O movemento revolucionario de outubro de 1934

Xosé Álvarez

A chamada revolución de outubro de 1934 acadou especial importancia en Asturias e Cataluña pero na nosa zona tamén tivo certa repercusión. Neste artigo trataremos os antecedentes, desenvolvemento e consecuencias destes sucesos en Pontevedra, que son practicamente descoñecidos.

            En 1934 o partido gobernante en España era o Radical, liderado por Alejandro Lerroux, que tiña como máximo representante en Pontevedra a Emiliano Iglesias; era un partido  que co tempo fora apagando a súa postura combativa e virando cara á dereita; en 1936 a maioría dos seus militantes adheríronse ao golpe militar. Nunca se veu libre de prácticas corruptas e nas eleccións de 1933 obtivera na nosa provincia seis deputados dun total de trece.

            A situación político-social estaba cada vez máis crispada, a mediados de 1933 promulgouse unha lei de orde pública que impuxo a restrición dos dereitos cidadáns a través de estados de prevención, alarma ou guerra, que estiveron en vigor na práctica totalidade do que restaba do período republicano. A dereita, a través da CEDA de Gil Robles, aumentou a súa influencia sobre o goberno de Lerroux e o 4 de outubro de 1934 entraron no goberno tres membros dese partido.

            A lexislación antisocial do goberno, a situación internacional con avances do fascismo, a frustración e desencanto de gran parte da poboación por non acadar as expectativas postas na chegada da república, alentan a radicalización do movemento obreiro, que contempla o recurso á violencia para adiantarse ao que consideran como previsible golpe de estado dereitista. 

xuventudes

Apréciase esta actitude nos atentados contra os centros da patronal e locais dos partidos de dereitas e importantes sectores do PSOE e UGT, especialmente das Xuventudes Socialistas, conflúen en posturas unitarias cos comunistas a través das Alianzas Obreiras e da Fronte Única.

De cara á transformación da sociedade, as actitudes evolucionistas perden forza fronte ás revolucionarias e prodúcese un distanciamento do que cualifican como “república burguesa”.

Nos actos do primeiro de maio deste ano en Pontevedra notamos un ambiente de gran participación e de unidade entre as forzas obreiras, en contraposición coas divisións de anos anteriores. Na intervención de Alejandro Gama, comunista, faise referencia á división das forzas marxistas que posibilitara a derrota do proletariado alemán e austríaco fronte a Hitler e Dollfus; a consecuencia que extrae é a necesidade da unidade obreira para cortar o avance do fascismo español. Na prensa socialista apréciase unha linguaxe explosiva, como é o caso do seu órgano local La Hora.

Pero este año, cuando los enemigos del trabajador se han apoderado de la república, cuando las leyes sociales que amparan al obrero son un papel mojado, cuando las cárceles están pletóricas de trabajadores honrados, cuando la tiranía fascista se dispone a caer sobre el pueblo español […] convertirse en una viril protesta que haga estremecer en sus guaridas a los chacales que viven de la sangre del proletariado […] Los trabajadores han perdido la fe en la república.

            Non é necesario ser moi perspicaz para deducir dos anteriores parágrafos dúas cousas: unha descualificación do réxime imperante e o anuncio implícito dunha mobilización de carácter revolucionario.

O sentimento de inquietude e de rexeitamento da política do goberno non se percibe só nos portavoces obreiros; nun xornal de liña burguesa, progresista pero sen ningún asomo revolucionario, como era El Pais, voceiro de Izquierda Republicana en Pontevedra, nun editorial do 4 de outubro de 1934, significativamente titulado “Alerta republicanos. ¿Qué se intenta?” afírmase:

 Se pretende arribar a un régimen de fuerza que concluya de abatir las protestas y las rebeldías, que no son tal cosa, sino advertencias sinceras, leales y republicanas de los que entienden que por el camino que lleva el Estado, no le aguardan bonanzas, sino que en esta atmósfera enrarecida todos son barruntos de tormenta. […] La revolución marxista es el pretexto para desencadenar la reacción que concluya por destruir los últimos alientos del espíritu republicano del 14 de abril. El peligro está en otra parte. […] Es a los antimarxistas a los que hay que vigilar. Ellos son los típicos y contumaces enemigos de la República. En ellos radican las causas originarias de los males que aquejan a España. […] No está de más -que va en ello la seguridad del régimen- que la opinión republicana esté alerta ante los acontecimientos y con el ánimo decidido para la defensa de la República.

             O mesmo xornal, xa en pleno estoupido revolucionario (5-10-34) e baixo o estado de alarma e réxime de censura previa, continúa na mesma liña cun editorial titulado “Viva la República” e no que preconiza a formación dun goberno nacional de homes fóra de toda sospeita e insubornables

 sin ministros ladrones […] para disolver el actual engendro de Parlamento, […] para restablecer la legalidad atropellada excarcelando a los que se hallan privados de libertad, por el único delito de defenderla; para reponer a los municipios que se han destituído caprichosamente; para abrir los centenares de centros obreros clausurados por no pensar al igual que la veleidad ministerial.

O ambiente estaba cargándose de máxima tensión con feitos como o asasinato dun militante obreiro efectuado en Vigo por falanxistas o 6 de setembro. O 15 dese mes deteñen en Marín ao pedreiro portugués Afonso González por destacarse nas protestas con motivo da constitución do novo concello e proferir gritos subversivos, insultos ao tenente da Garda de Asalto e resistirse a ser detido.

pasquin
programa

O 24 declárase en Pontevedra o estado de alarma fixando nas rúas o bando do gobernador.

Segundo diversas fontes, foi o sector máis radical do PSOE o encargado da dirección do movemento revolucionario xunto con militantes do PCE, partido este con relativa presenza na nosa capital. En moitas localidades galegas, diversos sindicatos pertencentes á Confederación Regional Galaica (CNT) sumáronse á declaración de folga.

 En Acción Gallega (20-10-34) publícase o programa da Alianza Obreira que encabezaba a folga xeral revolucionaria:

1º.- Todas las tierras de los grandes terratenientes, de la Iglesia, de los monasterios, de las municipalidades y del Estado serán confiscadas, sin indemnización, como así también los útiles de labranza y demás pertenencias, y serán entregadas gratuitamente y repartidas a todos los obreros agrícolas y campesinos trabajadores, para que las trabajen individual o colectivamente, según decidan por su propia voluntad.

2º.- Todas las deudas, obligaciones y gravámenes de los campesinos con los terratenientes, los municipios y los Bancos serán anuladas, todas las cargas feudales y semifeudales, (“foros”, “rabassa morta”, condominio, etc.), serán abolidas, y todos los impuestos del régimen burgués terrateniente, suprimidos.

3º.- El Gobierno Obrero Campesino proveerá a los campesinos trabajadores de maquinaria, útiles de trabajo, simientes, créditos y los elementos técnicos para aumentar en el mayor grado posible la producción agrícola, con objeto de terminar con el hambre y la miseria espantosa que existe en el campo y elevar sistematicamente el bienestar de las masas trabajadoras.

4º.- El Gobierno Obrero Campesino tomará inmediatamente medidas de gran envergadura para mejorar rápida y radicalmente la situación de los obreros agrícolas, aboliendo todos los contratos explotadores y usurarios, aumentando los salarios lo suficiente para las necesidades de los obreros agrícolas y sus familias.

5º.- El Gobierno Obrero Campesino confiscará y nacionalizará las empresas de la gran industria trustificada y establecerá el control de la producción y la distribución por medio de los soviets, nacionalizará los bancos, los ferrocarriles y todos los medios de transporte y de comunicación, hoy en manos del gran capital.

6º.- Establecerá la jornada de siete horas y de seis para las minas y los trabajadores jóvenes, aumentará el nivel de vida de las masas trabajadoras, concederá subsidio a los parados hasta que sean absorbidos en las diversas ramas de la producción, la que será adaptada a las necesidades de las masas trabajadoras y establecerá el seguro general para todos los trabajadores en casos de paro, enfermedad, accidente, vejez y maternidad.

7º.- Liberación nacional de todos los pueblos oprimidos. El Gobierno Obrero y Campesino reconocerá a Cataluña, Vasconia y Galicia el pleno derecho a disponer de si mismas hasta la formación de los Estados independientes.

8º.- Liberación inmediata y completa, sin restricción ni limitación, de Marruecos y demás colonias.

9º.- Disminución radical de los impuestos a los pequeños comerciantes y pequeños productores. Anulación de sus deudas con los Bancos, grandes comerciantes y empresas capitalistas. Prohibición del embargo de su propiedad y del desalojo de los locales que ocupan.

10º.- Supresión de todas las fuerzas armadas de los capitalistas y terratenientes. Armamento de los obreros y campesinos. Liquidación de la burocracia hostil y elección de los funcionarios públicos por los Soviets.

11º.- Supresión del ejército permanente como instrumento de la clase capitalista. Liquidación de los generales y cuerpo de oficiales. Elección democrática de los comandantes por los soldados.

12º.- Solidaridad proletaria con los oprimidos del mundo y alianza fraternal con la Unión Soviética Rusa.

O xoves 4 de outubro non aparece nos xornais ningunha nova referente a folgas ou incidentes destacables no ámbito local. Ese mesmo día xorden na cidade os primeiros incidentes, que non parecen revestir gran importancia, enfrontándose dereitistas e esquerdistas.

            A chegada de novas da revolta en Asturias axita aínda máis o ambiente. Convócase folga xeral revolucionaria a través de follas de propaganda e consignas. O día 6, de madrugada, mediante un bando do xeneral da Octava División, proclámase o estado de guerra. Suspéndese a publicación de xornais.

 A Garda Civil efectúa numerosos rexistros. Coa declaración do estado de guerra as rúas pontevedresas son ocupadas polo exército e forzas de seguridade.

selo

O domingo, día sete, destitúese a corporación municipal logo dunha entrevista entre o gobernador civil e o comandante militar. Noméase unha comisión xestora coa seguinte composición: Manuel Casqueiro polo Colexio de Avogados, Sinforiano Melero pola Cámara de Propietarios, Eulogio Sánchez do Círculo Mercantil, Modesto Lorenzo pola Patronal, Ramón Segura de la Garmilla polos centros do ensino, Luis Sobrino do Colexio Médico e Agustín Sánchez pola Asociación de Inquilinos. O alcalde cesado era Bibiano Fernández-Osorio Tafall, que fixo entrega das chaves acompañado do primeiro tenente de alcalde Arturo Rey. Ao entregar o mando dixo que el chegara ao cargo cando nacía a república e agora que morría, entregábao. O gobernador pediu que constasen en acta estas palabras. A continuación elixiron como alcalde ao señor Segura de la Garmilla. Os dirixentes da Deputación tamén foron destituídos facéndose cargo da mesma unha comisión xestora que levou a cabo unha depuración de funcionarios.

            Posteriormente, o concello de Pontevedra, para cumprimentar un escrito do gobernador militar, fai saber a todo o persoal municipal que ten a obriga, nun prazo de 48 horas, de darse de baixa en calquera centro, partido, agrupación ou sociedade que revista carácter político e a toda organización de carácter sindical ou societario.

            Destitúen a Tafall como director do instituto, trasladan a Alexandre Bóveda e a Castelao  a Cádiz e Badaxoz respectivamente. El País (19-11-34) manifesta:

 La civilidad pontevedresa les hizo objeto ayer tarde en la estación, Castelao y Bóveda con el pie en el estribo del convoy, de un cálido y fervoroso homenaje de simpatía y afecto, cuyo valor y significación se acrecientan, al considerar la espontaneidad del mismo […] Que retornen pronto a Pontevedra es nuestro deseo.

Os deputados radicais afirman que fixeran xestións para deixar sen efecto a sanción a Bóveda e Castelao pero estes non aceptaran desvirtuar as súas manifestacións de hostilidade ao goberno.

            O día 10 de outubro deteñen en Mourente os militantes obreiros Manuel Amoedo e  Constante Tomé ocupándoselles armas cortas. Na madrugada dese día tivo lugar un tiroteo entre forzas do exército que prestaban servizo na Ferrería e un grupo de individuos que non puideron ser detidos. Tamén houbo varios apedramentos e unha muller foi mallada.

Ao día seguinte reanúdase a publicación de xornais e a portada de El País aparece con numerosos manchóns negros causados pola censura. En Pontemuíños, desde o monte, efectúanse disparos sobre un tranvía e tamén sobre a garda do transformador de Mollabao, así como pedradas que feriron un soldado.

            Deteñen os concelleiros de esquerdas Manuel Sanmartín e José Acuña Gallego, o capitán retirado Delmiro Sarmiento, directivo da agrupación socialista, e o presidente da Comarcal Agraria Víctor Moldes. Clausúrase a Casa do Pobo e suspéndense as licencias para armas de caza.

            A prensa do día doce afirma que pode considerarse acabada a folga na capital, que a case totalidade de traballadores volveu ao traballo e a tranquilidade era absoluta. Non parece ser tan completa dita tranquilidade se ollamos, unha vez máis, a sección de sucesos; alí dáse conta de que, no Dispensario da Cruz Vermella, foi asistida unha veciña de Salcedo, con feridas que dixo llas produciran uns descoñecidos ao apedrala cando viña a Pontevedra a vender leite. Hai que significar que a folga de abastecementos á capital implicaba non permitir a entrada de leite, leña, verduras, etc. Non é aventurado supoñer que, en maior ou menor grao, aínda había incidencias nesta fronte.

            Continúa a represión contra os elementos obreiros e someten a sumario, por repartir follas de carácter subversivo, aos marinenses Francisco López Crespo, Ramón Magariños Duro, Ángel Folgar Bermúdez, José Gómez, Miguel Briones Barca, Antonio Blanco Solla, Cristóbal Peñín Alonso e Jesús Canda Crespo; por coaccionar e impedir o abastecemento a José Mojico (de Lérez), Rogelio González (de Salcedo) e Felipe Pérez Moreira (de Poio); a Manuel Martínez Vázquez (de Mourente) por excitar os veciños á folga; Celestino Garrido Viéitez e José Gil Sueiro, de Marín, por posesión de explosivos. A todos se lles tramitaron xuízos sumarísimos.

            Ao día seguinte, as forzas conservadoras pontevedresas comezan a recollida de donativos con destino a unha homenaxe que se tributaría ás forzas do exército e da orde pública e que tiña como finalidade rehabilitar a imaxe das forzas que participaran na represión destes días.

 Pola noite, tiroteo na rúa Cousiño. Instrúese xuízo sumarísimo contra Juan Manuel Gómez Corbacho acusado de fabricar bombas (detivérano no garaxe de Fonseca cando manipulaba botellas de líquidos inflamables) e contra Manuel Amoedo por posesión de armas.

            Continúan as detencións: José Bolaño, Manuel Muíños, Saturnino Fragueiro, presuntos implicados na fabricación de explosivos, Manuel Pérez Calvo, estudante de 16 anos, por dar vivas á revolución social, Luis López Méndez, Valeriano Riobó, Carlos Varela e José Cortizo, o último por atentado. Por falta de espazo e mal estado das instalacións do cárcere capitalino, moitos dos detidos son conducidos ao pontón Minerva do Polígono de Tiro Naval Janer en Marín. O día 18 restablécese a pena de morte.

            Fóra do xugo da censura, o xornal Acción Gallega (20-10-34), órgano da Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires, fai unha durísima crítica da represión gobernamental e escribe:

El triunvirato Alcalá-Lerroux-Gil Robles llenó a España de sangre y lágrimas. Con los cañones, los aeroplanos y tropas y legiones marroquíes, la dictadura monárquico-clerical-fascista aplastó los anhelos de justicia y libertad del pueblo español.

No apartado “No hay nacionalismos, solo hay dos clases” critica a inacción dos partidos nacionalistas:

En cuanto a los nacionalistas vascos y gallegos, tampoco se han movido, a pesar del programa autonomista de la Alianza Obrera. Solo hemos visto a los obreros luchar heroicamente y a las clases privilegiadas apoyando a los tiranos.

            Pouco a pouco recobran a liberdade algúns dos detidos, o 1 de novembro libérase ao policía municipal Dionisio González que fora acusado de “repetidos actos de coacción con las lecheras y otros proveedores de los mercados públicos de la capital, a quienes exhortaba – según dijeron- para no aprovisionar Pontevedra”.

O día 4 poñen en liberdade a Clemente Baltasar, Manuel Loureiro, José Fontán, Valentín Ramírez, Diego Bouzón (de Marcón) e Francisco Piedras (de Xeve), este último detido por repartir follas clandestinas e os outros por coaccións.          

Pena de muerte

Puerta del Sol de Madrid. 7 de Outubro de 1934

  Pero as detencións continúan nos meses seguintes: o 8 de novembro prenden ao dependente de comercio de 19 anos Esteban Beltrán Paz, por asubiar no teatro Principal ao aparecer as imaxes do xeneral López Ochoa e outras autoridades. Publícase unha requisitoria contra Alejandro Gama para que se presente ante o xuíz militar. Volven deter a Manuel García Filgueira, Víctor Lamas e Andrés Rey como consecuencia dunha denuncia por insultos e ameazas; García Filgueira e Rey acababan de saír do cárcere.

Continúan os traslados de detidos ao Polígono Janer en continxentes elevados: un grupo de 30 o día sete e de dez o vinte e tres. Os últimos presos detidos neste recinto militar sería un grupo de nove, liberados o 27 de decembro.     

A dereita pontevedresa mobilízase organizando actos de apoio ás forzas participantes na represión e de lembranza das vítimas: a Juventud Masculina de Acción Católica organiza un funeral polas vítimas do movemento revolucionario na igrexa de Santa María.

            O día 4 de novembro celébrase a homenaxe ás forzas armadas, sérvese un viño de honor no concello para xefes e oficiais. No bar Calixto ofreceuse unha comida aos subalternos de telégrafos e teléfonos, con elocuentes palabras do deputado Isidoro Millán, orador habitual neste tipo de actos. Nos cuarteis sérvense comidas especiais ás clases de tropa e o gobernador Diego Fernández diríxelles unhas palabras:

Porque el establecimiento del orden y el sometimiento de cuantos, miserablemente, se pusieron fuera de la legalidad establecida, y a la estrangulación rápida y total de la revolución amenazante, se llegó por el esfuerzo admirable, por la lealtad y el patriotismo, por nadie superado, por la disciplina, el arrojo y el espíritu de sacrificio de nuestro Ejército y de nuestra Marina, gloriosos cual el que más, del Benemérito Instituto de la Guardia Civil.

            En diversos xornais insístese na necesidade da moderación nas sancións e de evitar inxustas acusacións, vinganzas e delacións anónimas; así o fai o xornal estradense El Emigrado (16-10-34),

En estas horas abrumadoras, somos todos los españoles partícipes obligados a compartir las amarguras de la Patria, y somos todos, también obligados, a laborar por la restauración de una paz moral y material que una los espíritus en hermandad Nacional, por la reconstrucción de cuanto, en unas horas de obsesión, nos hayan hecho destruir […] y esperamos del patriotismo de los hombres que se hallan al frente de los destinos de la Patria la suficiente serenidad y acendrado patriotismo, para que entre hijos de una misma patria se reinstaure el imperio de la conciencia, usando del escalpelo de la justicia con mesura y tino.

            Continúa o goteo de postas en liberdade de presos, alternados con consellos de guerra. O doce de decembro son liberados os destacados dirixentes da federación obreira Manuel García Filgueira (presidente), José Oliveira (vicepresidente) e Andrés Rey (bibliotecario). Son trasladados ao penal de El Dueso varios veciños de A Estrada que estaban presos na capital e foran condenados á pena dun ano 4 meses e un día por participar nos sucesos revolucionarios.

O 18 celébranse consellos de guerra contra Jesús Diéguez Noguerol por tenencia ilícita de armas, Segundo Lorenzo García por intento de agresión a man armada e Carlos Pérez Cameselle, axente de arbitrios de Vigo, por rebelión. Ao día seguinte liberan os veciños de Domaio José Palmás Pastoriza, Josefa González Crespo, Benito Calvar Calvar e Manuela Ríos, que estaban no cárcere acusados de coaccións. O día 29 deteñen en Salcedo a Gerardo Martínez Villanueva, José Gómez Pereira e Enrique Cochón por repartir follas subversivas.

            O 5 de febreiro celebrouse consello de guerra contra Valeriano Riobó acusado de intervir no pasado movemento revolucionario, a petición fiscal foi de dez anos de cárcere; defendeuno José Adrio Barreiro que logrou a absolución do inculpado. Días despois deteñen en Marín os militantes comunistas Daniel Gómez Martí e José García Busto como presuntos autores de rótulos subversivos. O 24 de dito mes refórzase a garda do cárcere debido aos rumores dunha evasión de presos políticos.

Pouco a pouco recóbrase a normalidade e o 7 de marzo do 35 levántase o estado de alarma, substituído polo de prevención; o 29 remata a clausura das sociedades, pero con advertencia da necesidade de que cumpran a legalidade. Aínda así, non se autorizan os actos obreiros do 1º de maio e detense a Antonio Prieto Roque, de Campolongo, que estaba reclamado polo xulgado militar por teren topado no seu domicilio armas e munición en abundancia. En maio deteñen a José Iglesias Rey, canteiro de 23 anos, a quen o capitán da Garda de Asalto atopoulle unha folla clandestina e a  Benigno Vidal Couto, labrador de 18 anos, ambos os dous de Bora; a José Fernández, metalúrxico, José Cortegoso Solla, Eladino Castro Torres, os tres de Mourente, por coaccións a obreiros que ían traballar e tamén a 4 persoas máis como medida preventiva.

            Volvamos a finais de 1934. Os incidentes entre militantes de esquerda e dereita aumentan e sucédense continuos enfrontamentos e denuncias. O 30 de outubro pola noite, o militante fascista José Outerelo Carril foi mallado a paus  en Salcedo “por un grupo de salvajes que campea en aquella parroquia”

A prensa de esquerda denuncia os atropelos de mozos fascistas como o asalto e roubo da imprenta do xornal socialista La Hora mentres o seu dono, Ramiro Paz, estaba no cárcere, asalto que quedou impune a pesar de que o rumor público sinalou inmediatamente como autores a xente do entorno de Víctor Lis; días despois asaltaron o quiosco dos mesmos donos na praza da República.

 Además, estos elementos, descaradamente no solo no niegan nada, sino que dicen estar dispuestos a acabar por todos los medios no solo con las organizaciones de izquierda, cosa ya de por si condenable sino también con lo que es mucho más grave con el Estado republicano que la Autoridad tiene el deber de guardar. (El País 20-12-34.)

            Un grupo de mozos  galeguistas repartiu unhas follas nas que lembraban o aniversario da morte de Pardo de Cela e que remataban coa frase “Viva Galicia Ceibe” e acabaron detidos tres deles e rexistrado o clausurado centro galeguista; a actuación policial contra eles contrastaba coa inhibición cara a elementos fascistas. Hai multitude de denuncias por agresións: Benito Lago Currás denuncia ao fascista José Torres e outros por maltratalo e lesionalo na rúa Xan Guillermo. Na madrugada do día de Nadal, o veciño de Salcedo Gerardo Bao Rúa foi agredido cunha navalla  causándolle unha ferida no peito. No baile do Pino (3-1-35) un grupo de individuos agrediron e lesionaron a un tal José Piñeiro co pretexto das  súas ideas políticas; detiveron o veciño de Salcedo Celestino García. Tamén houbo denuncias contra dous mozos de Salcedo por arrebatarlle a un vendedor varios exemplares do voceiro dereitista J.A.P. e rompelos.

            As consecuencias dos sucesos de outubro foron de diversa orde. A represión foi moi dura, o número de detidos e despedidos alto, clausuráronse moitos centros obreiros, destituíron concelleiros e outros cargos, etc. A esquerda adoptou como obxectivo a consecución da amnistía para os encarcerados e a reposición nos seus postos de traballo dos despedidos.

Foi premonitorio o xornal El País (11-10-34):

Dos distintas maneras de ver la esencia de la República y sus fines han conducido a ellos. Y, cualquiera que sea el resultado de esta gesta trágica, en la vida de España queda trazado un hondo surco que ha de influir sobremanera en el futuro.

funeral

Funeral polas vítimas en Santa María

E así foi, co golpe militar do 36, o ter antecedentes de participación nalgún incidente ou ser detido no 34 constituíu un agravante a ter moi en conta nos xuízos ou para ser vítima dos “paseos”; como exemplo, dos citados neste artigo, foron asasinados (en diversas modalidades): Augusto A. González, Manuel Amoedo, José Acuña Gallego, Víctor Moldes, Antonio Blanco, Alexandre Bóveda, Cristóbal Peñín, Juan M. Gómez, Dionisio González, Andrés Rey, José García Busto, Ramiro Paz e Gerardo Bao, entre outros.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

A dor infinda:Sofía Kuper

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Galego