por Amancio Castro 

trementelo

O TROMENTELO

É unha das herbas de San Xoán mais utilizadas no ramo que poñemos no cacho ao sereno na noite do santo  para que impregne a auga coa que lavaremos a  cara que nos defenderá das envexas, das meigas e do mal de ollo, e a maiores nos outorgará unha fermosura na pel coma ningunha outra auga é capaz.

Esta planta ten varios nomes populares, o que denota os múltiples usos da mesma. Dependendo dos lugares coñécese por Galicia adiante ademais de tromentelo como carrasquiña ou trementelo. En castelán “carrasquilla” ou “tomillo rastrero” (non é por insultar, é a forma de vida que ten).

A planta crece no monte en solos pobres, mesmo sobre as mesmas rochas, iso si, sempre en zonas húmidas.

Pertence á familia das Labiadas. É o único tomiño  que se dá bravo en Galicia. O nome científico: Timus caespititius Brot.

A especie ten aceites esenciais que lle confiren propiedades beneficiosas para o organismo por iso é moi utilizado tanto como condimento para as comidas, como en infusións ou en compresas para curar feridas ou afeccións da pel. Tamén ten utilidade para desengraxar o pelo.

Así o menciona o dito popular:

 Dime nena bonita!

Con que te lavas o pelo?

Cunha herba que hai no monte,

que lle chaman tromentelo.

—————————————————————-

Datos técnicos da foto:

Cámara.- Canon EOS 5D ; Obxectivo.-  Canon 100mm macro ; Diafragma.- f 14 ; Velocidade.- ¼   de seg. ; ISO.- 100 ; Disparador de cable ; Enfoque manual ; Trípode ; Iluminación.- Unha lámpada lateral e un reflector ; Fondo.- Caixa negra á que non lle chegan as luces laterais.

Amancio Castro García

Amancio Castro García

Fotógrafo

Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.

Flor de San José

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥