"A depresión escondida"

Jesús Gayoso

Comecemos con algúns datos da enquisa do CIS que terían que preocupar e poñer mans á obra a máis dun responsable político, sanitario e social. Na citada enquisa do CIS sobre a saúde mental durante a pandemia, que se realizou a 3.083 persoas maiores de 18 anos en 1080 municipios de 50 provincias do reino de España entre o 19 e o 25 de febreiro pasado, atopamos que o 15,8% tivo algunha vez un ou máis ataques de ansiedade ou pánico, máis do 40% tivo problemas de sono e un 23,4%  tivo moito ou bastante medo a morrer por Covid 19.

Máis da metade dos enquisados sentiuse moi triste ou deprimido moitas, bastantes ou algunhas veces, o 56,3% sentíronse agobiados ou estresados moitas, bastantes ou algunhas veces, un de cada dous dicía sentirse con poucas enerxías, un 41,9% con problemas de sono… A saúde mental entre a poboación máis humilde, como é ben coñecido, é máis fráxil: a clase media baixa e a xente que se considera clase traballadora padecen máis trastornos mentais que os que se identifican coa clase alta.

Non fai falla tampouco insistir en que a maioría dos enquisados tiveron medo ou preocupación por perder o seu traballo ou parte do mesmo. E engadiría, aínda que non o preguntase o  CIS, temor por un futuro laboral incerto ou con escasas perspectivas.

É evidente, pois, que as persoas en peor situación económica: inestabilidade laboral, precariedade económica, insuficiencias de ingresos, que viven en malas vivendas e padecen estrés laboral, etc. viviron con máis incertidume e angustia a crise derivada da Covid 19. Preocupacións que hai que sumar ás derivadas do medo ao contaxio propio ou de familiares, de escoitar todos os días as mortes nas noticias, a ansiedade producida pola soedade ou a falta de interacción social. Dicir que a saúde mental se deteriorou considerablemente no 2020 non é ningunha novidade pero si unha  terrible realidade. Se entraramos a explorar os grupos de poboación habería que deterse nalgúns, especialmente pola súa especial magnitude e gravidade. Serian estes tres: mulleres, mocidade e a xente que traballa na sanidade.

Detereime a considerar en particular os trastornos e incidencias no estado de ánimo derivado da pandemia que xunto cos provocados pola ansiedade son os máis frecuentes nesta situación. Se preguntamos a Google sobre que é a depresión diríanos que é unha enfermidade ou trastorno mental caracterizado por unha profunda tristeza, decaemento anímico, baixa autoestima, perda de interese por todo, é dicir, desvitalización e diminución das funcións psíquicas.

Na nosa vida diaria, cando vemos alguén que semella feliz, esperamos que tamén se sinta así. Non pensamos niso particularmente, é un reflexo. Miramos casualmente unha cara sorrinte e tranquilízanos porque todo parece estar ben. Precísase un esforzo consciente para lembrarnos un feito que os psicoterapeutas coñecen moi ben a nivel intelectual, pero talvez deberían recoñecer máis: unha conduta alegre pode ser profundamente enganosa.

O concepto do depresivo “feliz” é frecuente na arte e na vida, un exemplo encarnouno o actor Robin Williams. Parece estraño pensar que as persoas poden estar moi deprimidas, con todos os síntomas debilitantes que iso conleva, pero logran ocultalo, ás veces incluso á familia. A súa depresión é tan real ou tan válida porque logran ir traballar, sorrir, mesmo facer bromas? Creo que é. Pode chegar un punto no que incluso o feliz depresivo crebarase, incapaz de manter esa fachada por máis tempo. Pero iso significa que sofren menos ao sorrir? Non, de feito a tensión de manter as aparencias, o peso dun sentido de responsabilidade fóra de lugar cara aos demais, pode ser un dos aspectos máis onerosos da mala saúde mental. A perda do sorriso pode mesmo ser un alivio.

Todo isto é relevante para psicólogos e psiquiatras, porque dedican moito tempo a avaliar o risco de suicidio. A avaliación de riscos non é unha ciencia exacta e é posible que teñan que ser demasiado cautelosos con moitos para salvar a un. Ás veces, malia os mellores esforzos do profesional, trabúcase e unha mellora do estado de ánimo transitorio do paciente (“canto do cisne”) enganoso facilita ao afectado forzas para o seu suicidio. Unha boa presentación non significa necesariamente que todo estea ben.

As precaucións que se adoptan tamén se aplican ao longo do proceso de recuperación tras medicación e tratamento psicolóxico. Isto é cuestión dos terapeutas pero tamén da familia e ata do propio afectado. Para este pode haber un momento de depresión no que as cousas comezan a sentirse mellor, cando hai un pequeno fragmento dun pensamento que di: podería mellorar de novo. Para min, este é un dos momentos máis difíciles. É posible que comece como un depresivo sorrinte e caia na depresión clásica, pero… que facer? O consello é a miúdo abrazar a maior normalidade posible, facer exercicio, tratar de ver xente, facer cousas que produzan desfrute.

O problema é que non se poden facer estas cousas cunha mirada deprimida; non logrará facelas e non axudarán. Entón, se alguén é o suficientemente parvo como para dicirse a si mesmo que se ve ben, e isto mestúrase cos seus pensamentos aínda lentos, pódese afundir na autodenigración. Sentirá a presión de regresar prematuramente ao traballo e á súa vida normal. Non saberá cal é a mellor maneira de resolver isto; desafortunadamente o seu rostro non sempre mostrará os seus sentimentos internos e, a miúdo, estará máis pesado neste punto debido á medicación. E o aumento de peso, que parece “san e vigoroso”, é outra condición que se pode confundir coa alegría.

Así que hai que ter coidado coa falsa tranquilidade do sorriso. A aparencia é unha ferramenta de diagnóstico menos útil do que nos fixeron crer. No momento en que a mala saúde mental sexa aparentemente obvia, probablemente sexa moi mala. A lección para os psicoterapeutas e para todos nós? Escoitar a xente, escoitar o que din. Poida que estean dicindo algo que o seu rostro non pode expresar.

Por iso, tanto como a psicofarmacoloxía, é importante ter unha rede de persoas achegadas que nos axuden a combater estes síntomas que empezan a entrar no terreo afectivo, e nos cales está a clave para saír da depresión. Os amigos son peza clave para superala, sobre todo por un aspecto bastante importante: coñécennos moi ben. Durante o proceso de depresión adoitan producirse distorsións sobre a maneira de percibirnos a nós mesmos e ao mundo que nos rodea. O mundo é algo demasiado hostil como para enfrontarnos a el.  Os amigos son aquelas persoas que nos recordan quen somos. Recibir o agarimo de alguén que te quere tal e como es reforza a confianza en nós mesmos. Lémbranche que a depresión que sofres é un estado que pasará e, o máis importante, que eles vante axudar a superar ese transo.

Tamén é importante ter amigos que axuden a evitar o illamento social. A falta de enerxía fai que o afectado pase moito tempo na cama, ou ben, os pensamentos repetitivos non lle permitirán gozar de nada. Os amigos son bos actores para sacalo dese bucle. Algo que rompa a mecánica cíclica da depresión sempre é moi recomendable. Isto axudará a administrar a súa enerxía para ir recuperándoa.

En ocasións a parte afectiva necesaria para superar a depresión non é ben recibida cando provén dos nosos familiares. Ben porque xusto sexa a causa emocional do noso trastorno ou porque coñecen pouco a nosa dinámica vital. Neste caso, o papel dos amigos cobra máis importancia porque os seus coidados poden chegar a convertelos en acompañantes terapéuticos do proceso depresivo.

O bo de contar cos amigos é que tamén contan coa suficiente distancia emocional como para promover condutas positivas que nos axuden a superar a depresión sen verse especialmente afectados por toda a carga que pode implicar. A amizade adoita asociarse co lúdico e co lecer. De feito cando queremos desconectar, acostumamos a facelo cos nosos amigos.

Esa capacidade de desconexión faise fundamental na depresión para poder enfrontala desde unha perspectiva que non se vexa influída pola tristeza constante. A posibilidade de poder gozar do cotián axuda a conectar con un mesmo e dimensionar a situación que vivimos de maneira correcta. Por todo isto, os amigos son as persoas perfectas para axudar a superar unha depresión.

Jesús Gayoso Álvarez

Jesús Gayoso Álvarez

Psicólogo

Jesús Gayoso naceu en Barcelona en 1943, pero vive en Galiza desde 1979. Estudou Enxeñería Industrial, Dereito e finalmente Psicoloxía na UNED de Pontevedra.

Traballou na Administración de Industria durante corenta anos, primeiro no goberno estatal e despois na Xunta de Galicia como enxeñeiro e máis tarde como Delegado de Industria en Burgos e Pontevedra.Tamén mantivo un gabinete de Psicoloxía Clinica durante algún tempo nesta cidade.

Ao xubilarse  seguiu cultivando a súa paixón polo coñecemento, con especial inclinación cara á filosofía e poesía. Ademais participa como voluntario na Cruz Vermella i e moi aficionado a viaxar i ao senderismo.

Maradona

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥