Manolo foi o meu compañeiro no IES Valle Inclán durante 18 anos. El tíñanos todo o material en orde e arranxaba o que xa estaba para tirar. Era un “manitas”.

José Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei, de onde eran os seus pais. Único fillo de Herculina e Francisco, José Manuel pasou a súa infancia no restaurante que rexentaba a súa nai ao que chamaban “A casa do ministro” facendo alusión a seu avó e a seu pai. Hoxe onde estaba o restaurante hai unha ferretaría.

Estudou ata os 11 anos en Forcarei, na escola que se encontraba no lugar que agora ocupa o concello. Despois veu facer o bacharelato ao instituto masculino de Pontevedra porque en Forcarei, onde hoxe teñen o IES Chano Piñeiro, daquela non había instituto. Estudou primeiro no edificio do actual Valle Inclán e posteriormente se trasladou ao recén estreado Sánchez Cantón no mesmo solar que ocupa na actualidade.

Do instituto lembra que non había calefacción o que provocou que fixesen a primeira folga de estudantes. Entre os profesores véñenlle á memoria Celestino Noya, de historia; Filgueira, de literatura; Ramón Diz (ao que alcuñaban “Pepito Cacahuete” pola baixa estatura), de matemáticas; Yobo, de historia da arte e don Mariano, de ciencias naturais.

“Cando volvín a mili a Jaca por catro meses xa ía casado e con un fillo.

Xosé Manuel Gulías Márquez

Fixo o bacharelato por ciencias porque lle encantaban as matemáticas. En educación sica tivo de profesores a Castillo e a Corrochano. Lembra que, cando non chovía, facían ximnasia no solar do Verxel ou no Estadio da Xuventude. De non ser así, a clase era no ximnasio do centro.

Acabado o bacharelato, estudou maxisterio e despois fixo o servicio militar por milicias. Primeiro, en Figueirido e despois, na academia militar de infanteria de Toledo. Volveu antes de facer as prácticas para traballar nunha ferretería, Ferrocentro de Lérez e despois en Comercial Galícia e como enquisador no Instituto Nacional de Estatistica.

A Concha coñeceuna unha noite de san Xoán nas fogueiras en Pontevedra. Estiveron de mozos tres anos antes de casar. Cando volveu á mili a Jaca xa ía casado e cun fillo.

  Ao se licenciar da mili volveu a Pontevedra e empezou a traballar de mestre en A Lama, Cangas, Mosteiro, A Reigosa, Arcade e Portas. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias e o seu primeiro desino foi na Reigosa. Alí estivo dous anos. Despois pasaría por Arcade, Marín e, por fin, Caldas onde obtería a súa praza definitiva no San Clemente onde estivo sete anos. Xa fixera a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. Despois trasaladouse a Vilalonga de especialista en educación sica. Lembro telo de alumno nos cursos de especialización.

O seu derradeiro destino levouno ao instituto onde estudou, o Valle Inclán. Non podía estar máis feliz porque despois de case vinte anos non tiña que voltar a coller o coche para ir traballar. No Valle Inclán estivo 18 anos ata que con 65 decidiu xubilarse porque “xa tiña os anos de servizo e xa tocaba”.

Agora, xa xubilado, ocupa o seu tempo paseando con Concha de dúas a tres horas diarias, se non chove. Antes da pandemia ía á piscina dous días por semana. 

Gústalle, ademais, ir a presentacións de libros e a algunha charla do Ateneo.

Da mocidade de hoxe pensa que se lle dá moito feito, quizais demasiado e que non se pode comparar coa de antes. Antes a maior ilusión era sacar o carné de conducir, agora é ter un móbil. Gústalle ler novela negra. Libros de Domingo Villar como A praia dos afogados ou de Michael Connelly ou Agatha Chistie…

O seu pasatempo é coleccionar moedas. Faino desde os doce anos cando no restaurante da súa familia, frecuentado por emigrantes, entraban moedas de diferentes países que súa nai apartaba. Hoxe ten máis de cinco mil. El chámaas “chatarrilla” porque non hai nungunha de ouro. Moitas delas conseguiunas nas viaxes polo estranxeiro coa súa dona e outras regaladas polos amigos.

Se ten que elixir un restaurante, como lle gusta o marisco, prefire ir a Arcade, ao Acadia ou ao Isape. En Pontevedra gústanlle o Román, casa Digna ou o asador do hotel Virxe do Camiño.

Dos cafés, quédase co Carabela onde vai decote cos amigos.

Sae todos os días para tomar unhas “birras”. Son “bébedos coñecidos”, dime con retranca. Gusta de ir ao Nox ao Camiño ou ao Lola.

Para rematar, fálame dalgunha das súas viaxes: a Rusia, Grecia, China, Nova York, Croacia… onde a estadía media era de oito días, pero en Brasil ou México demorou un mes.

Propóñolle que nos relate algunha das súas viaxes para coñecer eses países e compartir as súas experiencias. Acepta encantado e asegura que se vai poñer á tarefa.

Manolo, seguirei a túa recomendación de non estresarme porque é malo para o corazón. Grazas pola túa charla e compartir comigo esta hora da mañá no Carabela. Estamos encantados coas túas viaxes polo mundo.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Carmen Varela

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥