Eliminemos os plásticos

-Aaaaahh isto está cheo de porcallada! Pero onde está o servizo de limpeza do concello? Isto está cheo de lixo, é noxento! E que cheiro!

Quen non ten escoitado e aínda mesmo pronunciado estas palabras cando despois dun temporal ou dun día de mar de fondo, a praia aparece cuberta dun  manto de algas arrincadas que forman unha masa ás veces de grandes dimensións. Esta materia orgánica fermenta e produce un cheiro característico. Pero habería que dicirlle a esta persoa:

-Non, amigo, non se trata de lixo, son arribazóns e teñen un importante papel no ecosistema litoral, son vitais para milleiros de organismos dende os “micro” ata as aves polo que non se deben retirar. O lixo é outra cousa, pode estar no medio destes restos ou directamente na area, son materiais sintéticos de lenta degradación coma latas, cabichas ou, sobre todo, plásticos.

Arribazóns na praia de Lourido en Pontevedra

Restos plásticos no medio das arribazóns

Pero, a pesar da alarma que produce na xente algo tan natural coma a arribazón, case nos imos acostumando a atoparnos nas praias o verdadeiro lixo, parece algo case normal atoparse plásticos e cabichas, é cousa destes tempos, que lle imos facer? E si se pode facer algo, se nos fixamos, cando estamos na praia, case ninguén se agocha para recoller unha bolsa abandonada, un cacho de rede plástica, vemos que aínda hai xente que apaga o cigarro na area e deixa a cabicha enterrada. A nós mesmos non nos resulta agradábel recoller este lixo, probablemente ficara gravado na nosa mente aquilo que nos repetían os maiores cando eramos nenos “non collas nada do chan!”

En realidade nós podemos ser decisivos na eliminación dos plásticos da natureza evitando así non só a imaxe noxenta e desagradable da praia -ou de calquera entorno natural- contaminada, senón tamén os danos que os plásticos producen ao ser inxeridos por animais ou ao ficar estes enredados neles. Os plásticos, por acción da radiación ultravioleta do sol van sufrindo transformacións químicas que producen substancias tóxicas e vanse fragmentando ata formar microplásticos que en grande cantidade, por inxestión, se incorporan ás cadeas tróficas nos ecosistemas acuáticos.

A primeira acción que podemos desenvolver e tal vez a máis importante é a de procurar reducir a eliminación destes residuos e animar os demais a facelo, tendo en conta que o 80% dos refugallos que hai no mar proceden da terra, é moito o que podemos conseguir rexeitando o sobreenvasado e procurando evitar o consumo de produtos que conteñan plásticos non reutilizables que teñen que terminar no lixo, aínda que non é fácil, é posible reducir o uso destes materiais case a cero.

Pero aínda que a redución é o piar esencial da eliminación de plásticos, por moitos anos imos seguir atopándonos na natureza infinidade de obxectos e fragmentos deste material. E aquí podemos facer unha tarefa importante: recollelos e levalos a un punto de eliminación.

Plásticos recollidos “un día de praia”

Fóra plásticos da praia. Retíraos

Podemos aproveitar días libres ou fins de semana para achegarnos á natureza, gozar dela e levar a cabo algo que lle proporcionará un grande beneficio. Calquera día é bo, aínda que tendo en conta que no verán moitas praias están cheas de xente, nesta época é mellor facer a nosa recollida a primeira hora da mañá ou á última da tarde. Interesa levar sempre unha bolsa ou saco para a recolleita, existen sacos específicos para estas tarefas, pero calquera recipiente reutilizábel basta. Só debemos ter en conta algunhas medidas lóxicas como procurar non levar area adherida, eliminar só restos inertes, podendo incluír tamén metais, xa que tamén se depositan no colector do lixo amarelo, sempre que todo o recollido sexa reciclábel e non vale deixalo  acumulado nunha morea ao lado da praia dende onde poidan volver a dispersarse.

Tamén podemos participar en campañas desenvoltas por grupos ecoloxistas nas que é frecuente a coordinación a nivel estatal ou internacional como é o caso de Libera, organizada pola Sociedade Española de Ornitoloxía, tamén podemos participar coa Asociación Española de Basuras Marinas AEBAM.

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Imos ver paxaros

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥