O martes día 6 deste mes de abril, que entra xa no seu tramo final, faleceu Arcadi Oliveres, catalán, un gran pacifista, un gran loitador nos movementos sociais, un gran axitador de conciencias, un home eminentemente entregado ao cambio do sistema capitalista polo sistema humanista, un animador entusiasta do sistema produtivo do cooperativismo, un loitador polos dereitos sociais, humanos, o partidario da igualdade entre todos os seres da terra, o da supresión das fronteiras, o da supresión do armamento militar, que supón un gran negocio a conta das mortes que ocasiona o uso do mesmo e unha impresionante fonte de ingresos para as elites financeiras, o da loita contra a fame grande existente neste mundo, o loitador pola desigualdade entre o Norte e o Sur.

Por iso consideraba a implicación da cidadanía nos movementos sociais como o verdadeiro acicate para que a política se vexa motivada  a exercer o verdadeiro papel que debe ter, no que o seu cometido sexa facer posible unha sociedade xusta, humana, unha sociedade de valores humanos, culturais…

Biografía:

       Arcadi Oliveres naceu en Barcelona en 1945. É nos anos 1962 e 1963 cando nace o Sindicat Democràtic d´Estudiants de la UB, do que formou parte, xa que foi un dos fundadores do mesmo. No ano 1968 licénciase en Ciencias Económicas na Universitat de Barcelona; é nese mesmo ano cando ten a primeira refrega coa policía franquista, sendo procesado polo Tribunal de Orde Pública (TOP) e xulgado por reunión clandestina.

Era Arcadi Oliveres un cristián progresista formando parte da Pax Christi e de Xustiza e Paz, plataformas defensoras dos dereitos humanos, sendo presisente da segunda entre 2001 e 2014. Durante a súa estadía nestas citadas plataformas realizouse a primeira campaña contra a pena de morte en España, na que el participou de forma activa. Quería evitarse a execución de Salvador Puig i Antich. Pero, malia interceder ante o Vaticano para que non se producise a execución, Franco ordenou o fusilamento.

Un bo coñecedor da súa biografía, Sergi Picazo, e do seu activimo relata na revista Critic+, os seus datos biográficos e as súas ocupacións activistas:

                        Arcadi fue uno de los motivos del despertar de la conciencia social de varias generaciones de catalanes. Profesor de Economía en la Universitat Autònoma de Barcelona, durante el tardofranquismo formó parte de ‘Pax Christi‘, de la ‘Assemblea de Catalunya‘ y de la ‘Marxa per la Llibertat‘ y, posteriormente, fue presidente de ‘Justicia i Pau‘ y de la ‘Federació Catalana de ONG per la Pau‘. Miembro destacado de ‘Cristians pel Socialisme‘, de ATTAC o de la plataforma ‘Finançament Ètic i Solidari (FETS)’. Era un militante histórico del movimiento pacifista catalán y de las luchas para reclamar el 0,7% destinado a cooperación con el Sur. De izquierdas y soberanista.”

 Arcadi Olivares tivo unha dedicación absoluta ao activismo pacífico non violento, con moitas similitudes co pacifismo de Gandhi. Participou en coñecidas campañas como a de implementar o 0,7% do PIB ao desenvolvemento, a campaña de apoio á obxección fiscal ao gasto militar, a campaña contra a Lei reguladora da obxección de conciencia e o apoio á insubmisión.

Era moi contrario, dunha forma contundente, ao capitalismo. Sempre este enfrontamento era posto en escena nas numerosísimas conferencias impartidas en España e a nivel internacional, recalcando con “teimosía pedagóxica” a explotación por parte dos países do Norte dos  recursos dos países do Sur. Escribiu ao respecto: Norte-sur, diagnóstico y perspectivas, Fundació Bofill, 1989; e outro libro sobre a obscenidade do capitalismo: ¿Quién debe a quién? Deuda ecológica y deuda externa, Icaria Editorial.

Participou na gran campaña da cancelación da débeda externa e a promoción da banca ética en Catalunya.

 Unha frase moi repetida por el con respecto ao capitalismo era: “É evidente que o sistema capitalista non se pode aguantar. É un sistema criminal e asasino que temos que destruír”

Chega o ano 2011 e estoupa o 15M e Arcadi Olivares únese a el aínda que a súa participación foi menor do que a el lle gustaría, xa que neses días estaba internado o seu fillo Marcel a causa dunha enfermidade irrecuperable, morrendo nese mesmo ano. Aínda así alternaba as visitas a seu fillo e as súas participacións no 15M na Praza de Cataluña, dando charlas e lendo manifestos ao comezo das marchas que se fixeron ao respecto.

 Unda das cousas que máis o preocupaba era que o 15M tiña que tecer unha alianza cos outros movementos sociais, como por exemplo cos membros do Foro Social Mundial, para que a revolución non ficara só nas prazas do Estado. A finalidade do 15M era, para Arcadi Olivares, non entrar nas institucións senón que a partir das demandas dos movementos as institucións tiveran outra visión política.

Era partidario da independencia desde o pacifismo. Mantiña con contundencia que había que explicar que tipo de país querían para que non pasase o que pasou. Defendía unha república sen exército, sen banca privada, ecoloxista, con sistema cooperativo, aberto á emigración e sen fronteiras. Unha Cataluña republicana baseada soamente no tema económico non tiña ningún sentido.

 Velaí un extracto do seu pensamento na revista dixital catalá Critic+, nunha reportaxe escrita por Sergi Picazo e que leva por título:

         “Por que é importante que saibas quen era Arcadi Oliveris”:

          “ Tiven a sorte de ter un profesor nos Escolapios como Lluís María Xirinacs, lembraba a miúdo Arcadi, e isto axudouno a introducirse no mundo do pacifismo, a loita non violenta e as ensinanzas de Gandhi. 

“A idea que tiñamos era loitar para eliminar a débeda externa, a pobreza no mundo ou o problema da fame”  

Fotografía Ajuntament de Barcelona

     “Pero esas campañas servíronnos para falar do colonialismo, do comercio inxusto, do poder das multinacionais, da inmigración, da débeda… Así puidemos poñer encima da mesa temas que hoxe en día están plenamente vixentes”

            “As utopías non deben confundirse nunca coas quimeras porque non son imposibles. Se ás veces non son factibles é porque hai carencia de vontade posíbel, non porque non haxa recursos suficientes. Eliminar a fame do mundo non é unha utopía. Hai estudos que demostran que é posíbel. O problema é que os gobernos non queren”

“A pandemia da Covid -19 é un aviso do planeta para que cambiemos o noso modelo económico: temos que vivir mellor con menos”

                 “Hai 25 anos reclamabamos o 0,7% e ninguén sabía que era, e agora puxemos este tema sobre a mesa de moitos gobernos. A obxección de conciencia foi unha das grandes loitas de “Justícia i Pau”, e agora o servizo militar non é obrigatorio. Denunciamos moitísimas violacións dos dereitos humanos en todo o mundo, e hai pouco dixéronnos que polas nosas presións liberaran un preso en México. Son pequenos pasos, quizais non cambian radicalmente o mundo, pero axudan a melloralo”.

 “Sobre a inmigración falta información. Explicar que pasou no transcurso da historia da humanidade, que representa e os beneficios económicos e culturais que conleva. A cultura catalá forxouse grazas á chegada doutras culturas. Cando dicimos que somos cataláns , tamén teriamos que dicir que somos un pouco íberos, fenicios, cartaxineses, gregos, romanos, xudeus, do mundo islámico, andaluces, ecuatorianos ou marroquís”     

Fotografía Pedro Mata  Fotomovimiento

Sinala Sergi Picazo que: “o seu último libro:  Paraules d’Arcadi (Angle Editorial, 2021), escrito coa complicidade de Mar Valldeoriola, resume ben conceptos que  acompañaron o seu compromiso ao longo dunha vida: capitalismo, pacifismo, refuxiados, guerra, democracia, diñeiro, decrecemento ou cambio climático. Semellarían, case todas, causas perdidas. E, cando menos, durante a súa vida terá convencido a moita xente de que outro mundo é posible”.

A forza poderosa de personaxes como Arcadi Oliveres é a que move montañas, pura coherencia consigo mesmo en dirección a esa utopía de lograr un mundo mellor. Fáltanos iniciativa, auténtica vontade de dar ese paso, ao mesmo tempo que as tenazas do capitalismo nos deixan pouca liberdade de movemento, ou é que non temos coraxe?

Ata aquí unhas pinceladas sobre este gran personaxe que se nos foi e que, agás en boa parte de Cataluña, tería que ser máis coñecido el e a súa obra. Oxalá estas pinceladas colaboren no incremento  dese interese!

  Animo a que vexan o filme da súa obra no primeiro enlace da súa webgrafía, titulado: Mai és tan fosc (Nunca é tan escuro) 

Fotografía IVAN GIMÉNEZ

José Cerdeira Soto

José Cerdeira Soto

Topógrafo

Estou xubilado desde o ano 2004 e vivo en Pontevedra desde 1982.

Nacín en Soutelo de Montes, no Concello de Forcarei, no ano 1946 e xa no 63 entrei na empresa na que transcorrería toda a miña vida laboral Dragados y Construcciones, onde me formei como topógrafo, profesión que exercín ata a miña xubilación.

Pasar a formar parte das “clases pasivas” non se converteu nunha situación traumática para min, ao contrario, enchín as miñas horas de lecer de múltiples actividades para as que, cando traballaba, non tiña tanto tempo: a lectura, a implicación en diversas iniciativas culturais, sociais e políticas;a participación no voluntariado da Cruz Vermella, ir á universidade de maiores, ser moi activo nas redes sociais, etc.

A miña intención é seguir facendo cousas e aprendendo outras, deica o último suspiro.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥