Día internacional da Muller

Peque González Nóvoa e Sara Valenzuela Viz

En De vella a bella queremos sumarnos á celebración do  Día internacional da Muller.

Sabías que inicialmente o Día da Muller non se celebraba o 8 de marzo? Este día celebrouse por primeira vez o 19 de marzo de 1911 en catro  países, Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza. Foi en 1975 cando a ONU  declarou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller e, desde entón, conmemórase nesa data  en todo o mundo.

A orixe non é moi clara e hai varias versións. O máis plausible é que foi o 8 de  marzo de 1857 cando un grupo de traballadoras téxtiles decidiron saír ás rúas  de Nova York para protestar polas miserables condicións nas que traballaban.  Sería unha das primeiras manifestacións para loitar polos dereitos laborais das  mulleres. Dende esa data producíronse diferentes movementos e  acontecementos.

Hai máis dun século, o 25 de marzo de 1911, 140 traballadoras do téxtil  morreron nunha fábrica de Nova York. Ese día marcou un momento tráxico na  loita pola reivindicación e mellora dos dereitos laborais, un evento que  desgraciadamente rematou nun incendio que lles custou a vida.

Clara Zetkin

En 1907 tivo lugar en Stuttgart (Alemaña) a primeira Conferencia Internacional  de Mulleres Socialistas dirixida por Clara Zetkin, onde se fundou a Internacional  Socialista de Mulleres. Un dos primeiros obxectivos que perseguían foi o  sufraxio feminino. En 1910, na II Conferencia Internacional de Mulleres  Socialistas celebrada en Copenhague (Dinamarca) coa asistencia de máis de  100 mulleres de 17 países, decidiuse proclamar o Día Internacional das  Mulleres Traballadoras. Detrás desta iniciativa estaban defensoras dos dereitos  das mulleres como Clara Zetkin e Rosa Luxemburgo. Non fixaron unha data  específica, pero si o mes: marzo.

EN QUE CONTEXTO HISTÓRICO, ECONÓMICO E SOCIAL AS MULLERES  ACADARON O SEU DEREITO A VOTAR?

A incorporación masiva das mulleres ao traballo, primeiro despois da  Revolución Industrial no século XIX e máis tarde durante a Primeira Guerra  Mundial (1914-1918), orixinou unha serie de cambios, tanto sociais como  económicos, que contribuíron ao ascenso do feminismo cunha demanda  crecente do papel das mulleres en igualdade de condicións que os homes. A  principios do século XX, por exemplo, o 70% das mulleres británicas solteiras  de entre 20 e 45 anos traballaban remuneradas. Así mesmo, o número de  mulleres solteiras maiores de 45 anos viña aumentando desde mediados do  século anterior, especialmente entre a clase media. A crecente conciencia do  seu valor social fomentaba as demandas das mulleres polo seu dereito ao voto.  O movemento sufraxista xorde, entón, nos países capitalistas, con fortes clases  medias e principios democráticos. Os Imperios Centrais (austrohúngaro,  alemán, turco) tiveron que esperar á súa derrota na Primeira Guerra Mundial e  en Rusia, para a Revolución Comunista. En xeral, en Europa, o movemento  sufraxista foi moito antes e moito máis forte nos países protestantes (Reino  Unido, Escandinavia) que nos católicos (España, Portugal, Italia). 

As mulleres fomos discriminadas en todos os tempos e países. Dereitos que  podemos gozar hoxe no pasado estabánnos prohibidos polo mero feito de ser  mulleres. Os que hoxe parecen dereitos totalmente asumidos, no pasado eran  conceptos radicais. A loita feminista continúa na actualidade, xa que a igualdade de  dereitos entre sexos está lonxe de acadarse. 

Desde 1893, cando Nova Zelandia outorga o dereito a voto ás mulleres  maiores de 21 anos, ata o ano 2015, no que as mulleres sauditas poden por  primeira vez participar e optar ás eleccións, distintas vitorias foron marcando  camiño nos distintos países. En España, o 9 de decembro de 1931 as Cortes  aproban a nova Constitución da República que recoñece o dereito ao voto das  mulleres. As deputadas Clara Campoamor, Victoria Kent e Margarita Nelken  xogan un papel destacado nos debates sobre esta cuestión; paradoxalmente,  as mulleres poderían ser elixidas, aínda que non puidesen votar. As mulleres  españolas non exercerán este dereito ata o 19 de novembro de 1933, cando se  celebran as seguintes eleccións xerais. Despois das de 1936, en  España non se puido exercer o dereito a voto ata 1977, ao remate do réxime  franquista.

O MOVEMENTO FEMINISTA HOXE 

Actualmente, a igualdade de xénero é unha das cuestións que máis preocupa á  sociedade europea e mundial polo enorme camiño que queda por percorrer para  lograr a igualdade plena e real entre homes e mulleres. Nalgunhas áreas, como  a laboral, esta desigualdade é máis destacada. Segundo un desalentador  informe presentado polo Foro Económico Mundial, con este ritmo teremos que  agardar ata o ano 2120 para superar a fenda salarial de xénero. En España, a  diferencia salarial entre homes e mulleres sitúase, segundo os últimos informes,  entre o 12 e o 14%. Mentres seguen a suceder elementos tan graves e  discriminatorios contra as mulleres como a mutilación xenital feminina, os  matrimonios infantís, a feminización da pobreza, a trata… 

Manifestación en Pontevedra 

Desde a declaración do estado de emerxencia pola pandemia do COVID 19,  milleiros de mulleres abandonaron o mercado laboral para ocuparse dos  coidados; a violencia machista non cesou, incluso se incrementou pola  dificultade das mulleres de abandonar o fogar e acceder aos recursos  existentes. Segundo datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de  Xénero, as consultas telefónicas ao 061 incrementáronse nun 48% con  respecto ao ano anterior no mes de marzo do 2020, e nun 733,3% no caso das  consultas online no mesmo período.

Durante o confinamento e no momento actual, o chamado teletraballo pasou a  ser unha realidade que afectou tanto a homes como a mulleres. As cifras de  diferentes estudos da situación da muller no ámbito privado, como un informe  elaborado no ano 2020 polo Instituto da Muller, constantan o que é sabido, as  mulleres asumen a maior parte do traballo doméstico e o 70% das tarefas de  coidados. Co peche dos centros educativos e dos centros de día que atenden  aos maiores, durante varios meses do ano pasado incrementouse para as  mulleres a desigualdade e a dificultade xa habitual en conciliación e  corresponsabilidade.

O feminismo reivindica, e ese foi o lema das convocatorias do ano 2020, a  importancia do coidado como un elemento básico dunha sociedade máis xusta  e democrática e apúntase a necesidade, como quedou patente na situación de  emerxencia que vivimos, de que a organización dos coidados ocupe un lugar privilexiado no debate e na acción política, así como a de asumir a  súa responsabilidade de xeito colectivo.

Actualmente, unha parte maioritaria do coidado, pola ausencia de políticas  nesta liña, segue a recaer no esforzo silencioso e invisible das familias,  fundamentalmente das mulleres, que fan malabares diarios para coidar dos  seus, pequenos e maiores.

O feminismo reivindica a democratización dos coidados, tanto no ámbito das  persoas que os proporcionan como no das persoas que os reciben.

Ao longo da historia foron moitas as mulleres que loitaron, con acción e  palabra, por crear unha sociedade con igualdade entre os diferentes xéneros.  Desde Clara Campoamor, promotora do sufraxio feminino,:

É imposible  imaxinar a unha muller dos tempos modernos que non aspira á liberdade

Frida Khalo, Simone de Beauvoir ou Gloria Steinem, ata Chimamanda Ngozi  Adichie:

“Se vas quererme só seguindo as túas regras, garda o teu amor para  ti mesmo”.

Clara Campoamor

Simone de Beauvoir

Gloria Steinem

Moitas mulleres con voz pública e moitas mulleres anónimas foron  quen de situar o movemento feminista nun primeiro plano. Un movemento  feminista moi presente na vida cotiá e política dos últimos tempos, configurado  a partir dun dobre proceso: o individual, polo que de distintas maneiras cada muller é consciente de aspectos particulares que percibe como inxustiza  ou discriminación; e o colectivo, que xenera a identificación dunhas coas  outras e a vontade de actuaren colectivamente contra o sistema patriarcal.

Esta dobre vertente outórgalle singulariedade e forza ao feminismo que non  pretende, nin debe, ser dogmático, parcial ou pechado. A capacidade de  manter o seu espírito crítico e plural permitirá a este movemento apartidista,  transversal e diverso, continuar presente como motor de cambio social,  económico, cultural e politico.

Próxima a celebración do Día internacional da Muller neste marzo de 2021, hai  voces desde as institucións que cominan as mulleres a non manifestarse na  rúa, despois de que nos últimos meses viramos sucederse algunhas  mobilizacións de diversas índoles que non foron cuestionadas. Un  movemento, que ten demostrado a capacidade de coidar e coidarnos, vai estar á altura de seguir coidándonos e non precisa de tutelas para permitir que  expresemos publicamente, de diferentes formas acordes coa situación actual, a  reivindicación común dunha sociedade igualitaria.

Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Encarna Otero Cepeda

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥