por Charo Valcárcel

Flor de outono exultante,

atraente,

          sedutora,

 de agochadas primaveras

              que abrollan por cada poro,

xordas,

cegas

ante o tempo,

emisario de advertencias,

que  envía o vento  do norte

e azouta

os seus pés descalzos,

     deixando     xélidas chagas,

lembranzas de desvaríos,

 de delirios,

             de loucuras,

efémeras como a brisa

que a agarima

         traizoeira

para esquecela despois

na máis senlleira soidade,

arrincando

            implacábel,

coas feridas     aínda abertas,

os gromos de primavera.

E sen pudor exhibila

núa,

espida,

ensumida

baixo os pétalos caídos,

luída

pola chuvia dos trebóns

crueis ante a súa indixencia

sen dó

das follas roubadas.

               Charo Valcárcel (abril 2021)

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Microcápsula

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥