Este fermoso libro con ilustracións de Patricia Castelao, escrito a favor de UNICEF e recoñecido internacionalmente polo seu tratamento da discapacidade, formando parte da Lista Outstanding Books 2013, preséntanos cinco historias de cinco nenos que teñen que enfrontarse a circunstancias moi adversas; circunstancias, agás quizais a protagonizada por Carlos, que son ben diferentes das que rodean polo xeral aos nenos do mundo occidental e que poñen en evidencia ante o lector a crueza destas vidas das que están ausentes por completo os dereitos da infancia.

A narración levase a cabo a través dunha prosa sinxela, sen artificios, mais chea de lirismo, case poética:

Do fondo dun álbum de mentiras a avoa Mayanin saca palabras brancas” (O neno can)

“O vento remexeulle os seus cabelos negros e o aire comezou a ulir a nostalxias de area” (Perla negra)

Para o título escolleuse o do primeiro relato e seguramente na elección tivo moito que ver o feito de que o can, un can cun ollo rodeado por unha mancha negra, apareza en todas as historias como compañeiro inseparable e fiel do neno protagonista: é o mesmo can e un can distinto á vez, presente en espazos distintos e distantes e con nomes diferentes (aínda que curiosamente eses nomes teñan que ver con elementos da natureza: Chuvia, Xeo, Area, Néboa e Vento), pero xogando sempre o mesmo papel de aliado e protector, converténdose nun personaxe clave que contribúe a cohesionar os relatos e á proporcionarlle maior unidade á obra.

É un libro que denuncia o inxusta que é a vida de tantos nenos do mundo, pero ofrecendo unha saída, unha luz ao final do túnel. Esa luz, nalgúns casos moi tenue, noutros máis potente soe estar representada por personaxes que xorden nos momentos máis críticos da historia para tender a súa man, para ofrecer a súa axuda, a súa solidariedade ou a súa comprensión. É verdade que son personaxes que non están exentos de certa idoneidade poética, de certo halo de irrealidade, aínda así seguramente cumpren unha función necesaria se, como parece, a través deles se quere transmitir a confianza na “humanidade” do ser humano, en virtudes tan escasas como a solidariedade ou a xenerosidade.

A obra posúe ademais unha finalidade didáctica, non pretende unicamente denunciar a carencia dos dereitos máis elementais asociados á infancia en moitos lugares do mundo, tamén procura a reflexión dos lectores, sobre todo daqueles que, como os protagonistas das cinco historias, son tamén nenos. Malia todo é totalmente recomendable para lectores de todas as idades aos que seguro non defraudará.

Unha pequena xoia que merece ser coñecida.
                                                                                                                                     Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Fina Casalderrey

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥