“VERSOS DE ACERO”

Este libro foi publicado en 1915. A primeira guerra mundial comezaba apenas con todo o seu espanto, sorprendendo a quen cría, como moitos agora mesmo, que o temor de todos á súa propia destrución faríaa imposible. Como na segunda, o cálculo insensato dos que esperaban unha rápida vitoria conduciu ao desastre. Prolongouse durante anos, e aínda faltaba o peor.

Deu o libro ao meu pai o autor durante outra guerra que se prolongaba, outra vez, máis do que previra quen a iniciase. Agasallo dun mariño vello a outro máis novo. Mariños de guerra que non amaban a guerra.

Deste raro libriño publiquei xa en esencial o menos tres poemas, LUZ EN TINIEBLAS, BENEDICTO XV e máis LAS ARENGAS. O mercadeo con vidas humanas que estamos a presenciar agora mesmo faime lembrar este soneto que ten máis dun século. A realpolitik non é nada novo:

LIQUIDACIÓN POR TRASPASO

«En Sofía no han satisfecho las ofertas de Bucarest; pero Bulgaria sigue negociando con ambos bandos beligerantes, para salvaguardar los intereses nacionales…»

«La opinión helena sigue siendo favorable al cuádruple acuerdo; mas en Atenas solo se permite hablar de una neutralidad benévola…»

«Rumanía está en espíritu con los aliados, mas no hay que olvidar que rige sus destinos un Hohenzollern…»

Una neutralidad en muy buen uso

se ofrece, a quien mejor quiera estimarla;

una prenda, que es… ¡sin alabarla!,

más confortable que un capote ruso.

Quien tal ganga no logra es un iluso,

porque ni en la mitad han de pagarla;

pasen pues, los señores a pujarla

sobre la tasa que un perito puso….

─¿Cuánto ha dicho el señor?… ¡Son pocas liras!

¿Usted, diez marcos?… Ya dan más dineros…

¿Trece francos no más?… ¡Qué disparate!;

¡No la pagan ustedes ni hecha tiras!

Pero, en fin: véanla los caballeros

y… después seguiremos el remate

Vexamos estes casos de agora mesmo. Un Trump desafiuzado, facendo súa a frase «para o que me queda no convento…», quixo marchar facendo todo o dano que aínda lle era posible.

O seu recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel dera alas a Netanyahu, que considera ter barra libre para acentuar a súa eterna limpeza étnica.

Este corrupto personaxe, acosado polos tribunais do seu país, quere galvanizar os “patriotas” á conta dos palestinos, e lanza un ataque xenocida contra Gaza, tras insólitas provocacións, que por certo non mereceron moita atención dos nosos medios.

Na mesma liña, unha das últimas decisións do expresidente norteamericano recoñece, contra todo dereito, a soberanía marroquí sobre o Sáhara. A que, noutro chalaneo mercantil e de oportunismo político, o último goberno de Franco (ou o primeiro do rei emérito, segundo se queira ver) regalou ao avó do actual ditador de Rabat.

O monarca alauí, como por outras razóns Netanyahu, acosado ao tempo pola desastrosa situación do seu país, acentuada pola pandemia, e as novas tensións no Sáhara, desvía a atención coa criminal acción de Ceuta, á vez que incendia aos seus “patriotas” contra España e Europa.

En ambos os casos, a infamia das condutas non se corresponde coas conciliadoras respostas dos gobernos, e o noso en particular, atado desde logo pola herdanza recibida dos anteriores. Obedecen, máis que a razóns de ética política, a un mercadeo bochornoso.

Mercadeo que se perde na noite dos tempos, pero para analizar o caso que liga os sucesos de Ceuta cos simultáneos de Gaza, bastará remontarse ao momento en que Franco condicionou a soberanía do noso país a cambio do seu propio recoñecemento internacional. A partir de entón hai en España, aínda que se obvie o termo, ocupación militar por parte dos Estados Unidos.

O que era un acordo bilateral remachouno o efémero goberno de Calvo Sotelo coa entrada na OTAN, organización da que, que eu saiba, ninguén puido saír. Logo consolidouna o goberno de Felipe González, con aquel xiro copernicano e rapidísimo que logrou dar a volta ao famoso referendo.

Atados e ben atados aos intereses da gran potencia, a nosa política exterior ten o voo curto.

Nos incertos momentos que antecederon e sucederon á morte de Franco, a escura manobra que culminou coa Marcha Verde e regalou o Sáhara a Marrocos selou unha alianza de intereses comerciais, públicos e privados, entre a nosa renacente monarquía e a de Marrocos.

Durante a nosa ditadura, a soa presenza dun movemento independentista e unha loita armada no Sáhara era un segredo de Estado tan ben gardado que só morto o ditador soubemos da existencia do Polisario. Para os testamentarios, a venda daquela “provincia”, cos seus cidadáns españois, aínda que quixesen entón deixar de selo, e cos seus fosfatos de Bucraa, foi un bo negocio e unha boa oportunidade para zafarse dunha guerra colonial.

(Para que se entenda a enormidade do caso, poñerei un exemplo imaxinario, con todas as diferenzas que conleva, e que é só un símil meridianamente irreal. Supoñamos que Cataluña e Euskadi, tras alcanzar unha amplísima maioría o independentismo, manteñen unha guerra pola súa independencia. Francia cobiza saltar os Pireneos, e ofrece quedar con estes territorios, os máis prósperos da Península. Entón ambos os gobernos chegan a un acordo: quedar co territorio, a poboación e o problema e a cambio os nosos capitalistas farán bos negocios…

Sería isto en todo imposible? Non exactamente así, pero bastaría que, como no caso iugoslavo, España fose un “país díscolo” a destruír. Exemplos secesionistas fomentados polas potencias non faltan na historia, antiga ou recente. Aos independentistas de aquí deberían facerllo mirar.)

Aquel asunto tan mal liquidado foi sempre unha dor de cabeza para os sucesivos gobernos, oscilantes entre un vergonzante acatamento da legalidade internacional, unha chambonada comercial e unha submisión político-militar.

Brahim Ghali naceu na “provincia” en 1949, cando aínda era colonia, e desde os sete anos ata os vinte e seis foi cidadán español de pleno dereito. Como tal, serviu no noso exército, e aproveitou a súa experiencia militar para iniciar, en 1973, a loita armada pola independencia do seu país.

Da vergonzosa situación en que se atopa atrapado este goberno (unha máis, porque é literalmente unha praza asediada) é mostra a vergoñante maneira de atender ao agora presidente saharauí nun hospital español. Por unha banda, negarlle a asistencia sería, ademais dunha canallada, un desprestixio absoluto para a potencia responsable, aínda, da sempre irresolta cuestión da soberanía. Pero o medo á presión marroquí quixo resolver esta atención sanitaria de forma clandestina.

Claro que a man da espionaxe (norteamericana, marroquí, israelí…?) e o seu enorme poder corruptor destapou esta manobra e non puido evitar o que torpemente se quería eludir. Noutra orde de cousas, actitudes tan submisas lémbranme o paso por Barajas da vicepresidenta de Venezuela, ou o recoñecemento de Guaidó.

Tamén a xudicialización dun caso de hai máis de trinta anos, da man de “disidentes saharauís” que non é fácil saber se foron vítimas ou axentes marroquís, nunha situación de guerra, complica a situación. Así, ao ancián loitador cítao agora como imputado un tribunal español. E está literalmente nas súas mans.

Como se resolverá este caso tan enlodado? Téñeno difícil os gobernos, e son case todos, que substitúen a valentía polo cálculo político. E tamén os que non o fan.

Fronteira en Ceuta

Gaza

O xogador de billar busca a carambola. A carambola política, buscada ou non, reúne nun mesmo punto pezas que, tras seguir traxectorias diferentes, coinciden no tempo. A onda migratoria ceutí e o criminal ataque a Gaza son a carambola dunha acometida lanzada polo anterior presidente norteamericano e que temo que o actual non reverta. Antes ao contrario, manteraa, aínda que quede aliviado por non propinala el.

A estratexia dos Estados Unidos ten, en ambos os extremos do Mediterráneo, dous aliados firmes. Agora quéreos converter en amigos, e a cambio regala a cada un soberanías que manexa coma se fosen súas.

Pouco importan as vidas. As persoas son mercadorías, e como tales teñen un valor de uso e outro de cambio.

Juanjosé Guirado

Juanjosé Guirado

Arquitecto

Juan José Guirado Fernández, sevillano de nacemento (Écija 1946) e pontevedrés de adopción, tras rematar os seus estudos de arquitectura desenvolveu a maior parte do seu traballo como arquitecto en Pontevedra, traballo que, por circunstancias da vida, foi abandonando para dedicarse ao ensino, comezando por unha substitución no IES Concepción Arenal de Ferrol e aprobando posteriormente as oposicións a profesor de debuxo, profesión que exerceu en Pontevedra durante sete anos, seis deles no IES Valle Inclán.
Despois de rematar a súa tese doutoral, acabou na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, no Departamento de Deseño, no que traballou ata a súa xubilación hai agora sete anos. Ao longo dese tempo participou en diversos congresos e cursos dentro e fóra de España e realizou estudos sobre xeografía, historia, antropoloxía, filoloxía e literatura.
Desde hai dez anos escribe puntualmente no seu blog esencial o menos sobre estas e outras materias. Ademais da súa tese é autor de tres libros sobre xeometría e deseño.

Sobre os alugueres

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥