Este libro de R. Caride está composto por 13 relatos publicados entre 1991 e 2014, só un foi escrito para a edición que os reúne a todos (O reinado dos ceos).
Ao final da obra o propio autor explícanos o porqué do título e tamén a razón de que sexan 13 os relatos, conta detalles curiosos dalgúns deles e fala da súa dedicación, desde o principio da súa carreira literaria, a este xénero que os define: a ficción científica e/ ou relatos fantásticos, que é como prefire nomealos Caride:
“…non foi a miña intención suxeitarme a ningún xénero ou variante determinada: están cociñados ao meu xeito, fóra receitarios”
Aínda que na súa narrativa atopamos, como el mesmo di,“outras teimas” sobre todo outra, que os coñecedores da súa obra identificarán ben: a narrativa criminal p. ex. en Sarou/Louzós”(2012)

Pero cinguíndonos a este libro publicado por Urco Editora na súa colección Alcaian no 2014 diremos que é un libro que se le dunha tirada, deses que nos manteñen en suspenso, que desenvolven argumentos que nos fan remexer no asento, sobre todo porque o bo quefacer do autor ao poñer ao servizo dalgunhas das súas historias os seus amplos coñecementos de bioloxía (algo que é unha constante na súa narrativa) insire nelas datos técnicos e científicos que converte en base de situacións posíbeis pero desacougantes, proporcionándolles ao mesmo tempo uns visos de realidade que supoñen un atractivo extra para o lector. Aínda que non todos presentan os preocupantes resultados de certos adiantos da ciencia, si que en todos se nos introduce nun ambiente escuro e inquietante que arrastra ao individuo cara unha fin funesta e inelutábel.
Son relatos “escuros” como os califica o propio Caride, termo recollido xa no título no que se recorre a un xogo de palabras que procede da amálgama entre flash-back (referencia temporal á antigüidade de máis dunha década da maioría dos relatos respecto á data de publicación do conxunto) e black que claramente remite á súa escuridade, dando como resultado FLASH-BLACK.
Algúns están ambientados nun futuro non moi distante, pero futuro á fin e ao cabo, con novidades tecnolóxicas que non nos resultan demasiado irracionais ou absurdas porque xa no presente se están observando claros indicios destas orientacións da ciencia e da tecnoloxía, son historias como O reinado dos ceos na que coñecemos o perigosos que poden resultar certos microchips, ou Virtualidaderealidade con consolas simuladoras de estimulación nun mundo apocalíptico. Son relatos que semellan advertir sobre os riscos que determinados avances poden supoñer, afectando de forma, ás veces irreversible, á existencia humana tal e como a coñecemos. Mais tamén atopamos outro tipo de historias, algunhas ben poderían provir do material onírico p. ex. as que contan Camiño longo ou Descontinuidade ou mesmo As formas gastadas dos soños, relato no que a existencia rutineira convértese nun desencadeante fatídico, outras afrontan os propios pesadelos dos escritores ante a rebelión dos seus personaxes, ou a durísima Foto-Shok na que se nos amosa o terrible labor dos fotoxornalistas de guerra levado ao extremo, etc., etc.
En definitiva o lector vese inmerso nun mundo que incita á reflexión, si, son relatos fantásticos pero, como toda fantasía, ten unha conexión coa realidade e é esa conexión, iso que entra dentro do eido do posible aínda que improbable, o que nos desacouga porque, como tamén indica o autor nas súas explicacións finais:
“ o fantástico é sinxelamente unha forma alternativa da realidade que en determinados casos ou circunstancias se manifesta. Non é algo paralelo ao cotián, non algo por riba nin por debaixo, senón algo tanxente ou interconectado co real, como un fluído que enche os poros da realidade e enchoupa as partículas sólidas do comunmente admitido como real e verdadeiro”
Esta nosa recomendación de hoxe non vai destinada unicamente aos amantes da narrativa fantástica, aínda que seguramente será neles onde atopará os lectores máis entusiastas, vai destinada a calquera tipo de lector, aos amantes da boa literatura, porque de seguro que non se van sentir decepcionados se deciden internarse nas páxinas de cada unha das historias de Flash-black.
Boa lectura!
Charo Valcárcel (abril2022)

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades do 20 ao 26 de marzo 2023 por Ana
by Ana | Marzo 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 20 ao 26 de Febreiro 2023
by Ana | Febreiro 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 13 ao 19 de febreiro 2023
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Actividades | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luis Otero Echart por Ana Santos
by Ana | Decembro 4, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Mª del Carmen Fernández Iglesias por Ana Santos
by Ana | Novembro 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Loureiro Álvarez-Builla por Ana Santos
by Ana | Outubro 30, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Psicología Clínica por Jesús Gayoso
by Colaborador | Marzo 12, 2023 | Etnografía | 0 Comments
Raíña dos mares por Charo Valcárcel Mato
by Charo | Marzo 12, 2023 | Literarias | 0 Comments