Infalible
Xosé Manuel Gulías MárquezXXII VIXÉSIMO TERCEIRO CONTO
DÍA DE SAN EMETERIO
SEGUNDA FEIRA
INFALIBLE
O primeiro que lle oíron dicir a parella de axentes que acudiron á chamada dos veciños foi:
-Esta escopetiña nunca me fallou, cantos animais de pelo e pluma levo cazado con ela…
Aínda tiña a arma na man, que lle tremía ostensiblemente.
Edelmiro Couselo Bugallo, cando contaba con oitenta e tres anos de existencia, un bo día díxolle ó xenro que ía deixar de ir de caza, a idade que tiña non lle permitía xa andar monte arriba monte abaixo ¡Cantos coellos e perdices cazara nos seus bos tempos…!
-A última vez que fun cazar dei un tombo que se non é polos compañeiros que ían comigo non me dou levantado do sitio, case non me poño en pé, os ósos xa non responden como respondían. Un xa non é o que era.
-¡Home! Á idade de vostede debe haber ben pouca xente que ande de caza polo monte…
-Non hai, non, pero a min aínda me tira ir pegar uns cartuchazos ós coellos ou cortarlle o voo a unha boa perdiz…
-Pero se volve ó monte calquera día pega outra vez un tropezón e vaise mancar ben mancado…
Ós poucos días de ter esta conversa Edelmiro chamou a Apolinar para dicirlle que lle ía regalar as escopetas a el. Tiñan que poñer un día e unha hora para ir ó cuartel da Garda Civil e alí facer a transferencia dun para o outro.
-Se che parece ben ¿ou?
-¡Home! Eu non son cazador, pero se iso vale para evitar que vostede vaia ó monte eu quédome coas escopetas encantado da vida, e a súa filla asegúrolle que estará moito máis tranquila sabendo que vostede non anda por aí polo monte saltando como as cabras.
Meu dito meu feito. O día sinalado e á hora marcada fíxose a transferencia das escopetas de Edelmiro para Apolinar. A que máis usara era unha Félix Sarasqueta do calibre 12 de dous canos paralelos e a outra era unha Sears dun solo cano do calibre 16 que lle regalara a Edelmiro un cuñado que viñera dos Estados Unidos facía moitos anos. A Sears levaba oito cartuchos nunha recámara, pero había que cargar dun en un dándolle á palanca que tiña para metelos no cano e iso nunca lle gustara moito, perdíase un tempo precioso.
Edelmiro Couselo Bugallo fora un gran cazador nos seus tempos, onde el puña o ollo podía ir confesada a peza á que enfilaba porque a ía mandar para o outro mundo sen remedio.
Pola súa zona dicíase que non houbera cazador coma el.
Aínda que se correra iso, tampouco o mérito era todo seu, “Meteoro” tiña moita parte nas aventuras cinexéticas de Edelmiro Couselo Bugallo.
Meteoro ía xogando constantemente monte adiante, agora si, no momento en que empezaba a camiñar a modo, e ía cada vez máis de vagar ata que quedaba parado coa pata dereita encollida apoiado tan só nas outras tres patas, o pescozo estirado e a cabeza ergueita, a menos dunha ducia de metros había perdices seguro. Tan só un movemento máis e as perdices emprendían voo. Ese era o momento esperado por Edelmiro.
“Meteoro” era un fermoso setter irlandés como non había outro, era a envexa de tódolos cazadores do contorno.
Xa con noventa anos, a Edelmiro Couselo Bugallo empezaba a patinarlle algo o cerebro, os miolos non rexían como deberan, pero aínda así el seguía coa súa teima da caza. E onde ía xa que “Meteoro” marchara para o outro mundo… Tan bo can fora que seguramente estaría no ceo dos animais…
Os lugares preferidos por Edelmiro para ir a practicar a súa afección favorita, nos bos tempos, eran as fecundas terras de Fornelos de Montes, os contornos do monte Galiñeiro e os terreos do concello de Gondomar e limítrofes. Despois ía a outros moi diversos lugares, para cazar case todo lle valía aínda que loxicamente tiña como preferencia os primeiramente nomeados.
Antes de enviuvar, Asunción, que era a súa muller, preparáballe un algo para picar a medio día e nunha bota de coiro levaba un gurrucho de viño tinto do Ribeiro para calcarlle á comida.
-Mira que te pares a comer Edelmiro, non me veñas para a casa de volta con todo o que levas.
O SETTER IRLANDÉS METEORO
-Ei comer, muller, ei comer… non te preocupes que eu ben me sei coidar.
Asunción era unha gran cociñeira, preparaba a caza que Edelmiro traía cun xeito que todo aquel que a probaba chupaba nos dedos. Tamén se dicia que preparaba moi ben o gato en escabeche, pero eso non se sabe se é verdade ou se é un conto que alguén se inventou para incomodala.
Xa viúvo, Edelmiro non preparaba nada para comer no monte, nin siquera o que é a parva de media mañá. Logo non comía senón que algún compañeiro de caza o invitara do que el levaba e lle insistirá para que lle meterá ó corpo algo.
Cando chegaba ó monte, sempre con outros compañeiros, nunca ía só, lebres, coellos, perdices ou pombos escapaban del coma do lume.
-Xa te viron –dicialle Isidro, que era un dos compañeiros de caza máis asiduos, por meterse con el- Non miraremos unha soa peza por culpa túa, é só chegar ti e fuxir a caza a fume de carozo…
Cando se xuntaba con calquera amigo na taberna, xa cos seus noventa anos cumpridos, aínda seguía falando da caza, o seu tema de conversación era case exclusivamente a caza.
-Hoxe toca fútbol Edelmiro que vai xogar o Celta ¡Esquece por un momento a caza home!
-O fútbol é bo para vós que sodes novos, pero digades o que digades como a caza non hai outro deporte…
A Edelmiro non lle saía a caza da cabeza.
-Pero Edelmiro, no mundo hai outras cousas moi interesantes aínda que non se trate da caza.
-Home si, pero como a caza non hai nada…
-Contigo non hai maneira…
A Edelmiro non había quen o baixara da burra, a caza era a súa teima.
Os vecinos xa chamaran máis dunha vez á Garda Civil, pero estes coñecían ben a Edelmiro e non facían moito caso porque as denuncias tampouco eran formais, sempre era un sinxelo aviso do que ocorría na casa de Edelmiro Couselo Bugallo.
Pero aquel día, despois de varios avisos dos vecinos máis próximos, xa a Garda Civil non puido facerse máis a desentendida, tiveron que ir a detelo, Edelmiro ademais de dispararlle ó gato disparáballe a todo canto concidadán pasaba por diante da súa casa.
Cando chegaron os axentes da Garda Civil Edelmiro non lles fixo frente, estaba nu fóra da casa a carón da porta da entrada. Ben afirmado cos pés no chan, co rabo dunha escoba apoiado no ombreiro, pegáballe tiros a todo aquel que pasaba por diante súa. A Garda Civil non…
Edelmiro Couselo Bugallo era moi boa persoa, pero…
O último que se soubo de Edelmiro Couselo Bugallo é que estaba no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e que a filla Hortensia, que nunca dera feito bo del, ía con Apolinar a visitalo con moita frecuencia.
Coas escopetas hai que ter moito coidado que as carga o diaño…

Manolo Gulias Márquez
Docente
Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥