por Amancio Castro – 2009
Foto realizada en 2009 e publicada na revista científica MYCOTAXON en 2011, cando quedou rexistrada no índice de Mycobank (coa referencia MB 519728) como unha nova especie para a ciencia a nivel mundial e autorizándolle a Jaime a nomear a especie. Escolleu salvaterrensis polo nome da localidade onde apareceu o exemplar (Salvaterra de Miño).
Esta Asterophora vive a expensas doutra seta, neste caso dunha Russula nigricans Fr. (masa negra da foto, xa en descomposición).
O tamaño do espécime é minúsculo aproximadamente ½ milímetro de diámetro e 1,5 mm de altura (menos de medio gran de arroz).
Para afoutala utilicei un obxectivo macro especial: Canon o MP 65 mm 1-5 X.
O problema de enfoque con este obxectivo é a profundidade de campo de a penas décimas de mm, agravado neste caso polo movemento causado polos minúsculos vermes que estaban tratando de “merendar” a seta que quería afoutar e quitábanma de foco.
Unha vez rematado o proceso fotográfico, o exemplar recolleuse, secouse e quedou depositado na Micoteca de Lourizán.
Amancio Castro
Amancio Castro
Fotógrafo
Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥