por Charo Valcárcel

excursión

Botou unha rápida ollada ao autobús. Alí estaban todos, agora rendidos trala longa xornada de visitas culturais pola cidade.

Algúns durmían pracidamente coa cabeza apoidada no ombreiro do compañeiro de asento que os sufría con resignación, cando non estaba tamén durmindo; outros permanecían en silencio e, aínda que o sono non os vencera, apenas tiñan forzas para falar.

Vistos así, mergullados naquela ansiada atmosfera de acougo, case pareían anxos, coma se a inocencia oculta baixo grosas capas dunha aparencia finxida e ás veces imposta agromase de súpeto para facernos amolecer.

Resultaba difícil de crer que só uns intres antes estivese posuída por un desexo irrefreable de matalos a todos. A profesora homicida, ou… asasina? Sería portada de todos os xornais, mesmo dos internacionais.

 “Unha profesora, que sempre mantivera un comportamento exemplar cos  seus alumnos ( mesmo as escasas ocasións nas que a situación provocaba un “ Iván plántateme fóra de clase inmediatamente e non batas a porta ao saír que vas directiño a xefatura!!!!” ou “ María seica hoxe almorzaches lingua pola mañá?, pois vaina trousar ao baño e cando te sintas mellor volves entrar”) que nin de lonxe facía presaxiar o ocorrido, sofre , o que segundo os expertos consultados, semella un brote psicótico e intenta matalos a todos cando regresaban dunha viaxe cultural de fin de curso provocando un grave accidente de circulación e bla, bla, bla…

Pero agora estaba conmovida. Só eran uns nenos, uns nenos que tiñan présa por vivir. Como non comprendelos! Anos atrás, apenas un suspiro, ela tamén era así.

Quizais ela tamén baixo capas de imposta madurez e ficticia seriedade conservaba aínda as ansias antigas da mocidade e os soños inocentes da nenez.

E esquecendo o seu arrebato homicida volveu miralos con tenrura.

  • Profe!!!! Dani cuspiume nun ollo!!
  • Ai! Que riquiños!

Charo Valcárcel

Ilustración de Isidro Cortizo

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

O temido inimigo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥