MANUEL  1950

Apenas podía avanzar arrastrando os pés e alombando o corpo co peso da maleta. Tan só meterá algo de roupa, co traxe dos domingos, e comida para que non pasase fame, cousas da madriña, ademais das dúas restras de chourizos para darllos ao  seu tío, que o estaría agardando no peirao. Os poucos cartos que levaba  escondérallos ben nunha faltriqueira que ía cosida pola parte interior do forro da maleta e, aínda que todo isto non pesaba moito, abondaba para un corpo tan fráxil tan miúdo tan mal alimentado e tan necesitado do soño das Américas.

 Era só un rapaz que non cumprira os vinte anos e nunca saíra da súa pequena aldea da Galicia máis pobre. Fora duro conseguir os cartos para o barco, chegar a Vigo e resistir os días eternos que durou a viaxe sen lograr que lle parase a comida no estómago.

Pero agora estaba alí percorrendo as longas avenidas bonaerenses que se lle antollaban cóbregas xigantes que o tragaban e o convertían nunha minúscula partícula de po no medio daquela caterva nunca vista. Era un mundo tan diferente a aquel do que procedía! O irmán de seu pai non aparecera e el só tiña un papel engurrado na man cunha dirección descoñecida, mais non importaba porque agora estaba alí, na terra da que todos falaban, na terra  na que podería construír o futuro que soñaba e onde deixaría atrás a miseria e a fame da aldea abandonada.

AYHAM   2019

Apenas se sostiña en pé despois da longa e accidentada travesía na embarcación coa que cruzaran o mar desde Nador. A lembranza do abrazo da nai e da promesa dunha xuntanza futura axudábao a seguir.  Case non podía manter o equilibrio mentres trataba de abandonar a praia sen ser detido pola Garda Costeira. E aínda que non era moito o que tiña que percorrer, tendo en conta os quilómetros que xa camiñara ata Nador, abondaba para un corpo tan fráxil e miúdo tan mal alimentado e tan necesitado do soño de Europa.

Era só un rapaz que non cumprira os vinte anos e nunca saíra da súa pequena aldea no deserto do Sahara. Fora dura a viaxe, o vaivén das ondas que movían o barco, o frío, o horror de ver caer corpos pola borda e temer ser o próximo, o medo compartido. Custáralle xuntar os cartos que precisaba para pagar os que controlaban o tráfico de seres humanos movidos pola desesperación, e a súa era moita.

Pero agora estaba alí. No peto cosido no interior do forro da cazadora levaba os poucos cartos que lle quedaban e a dirección do seu curmán, nalgún lugar do norte. A furgoneta que o transportaba lonxe da praia deixáballe ver un mundo ben distinto a aquel do que procedía, un mundo no que el era tan só unha minúscula partícula do po do deserto, mais non importaba porque agora estaba alí na terra da que todos falaban, na terra na que podería construír o futuro que soñaba e onde deixaría atrás a miseria e a fame da aldea abandonada.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Antón Riveiro Coello

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥