ADAPTACIÓN AO GALEGO DO CONTO DE JORGE BUCAY: «O TEMIDO INIMIGO»

  Había unha vez nun reino de lonxe un rei ao que lle gustaba moito sentirse poderoso.

 El non tiña espellos máxicos que lle dixesen o poderoso que era, pero contaba cunha morea de cortesáns e serventes ao seu redor aos que preguntar se el era o máis poderoso do reino.

 Sempre lle dicían todos o mesmo:

  -Alteza, es moi poderoso, pero ti sabes que o mago ten un poder que ninguén posúe: El coñece o futuro.

 O rei , como podedes supoñer, estaba moi celoso do mago do reino, non só polo seu poder senón tamén porque o pobo o amaba e o admiraba por ser un home moi bo e xeneroso, ao contrario do rei que, quizais porque precisaba demostrar que era el o que mandaba, non era xusto e, moito menos, bondadoso.

Un día, canso de que a xente lle contase o poderoso e querido que era o mago,  o rei urdiu un plan: organizaría unha gran festa á que invitaría o mago. Despois da cea, pediría a atención de todos. Chamaría o mago ao centro do salón e, diante dos cortesáns, preguntaríalle se era certo que sabía ler o futuro.  O invitado tería dúas posibilidades: dicir que non, defraudando así a admiración dos demais, ou dicir que si, confirmando o motivo da súa sona.   

Mago

Entón pediríalle que dixese en que data ía morrer o mago do reino.  Este daría unha resposta, un día calquera, non importaba cal.  O rei tiña planeado nese mesmo intre sacar a súa espada e matalo.  Así conseguiría dúas cousas dun só golpe: desfacerse do seu inimigo para sempre e demostrar que o mago non puidera adiantarse ao futuro xa que se equivocara na súa predición. 

Iniciáronse os preparativos e moi axiña chegou o día do festexo.

Despois dunha gran cea, o rei fixo pasar o mago ao centro e dirixiuse a el:

-¿É certo que podes ler o futuro?

-Un pouco- dixo o mago.

-¿E podes ler o teu propio futuro? –preguntou o rei.

-Un pouco –dixo o mago.

-Entón quero que me deas unha proba: Que día has morrer? Cal é a data da túa morte?

 O mago sorriu, mirouno aos ollos e non contestou.

 -Que pasa mago? –dixo o rei sorrinte- Non o sabes? ¿Non é certo que podes ver o futuro?

-Non é iso –contestou o mago-. Pero o que sei, non me atrevo a dicircho.

-Como te atreves? –dixo o rei- . Eu son o teu rei e ordénoche que mo digas.  Contéstame. Cando morrerá o mago do reino?

 Despois dun tenso silencio, o mago mirouno e dixo:

 -Non podo precisarche a data, pero sei que o mago morrerá exactamente un día antes có rei.

Durante uns intres, o tempo conxelouse.  Un murmurio correu entre os invitados.

O rei sempre dixera que non cría nin en magos nin en adiviñacións, pero o certo é que non se atreveu a matar o mago.

Decatouse de que se equivocara.

A súa xenreira fora a peor conselleira.

 Pensou que o mago fora moi arteiro. Dera a única resposta que podía evitar a súa morte.

 Teríaa adiviñado?

A predición non podía ser certa. Pero… e se o fose?

O rei estaba atordado…e aínda que ía retirarse aos seus cuartos volveu sobre os seus pasos  e dixo en voz alta:

-Mago, es famoso no reino pola túa sabedoría. Prégoche que pases esta noite no palacio pois debo consultarche algunhas decisións reais pola mañá.

 -¡Maxestade! Será un grande honor… -dixo o invitado cunha reverencia.

 O rei deu ordes aos seus gardas persoais para que acompañasen o mago ata os cuartos dos hóspedes no palacio e custodiasen a súa porta asegurándose de que non lle pasase nada.

Esa noite o monarca non puido conciliar o sono, estivo moi inquedo pensando que pasaría se ao mago lle sentase mal a comida ou se se mancase accidentalmente durante a noite ou se simplemente lle chegase a súa hora.

 Moi cedo, pola mañá, o rei petou na porta do cuarto do seu invitado.

 Nunca antes se lle ocorrera consultar a ninguén antes de tomar as súas decisións, pero esta vez, tan axiña como o mago o recibiu, fíxolle unha pregunta… Necesita unha escusa.

E o mago, que era un sabio, deulle unha resposta correcta, creativa e xusta.

O rei, case sen escoitar a resposta, gabou o seu hóspede pola súa intelixencia e pediulle que quedase un día máis, supostamente para lle consultar outro asunto (realmente o rei só quería asegurarse de que non lle pasase nada ao mago).

O mago aceptou.

Desde entón todos os días pola mañá ou pola tarde o rei ía ata o cuarto do mago para consultalo e comprometíao para unha nova consulta ao día seguinte.

Non pasou moito tempo ata que o rei se decatou de que os consellos do seu novo asesor eran sempre acertados e terminou, case sen notalo, téndoos en conta en toda as súas decisións.

Pasaron os meses, e logo os anos.

E coma sempre: “estar cerca do que sabe fai máis sabio ao que non sabe” .

E así foi porque pouco a pouco o rei foise volvendo máis e máis xusto.

Xa non era despótico nin autoritario nin precisaba demostrar o seu poder..

 Aprendeu que a humildade tamén podía ter as súas vantaxes e empezou a reinar dunha maneira máis sabia e bondadosa.

E sucedeu que o seu pobo comezou a amalo como nunca antes o amara.

Ademais o rei xa non ía ver o mago para saber da súa saúde, senón simplemente para aprender, para compartir unha decisión ou simplemente para falar.

O rei e o mago convertéronse en excelentes amigos.

Ata que un día, máis de catro anos despois daquela cea, sen que houbese ningún motivo, o rei lembrou.

 Lembrou que aquel home, ao que agora consideraba o seu mellor amigo, fora o seu odiado inimigo.

 Lembrou o plan que urdira para matalo.

E decatouse de que non podía seguir mantendo aquel segredo sen sentirse un hipócrita,

Por iso proveuse de coraxe e foi ata o cuarto do mago.  Petou na porta e, tan axiña como entrou, díxolle:

  -¡Meu irmán! Teño algo que contarche que me oprime o peito.

 -Dime –dixo o mago- e alivia o teu corazón.

 -A noite que te invitei a cear e che preguntei sobre a túa morte, eu non quería saber nada sobre o teu futuro, realmente planeaba matarte fose cal fose a túa resposta.  Quería que a túa morte inesperada desmitificase a túa sona de adiviño.  Odiábate porque todos te amaban…¡Estou tan avergoñado!

O rei suspirou profundamente e seguiu:

-Aquela noite non me atrevín a matarte e, agora que somos amigos e, máis que amigos, irmáns, atérrame pensar todo o que tería perdido se o tivese feito.

Precisaba dicirche todo isto para que me perdoes ou  me despreces, pero sen enganos.

 O mago mirouno e díxolle:

  -Tardaches moito en podermo dicir, pero alédame que o fixeses porque isto é o único que me permitirá dicirche que xa o sabía.

 Cando me fixeches aquela pregunta e agarimáches coa man a empuñadura da espada, foi tan clara a túa intención que non precisaba ser adiviño para decatarme do que pensabas facer.

O mago sorriu e puxo a súa man sobre o ombreiro do rei.

 -Como xusta devolución á túa sinceridade, debo dicirche que eu tamén che mentín.  Confésoche que inventei esa absurda historia da miña morte antes cá túa para darche unha lección.  Unha lección que  quizais foi o máis importante de todo o que che ensinei.

 A túa morte, querido amigo meu, chegará xusto o día da túa morte, e nin un minuto antes.

É importante que saibas que eu estou vello, e que o meu día seguramente se achega.  Non hai ningunha razón para pensar que a túa partida deba estar atada á miña.  Son as nosas vidas as que se vencellaron, non as nosas mortes.

  O rei e o mago abrazáronse e festexaron brindando pola confianza que cada un sentía naquela relación que souberan construír xuntos.

Conta a lenda

         que misteriosamente

         aquela mesma noite

         o mago…

         morreu mentres durmía.

O rei coñeceu a mala noticia ao día seguinte, e sentiuse desolado. Non o angustiaba a idea da súa propia morte. Estaba triste pola morte do seu amigo.

Mago

Contan que o rei ergueuse e cavou coas súas propias mans unha tumba, para o seu amigo o mago, no xardín, xusto debaixo da súa fiestra.

Enterrou alí o seu corpo e o resto do día quedou ao lado do montículo de terra, chorando como só se pode chorar ante a perda dos seres máis queridos.

E, recén entrada a noite, o rei volveu ao seu cuarto.

Conta a lenda que esa mesma noite, vinte e catro horas despois da morte do mago, o rei morreu no seu leito mentres durmía….

   Quizais por casualidade…

   Quizais por dolor…

  Quizais para confirmar a última ensinanza do seu mestre.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

O mar

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Galego