentar á mesa os catro afillados, os fillos e os netos;  pensa que é difícil, mais a palabra imposible  creo que non está no seu vocabulario.

Fita a Galana, unha muller de carácter, vital e optimista que lle gusta estar na Espiñeira. Non lle gusta moito a praia.  Grazas por compartir a túa historia con nós.

Gravación e edición de Iván Sánchez Santos

Fita con Conchi
Fita coa súa inseparable filla Conchi coa que vive
Fita na cociña
Fita na actualidade
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Coco Pimentel

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥